¿Quen teme a Lula?

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A cinco días das eleccións do 6 de outubro, Lula está a medio punto de facer innecesaria a 2ª quenda. Atópase a escasas décimas do 50% dos votos que precisa para ser proclamado presidente. Nas rúas pálpase a ilusión pola cercanía do cambio histórico que se aveciña, mentres o real é devorado pola especulación financeira, empeñada en engadir peso sobre a lousa económica que lle agarda ao novo presidente a partir do 1 de xaneiro.

Nos laboratorios demoscópicos do equipo da campaña de Luiz Inacio, dirixidos pola filla de Galegos Marisol Recamaz, están empeñados en torcer o único segmento da poboación que dificulta a maioría absoluta no primeiro turno: o voto feminino.

No cuartel xeral da campaña, se considera que o pasado domingo marcou o limiar da entrada na semana da victoria, no que o electorado adoita incrementar ata catro pontos a intención de voto de todo futuro presidente coa súa aposta de voto gañador.

Lula xa posúe o 55% do voto masculino, o 50% entre os máis mozos, o 56% entre as persoas de maior nivel de estudios, o 56% entre os reducidos privilexiados brasileiros que gañan máis de 2.000 reais ao mes…

Mais existen dous segmentos que se resisten ao cambio. Só o 45% dos maiores de 60 anos parecen decididos a por o seu grao de area na consecución do cambio. Pero é no segmento feminino onde o ex -obreiro metalúrxico acada o seus peores resultados, cunha estimación de voto só do 43%.

Na noite do pasado venres, en Sao Paulo, acompañei a un grupo de estreitos colaboradores de Lula, entre os que se atopaba Marisol Recamaz, a única muller no reducido comité da campaña do PT, composto por 12 persoas.

Como socióloga experta en sondaxes electorais, trataba de pescudar nas resistencias femininas ao cambio. Apuntaba como primeira causa o feito de que Lula represente a figura masculina clásica do Brasil que mantén inalterable o status de prostración da muller brasileira. Para elas Lula, en tanto en cuanto símbolo masculino, non representa cambio algún, na súa expectativa vital.

Unha segunda razón estaría na responsabilidade histórica que a muller tivo na consolidación da estructura familiar que deu estabilidade ao Brasil. Existen medos propios de todo cambio, medos á chegada de incertezas no tempo da mudanza. Como mulleres, asumen a responsabilidade dar estabilidade, antes de abrirse a inseguridade do cambio.

Fora das sús interpretacións sociométricas, intuíase certa resignación pola escasa presencia de cadros femininos, nun partido cun maior peso da muller entre a afiliación.

Mais o temor a Lula tamén provén de sectores empresariais, entre os que pulsei non poucas desconfianzas varias. Polo feito de non posuír experiencia de Goberno, por ter demasiados cobradores, postergados historicamente no Brasil e que parecen dispostos a tentar arrincar de Lula concesións imposibles para tempos de crise.

O empresariado Brasileiro, como o resto da sociedade, mantén distancias a respecto da liderado estadounidense no continente, e adoita posturas nacionalistas no campo económico. Mais iso non significa apoio incondicional a Lula. Tampouco xoga á desestabilización, nin está poseso de pánico diante do probable cambio. Pero entrou nun período de hibernación no seu dinamismo empresarial, a espera de acontecementos.

Quizais o maior temores nos que coinciden empresarios e petistas, sexa a inestabilidade parlamentaria que vai posuír o Brasil nos próximos anos. Lula disporá dun xeneroso sistema político presidencialista, mais ficará lonxe da obter un respaldo maioritario no parlamento, a non ser que estea disposto a crebar un dos maiores patrimonios do PT, a honradez, e mudar a base de prebendas o voto dun sector da clase política, sempre presta a deixarse comprar por un prezo razoablemente satisfactorio para os seus petos.

Onde, en verdade, a desconfianza na chegada de Lula se troca en indisimulado pavor é na importancia que o cambio pode ter no contexto rexional latinoamericano, no que Brasil representa o 40% do seu PIB. Nun momento no que está en crise o modelo liberal que significou o Consenso de Washington, aplicado na década dos 90 en todo o continente, que incrementou as desigualdades e os niveis de pobreza, a consolidación de Lula podería ser un referente para veciños en crise, e activar o contaxio ideolóxico que temen dende o FMI.

As eleccións de outubro teñen unha dimensión extranacional e e van aparecer moitos paos na roda para dificultar que o Brasil circule pola esquerda.

Con Lula na presidencia a chegada do Alca, nos termos establecido na actualidade, semella difícil, por non dicir imposible.

Se Lula consegue manexar a maior débeda en dólares, en relación ao PIB, dos últimos 90 anos, disporá dunha certa liberdade de orientación orzamentaria..Cada céntimo que os ataques especulativos lle traban ao real, limitará o seu poder de manobra para dispor de recursos para os investimentos.É, nos cuarteis petistas, xa manexan a posibilidade de atoparse cun real ao 20% do valor do dólar.

Alomenos, esta devaluación, seguirá a incrementar o noso fabuloso superávit comercial, e dinamizará a economía productiva interna, argumentan con boas doses de optimismo.

Esperanzas e medos para un mes de outubro, do que ninguén dubida da súa dimensión histórica.