20061030 reghaia atentado grupo salafista gspc

Ramadán sanguento en Alxeria: Fin de etapa?


 Atentado Grupo Salafista Predicación en Reghaia, clic para aumentar
Detrás de todos e cada un dos atentados, o Grupo Salafista pola Predicación e o Combate (GSPC) quen, recentemente, ten proclamado a súa lealdade á Al Qaeda de Ousama Ben Laden. Tras rexeitar de forma frontal o enésimo plano de Amnistía do presidente Abdelaziz Bouteflika que, baixo o nome de Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional, pretendía pechar unha etapa negra da historia alxerina –rezaba a propaganda gobernamental–, o GSPC multiplicou as súas accións violentas, notablemente en Alxeria, aínda que tamén en Mauritania e Malí. (Foto: Atentado do Grupo Salafista pola Predicación e o Combate en Reghaia o 30 de outubro de 2006).
 

Cun día de retardo con respecto ó Machrek (o Oriente árabe), os magrebíes festexaron esta mesma semana a festa musulmana do Aïd El-Fitr, que marca a finalización do mes sagrado do Ramadán. No imaxinario da Oumma ou “nación do Profeta”, estes 30 días lunares –que ás veces poden ser só 29– son un momento sinalado para a reflexión, o sacrificio e o ascetismo, así como para achegarse á Allah e a todos aqueles que sofren e padecen necesidade no mundo. Para outros –os menos, afortunadamente–, esta época do ano ten unha significación un tanto particular, implicando un plus de esforzo na súa particular Yihad El Kebir (“a Guerra Santa” con maiúsculas) contra o infiel, incluídos nesta categoría aqueles que, dun xeito a todas luces arbitrario e subxectivo, son considerados como “malos musulmáns” por algúns iluminados.

Menos mediatizados que os mortos de Iraq ou de Afganistán, nesta orde de cousas, un ano máis toca tamén facer balance das víctimas do Ramadán nun país como Alxeria onde, a pesares da propaganda gobernamental, as augas aínda distan de voltar á tan anhelada normalidade. En total, consecuencia de varios atentados e emboscadas, 27 víctimas mortais, amais das varias ducias de feridos, algúns dos cales se atopan actualmente entre a vida e a morte podendo, máis tarde ou máis cedo, engrosar as filas dos fenecidos.

Detrás de todos e cada un dos atentados, o Grupo Salafista pola Predicación e o Combate (GSPC) quen, recentemente, ten proclamado a súa lealdade á Al Qaeda de Ousama Ben Laden. Tras rexeitar de forma frontal o enésimo plano de Amnistía do presidente Abdelaziz Bouteflika que, baixo o nome de Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional, pretendía pechar unha etapa negra da historia alxerina –rezaba a propaganda gobernamental–, o GSPC multiplicou as súas accións violentas, notablemente en Alxeria, aínda que tamén en Mauritania e Malí. Na “Vella Europa” non somos alleos a estes desenvolvementos e informes, tanto policiais como dos servicios de intelixencia, non deixan de alertar sobre a ameaza que supón o GSPC.

Avanzamos cara un escenario totalmente pacificado en Alxeria? Os que tenden a ver o vaso medio cheo poderán dicir que este ano alomenos houbo menos mortos que no Ramadán de 2005, que rexistrou un total de 65 víctimas mortais. Poderán tamén dicir que a media de mortos mensuais entre 1991 e o ano 2000 se situaba en 300 persoas. Algúns non deixarán de aludir a aquel mes sagrado dos mahometanos do ano 1997 que deixou algo máis de 1.000 falecidos. Quizais teñan algo de razón: as estatísticas non están por nada! De miles de homes armados en disposición de matar nos 90, actualmente o ministerio de Interior estima que o “maquis” está composto por arredor de 400 individuos. De centos de mortos, pasamos a algunhas ducias. Avances? Si, vale.

Non é crible, nembargantes, ese aserto proclamado por amplos sectores do réxime en virtude do cal temos asistido á fin dunha etapa negra, albiscando xa ante nós un presente de paz e prosperidade. É que rematou o incesante goteo de atentados e de mortos, de familias desfeitas e de tolleitos? É que non é relevante o temor dalgúns a que se repita a historia, anticipando algúns a volta da Fronte Islámica de Salvación, ó fío da chegada ó país magrebí dos amnistiados do presidente? Tense feito xustiza de todo o acaecido durante máis dunha década de conflicto fratricida? Que hai dos máis de 6.000 individuos aínda desaparecidos? Non existe acaso aínda una sorte de economía de guerra que non remata por reducir a pobreza, o paro e as desigualdades? Para cando o prometido cambio democrático? E para cando a liberdade de prensa, de expresión, de reunión e de manifestación? Esperando a ter unha resposta a algunhas destas preguntas, non somos poucos os que seguimos pensando que queda moito por facer en Alxeria para pasar páxina.