Rasputín volve ao Kremlin

As similitudes entre a Rusia do primeiro cuarto de século e a dos albores do XXI son cada vez maiores, nomeadamente no xeito de exercer o poder. Se nos anos precedentes á Gran Guerra, as decisións do Kremlin estaban fortemente mediatizadas por unha estraña personaxe, o monxe Rasputín, e lexitimadas polo Igrexa ortodoxa, hoxe estano, de novo, por outro non menos enigmático persoeiro, Berezovski, quen afastado das grandes decisións durante o período de Primakov volve a inspirar o novo caos gobernamental.

A política rusa sorprende cada día. Cando parecía que despois de tocar fondo coa crise financeira de agosto pasado, en pleno balbordo político (destitución de Kiriienko e pretensión de Ieltsin de volver nomear a Chernomirdim), a racionalidade comezaba a imporse por medio dun Goberno disposto a exercer como tal, volve a situarse en primeiro plano o imprevisible presidente.

En oito meses, Primakov tiña conseguido devolver a Rusia unha precaria estabilidade política, na que o goberno se preocupaba do seu traballo, deixaba de lado as intrigas palacianas e comezaba a por limites aos intereses bastardos de especuladores mafiosos. Mesmo daba sensación de fortaleza, cando o primeiro ministro ordenou dar media volta ao avión que o levaba aos EEUU despois de que o vicepresidente americano lle comunicase o inicio dos ataques a Iugoslavia.

Era demasiado para Ieltsin e especialmente para a "camarilla do Kremlin" que tiña que contemplar como o poder se ía desprazando do palacio do tsar ao goberno. Cando se viron acurralados pola tentativa da Duma de procesar a Ieltsin "que pena non poder disolvela como facía Nicolás II" animáronse e destituíron a Primakov. O novo primeiro ministro comeza o seu mandato afirmando que é el o que manda no goberno. Dime de que presumes e direiche o que careces. Stepashin é un interposto de Berezovski, de Tatiana Diachenko, a filla de Ieltsin, e de Yumáshev, o xefe da administración presidencial. Stepashin quería nomear a Zhúkov como encargado de asuntos económicos, dinlle que o indicado é Zadórnov quen aos poucos días abandona para deixarlle paso a Axiónenko, o home de Berezovski. De novo o caos político e a intriga palaciana.

Berezovski, un matemático de orixe xudía (ten pasaporte israelí), membro da Academia das Ciencias e secretario da Comunidade de Estados Independentes (CEI) sustenta a súa influencia nun imperio económico, acrecentado coas privatizacións de 1997, baseado en concesionarias de automóbiles, a petroleira Sibneft, Aeroflot, o diario Nezavisimaia Gazeta, o semanario Ogoniok e o control da cadea de tv. ORT de maioría estatal. Foron estes medios os que lograron o milagre de que Ieltsin fora de novo elixido en 1996. Pero o seu autentico poder ven das súas relacións coas personaxes que rodean ao tsar Boris.

Os obxectivos políticos da corte están claros: conseguir un novo crédito de 700.000 millóns de pesetas para ir tirando ata as lexislativas de finais de ano e as presidenciais do 2000, preparar unha saída segura de Ieltsin e os seus do Kremlin, seguir mantendo posicións no reparto da torta e impedir a chegada ao poder dalgún perigoso vermello. Para logralos será necesario renunciar á firme posición mantida nos Balcáns.