20090128 a habana felipe perez roque

Raúl dita as pautas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego
 Felipe Pérez Roque; clic para aumentar
A remoción e reordenamento noutros cargos de personaxes tan coñecidos como o ex chanceler Felipe Pérez Roque (na foto) e Carlos Lage foi analizada por diversos especialistas como un intento de Raúl de afastar aos denominado "fidelistas" do novo goberno cubano, consolidando as posicións de figuras máis próximas ao novo presidente.
 

Que lle espera a Cuba tras os recentes cambios gobernamentais anunciados polo presidente Raúl Castro? A maior reorganización do goberno cubano nos últimos anos permite albiscar determinados escenarios que, en diversas perspectivas, están concibidos de cara a reacomodar as relacións de Cuba con EEUU.

A remoción e reordenamento noutros cargos de personaxes tan coñecidos como o ex chanceler Felipe Pérez Roque e Carlos Lage foi analizada por diversos especialistas como un intento de Raúl de afastar aos denominado "fidelistas" do novo goberno cubano, consolidando as posicións de figuras máis próximas ao novo presidente. Pérez Roque e Lage representan tamén a avanzada da nova xeración de líderes que, hipoteticamente, tomarían as rendas do Estado, unha vez desaparecesen fisicamente Fidel e Raúl Castro.

Aínda que non se sabe con exactitude se esta reorganización do goberno cubano significa o paso do "fidelismo" ao "raulismo", o novo presidente cubano logrou consolidar en diversos cargos a personaxes moito máis ligados ás súas ideas de reestruturación e apertura económica, especificamente con respecto a diversos comandantes da Forza Armada Revolucionaria (FAR) que se destacaron a principios da década pasada como eficientes xestores económicos das empresas estatais, curiosamente beneficiados polas reformas económicas impulsadas por Lage naquel momento.

A reestruturación e fusión de diversos ministerios claves como Agricultura, Comercio e Finanzas, colocando a militares na súa xestión, permite tamén albiscar o enfoque máis eficiente e austero que Raúl espera aplicar á economía cubana, a fin de acometer os retos e as dificultades emanadas nos mercados internacionais coa crise económica actual.

Consolidando ao "raulismo" como eixe de poder, o escenario máis próximo está contido nun reacomodo nas relacións da Habana con Washington, agora que Barack Obama ocupa a presidencia na Casa Branca. Paralelamente, o cambio permite afondar o proceso de reinserción de Cuba no escenario internacional. Nos últimos meses foi notoria a visita á capital cubana de diversos mandatarios internacionais, desde o ruso Dmitri Medveded ata a chilena Michelle Bachelet.

Este recambio gobernamental en Cuba debe ser minuciosamente observado en Europa, especialmente sensible ante a situación dos dereitos humanos na illa caribeña. Un caso aparte meréceo a actual presidencia checa na UE, tradicionalmente moi crítica coa situación dos dereitos políticos e sociais no país caribeño.

A UE acaba de suspender as sancións económicas e políticas a Cuba vixentes desde 2003, tras o famoso proceso de 75 disidentes cubanos. É moi posible que Bruxelas tente agora unha nova toma de contacto con Raúl Castro, co fin de propiciar unha maior apertura diplomática. Medida que estaría igualmente determinada pola política que finalmente adopte Obama con respecto a Cuba, especialmente ante a presión de diversos lobbies en EEUU ansiosos de acabar co embargo económico vixente desde 1962.

Os cambios na cúpula cubana, pexorativamente cualificados por diversos sectores disidentes como "a purga de Raúl", terán igualmente influencia nas relacións de Cuba con gobernos estreitamente aliados, como son os casos de Venezuela e Bolivia. O contexto xorde así diferente, razón pola que a opinión pública mundial estará moi pendente das prioridades que tome Raúl Castro nos próximos meses.