Reactivase o proceso de paz en Oriente Medio

O primeiro ministro israelí, Ehud Barak, anunciou que o primeiro de outubro comezará a retirada do exército de Cisxordania segundo se tiña asinado nos acordos de Wye Plantation, incumpridos polo seu antecesor no cargo Benxamín Netaniahu.
Ao mesmo tempo o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Iasir Arafat, continua coas conversas cos sectores da OLP opostos aos acordos, nomeadamente coa Fonte Popular de Liberación de Palestina.

O recente triunfo electoral dos laboristas abre de novo as posibilidades de avanzar nas negociacións de paz. O primeiro ministro Barak retoma o camiño iniciado polos seus antecesores, Rabin e Peres, e amosase disposto a romper o bloqueo das negociacións imposto, dende 1996, polo goberno de Netaniahu.

A actitude negociadora do novo mandatario israelí amplíase tamén ao contencioso con Siria polos territorios do Golán ocupados dende 1967. Esta actitude tivo unha resposta favorable por parte do goberno de Damasco.

Ao mesmo tempo o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Arafat, iniciou unha serie de conversas cos grupos que integrando a OLP amosaron durante anos a súa oposicións aos acordos e negociacións con Israel. O líder de Al Fatah e da OLP, necesita acadar o maior consenso posible entre as forzas palestinas se quere dirixir o proceso, que colle novos folgos, cara a constitución dun Estado Palestino. As conversas máis fructíferas semellan ser as que se levan producido co principal grupo opositor, a FPLP, liderada polo doutor George Habache, aínda que o encontro entre os dous lideres non se teña producido.

O triunfo dos laboristas en Israel, a actitude siria, o papel de Khatami no Irán, a perseverante actitude de Arafat, o novo rei xordano son factores a ter en conta e unha esperanza para a paz na zona que por outra banda conta con moitas ameazas como sinala Xesús A. Núñez Villaverde, membro do IGADI na súa colaboración en Tempos Novos do pasado xullo.