O convulso agosto vivido, marcado polas tensións financeiras arredor da débeda soberana en Europa e a rebaixa crediticia de EEUU así como polo recruar das tensións sociais en varios países, con ameazas a maiores de profundar na recesión e agravar as dificultades de recuperación, evidenciou a persistencia de graves problemas estruturais.
O convulso agosto vivido, marcado polas tensións financeiras arredor da débeda soberana en Europa e a rebaixa crediticia de EEUU así como polo recruar das tensións sociais en varios países, con ameazas a maiores de profundar na recesión e agravar as dificultades de recuperación, evidenciou a persistencia de graves problemas estruturais. É de temer que se estes non se abordan como é debido, rachando cos tópicos que ata agora fóronse asentando como biblia do neoliberalismo, non conseguiremos saír da canella en que se atopa a economía mundial.
Ata agora, todo o énfase vense poñendo na laminación do Estado do benestar, na redución do déficit público, no aumento dos impostos a bens e servizos de uso común, na eliminación de dereitos que considerabamos grandes conquistas sociais, etcétera. A asimetría con respecto a outras esixencias que mesmo chegaron a formar parte do borrador da folla de ruta do propio G20 nas horas temperás da crise (mesmo a supresión dos paraísos fiscais ou a taxación das transferencias de capital) é mais que notoria. De súpeto, todo o problema quedou reducido ao endebedamento.
Pero a regulamentación e control dos mercados financeiros é un clamor dende hai anos. As inhibicións gobernamentais son incomprensibles, a non ser que admitamos que a perda de poder do Estado non soamente devén das sucesivas ondas privatizadoras que o debilitaron senón tamén do seu escandaloso sometemento aos ditames do poder financeiro. Tal perversión democrática fundamentaría as explosións incontroladas de ira, unha forma de impotencia.
Esa regulamentación debe introducir limites precisos a aquelas actividades especuladoras que podan prexudicar ás maiorías sociais. Tamén, claro está, debe incluír ás propias axencias de cualificación, no ollo do furacán, cunha independencia comprometida non unicamente pola súa falta de rigor e complicidade con estes poderes (lembremos a súa utilidade na colocación dos activos tóxicos de Wall Street) senón tamén polo propio feito de radicarse nos países debedores, cousa que non debe ser de moito agrado dos países acredores. Todos deben render contas, ao igual que os nosos banqueiros, que viven a crise desde refuxios seguros e á marxe das investigacións das máis liviáns. Inaudito.
E nesa reestruturación tampouco poderá obviarse a cuestión da hexemonía do dólar estadounidense, aínda a moeda de reserva mais poderosa do mundo. Non toca agora, pero as tendencias indican que será inevitable e mellor será abordar asunto tan complexo con previsión pois dese xeito tamén serán máis controlables os contaxios da inestabilidade en EEUU ao resto do mundo, inevitables hoxe en día polo peso do dólar na economía global, excesivo á vista da súa minguante significación.