Seis altos oficiais das Forzas Armadas dos EEUU critican abertamente ao secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, pola súa estratexia militar na invasión a Iraq. O acusan de "estratéxica, operativa e tacticamente incompetente", en palabras do seu principal detractor, o xeneral retirado do Exército Paul Eaton. Este inédito caso de "rebelión militar" na historia estadounidense descifra a interminable crise de credibilidade e eficiencia dunha administración que, actualmente, rexistra os seus máis baixos índices de aceptación popular.
Non é a primeira vez que Rumsfeld se atopa sinalado directamente pola súa responsabilidade no operativo da invasión ao país árabe. O escándalo Plamegate a finais de 2005, as escoitas ilegais, a base ideolóxica da estratexia de "guerra preventiva", a intromisión política nas competencias de organismos de seguridade, o seu cinismo e prepotencia, son síntomas reveladores de que, dentro dun goberno cada vez máis desacreditado, Rumsfeld constitúe o seu punto máis escuro e odiado.
Para o presidente Bush, a rebelión contra Rumsfeld aféctalle directamente porque o secretario de Defensa, principal responsable do Pentágono, constitúe un elemento primordial da ideoloxía neoconservadora instalada na Casa Branca desde o 2000. De pouco vale o frontal apoio oficial de Bush a un Rumsfeld que, nos derradeiros tempo, xa lle presentara a súa renuncia de duas ocasións. Unha presunta caída de Rumsfeld significaría un golpe político de grande magnitude para Bush e o seu equipo.
No 2006, EEUU está en eleccións porque en novembro haberá renovación do Congreso Nacional. Tamén é un momento clave porque, a falta de dous anos e medio, o país político se prepara lentamente para as eleccións presidenciais. Bush espera renovar maioría no Congreso, un escenario pouco probable, así como asegurar un candidato do seu partido para manter a hexemonía republicana na Casa Branca. Pero ningún dos dous escenarios amosa sinais favorables aos seus plans.
A rebelión militar no Pentágono pode dar paso a unha rebelión nas filas do Partido Republicano. A figura de Rumsfeld non sementa demasiadas adhesións nunha militancia partidista onde as voces de renovación e cambio de enfoque comezan a ascender e amosar o seu descontento. Tal como acontece no partido Demócrata, moitos republicanos esperan saír de Bush e do seu equipo para tentar recuperar a credibilidade e a imaxe estadounidense no exterior, menos belicista e unilateral. Aínda que confirmado no seu cargo, a caída de Rumsfeld pode significar o fracaso do proxecto "neoconservador" en Washington.
Coma Bush, o vicepresidente Dick Cheney, principal defensor de Rumsfeld, atópase tamén en situación delicada, o que confirma que Iraq está a afectar a viabilidade da administración Bush. Nun momento en que se tensa a corda polo programa nuclear de Irán e coincidindo coa importante visita do presidente chinés Hu Jintao, o goberno de Bush non quere que o "affaire Rumsfeld" constitúa un síntoma de debilidade. Aínda que tente sortear un vendaval de críticas e acusacións, as urnas poderían pasarlle factura nos próximos meses.