20080909 spremberg schwarze pumpe power station

Recadar co cambio climático

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Central eléctrica Schwarze Pumpe (Spremberg-Alemaña); clic para aumentar
Se os dereitos de emisión fosen poxados tal e como se preveu no esquema de comercio dos dereitos de emisión de gases contaminantes da UE, os gobernos serían capaces de recadar 30 billóns de euros anualmente dende o 2012 en adiante, tendo en conta que estas cantidades se incrementarían ate os 90 billóns anuais en 2020. Con estas cifras e con media Europa en déficit presupostario, sería doado facer progresos e presión para sensibilizar profundamente acerca da importancia e da gravidade do cambio climático promovendo máis medidas "verdes". [Foto: Chemineas de refrixeración da central eléctrica de Schwarze Pumpe, en Spremberg, Alemaña].
 

Servirá a recesión económica e a crise financiera para reducir as ambicións da UE no tema ambiental e, sobre todo, no asunto do cambio climático?

Pois non. Igual que non se pode agardar que os inversores privados de por si se preocupen do problema do cambio climático, nin de que o asunto se solucione coa regulación dos dereitos de emisión a través do EU Emissions Trading Scheme (EU ETS), que en parte semella máis ben un sistema para acalmar a mala conciencia medioambiental dos países industrializados, é de esperar agora que a oportunidade intervencionista que se lle presenta a cada executivo abra novas portas ós gobernos para incrementar a recadación para asentar os principios de eficiencia enerxética e de protección do medio ambiente.

Os gobernos comprométense cada vez máis coa promoción dos coches "verdes", electrodomésticos eficientes e modernos enerxeticamente, na subvención de iluminacións de baixo consumo, placas solares, biofueis, e mesmo hai quen apoia seriamente volver darlle un empurrón ás enerxías nucleares. Pronto, a dirección xeral da competencia da Comisión Europea estará colapsada coas reclamacións por subvencións indebidas dos estados membros en canto se empecen a facer excepcións nas normas referentes ós subsidios públicos. A cambio, é de agardar que se tomen medidas de tipo fiscal para penalizar o gasto enerxético de electrodomésticos pouco eficientes, incrementos das tensións no prezo da enerxía, e dos combustibles que coa baixada do cru dan unha maior marxe e un respiro, outorgando desta forma novas vías tributarias. Por exemplo, as autoridades locais de cidades como Londres, Milán ou Berlín, dispensan os vehículos verdes das restricións ás que someten habitualmente o tráfico debido á conxestión por ser "environmental friendly", e é de supoñer que algunha multa poñerán se un condutor despistado se salta as normas.

Se os dereitos de emisión fosen poxados tal e como se preveu no esquema de comercio dos dereitos de emisión de gases contaminantes da UE, os gobernos serían capaces de recadar 30 billóns de euros anualmente dende o 2012 en adiante, tendo en conta que estas cantidades se incrementarían ate os 90 billóns anuais en 2020. Con estas cifras e con media Europa en déficit presupostario, sería doado facer progresos e presión para sensibilizar profundamente acerca da importancia e da gravidade do cambio climático promovendo máis medidas "verdes".

Amais este fenómeno de mercadeo coas emisións contaminantes para equilibrar as caixas non existe tan só en Europa, senón que nos EEUU tamén está de moda. No congreso norteamericano estase a discutir un sistema de fixación de límites máximos e intercambio dos dereitos de emisión de entre o 7 e o 15% do total do presupostos dos estados membros da federación.

En calquera caso, máis aló do posible incremento da presión fiscal pola vía da promoción das enerxías renovables impulsada pola excesiva dependencia europea de Rusia e Oriente Medio en materia enerxética (teñamos en conta o pánico que causa o simple feito de que Gazpron forme parte do accionariado de Repsol), amais do visible impacto no clima global, é imprescindible facer fincapé na emerxencia de novas tecnoloxías nun espazo de tempo breve. Iso, tendo en conta que non vai ser gratuíto.