Refuxiados nunha Europa indiferente

A masiva chegada de refuxiados a Europa proveniente das guerras de Siria e Libia está provocando o mais agudo drama humanitario desde a II Guerra Mundial. Países como Grecia, Macedonia, Serbia e Italia víronse desbordados pola masiva chegada de aproximadamente 25.000 persoas que non só foxen das penurias económicas senón de conflitos bélicos próximos ás costas europeas, e das que Europa ten igualmente un elevado nivel de responsabilidade. Neste contexto, a crise dos refuxiados  pon a proba os cimentos nos que se basea unha Unión Europea fortemente criticada pola súa indiferente actitude e responsabilidade á hora de aplicar as súas obrigas en materia de asilo e dereitos humanos. 

Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Europa Refuxiados
Idiomas Galego

A masiva chegada de refuxiados a Europa proveniente das guerras de Siria e Libia está provocando o mais agudo drama humanitario desde a II Guerra Mundial. Países como Grecia, Macedonia, Serbia e Italia víronse desbordados pola masiva chegada de aproximadamente 25.000 persoas que non só foxen das penurias económicas senón de conflitos bélicos próximos ás costas europeas, e das que Europa ten igualmente un elevado nivel de responsabilidade. Neste contexto, a crise dos refuxiados  pon a proba os cimentos nos que se basea unha Unión Europea fortemente criticada pola súa indiferente actitude e responsabilidade á hora de aplicar as súas obrigas en materia de asilo e dereitos humanos. 

Unha radiografía sucinta da crise dos refuxiados que actualmente “desembarca” en Europa, principalmente daqueles provenientes do conflito sirio, ilustra en qué medida os gobernos europeos non están atendendo con celeridade unha problemática que está a converterse no principal drama humanitario do século XXI.

Desde que comezou a guerra en Siria en 2011, un total de 9 millóns de persoas deberon fuxir dun conflito inicialmente motorizado pola vaga de cambios enraizada na fenecida Primavera árabe, pero atizada polas rivalidades sectarias e os intereses externos. Na pretensión por derrubar o réxime de Bashar al Asad, un dividido mosaico de actores políticos e paramilitares opositores, entre os que se atopaban milicias do Estado Islámico (Daesh en árabe), recibiu o apoio de actores externos, en particular Arabia Saudita, Catar e Turquía, que contando co tácito beneplácito de EUA e Europa, procrearon e intensificaron as variables deste conflito e o seu consecuente drama humanitario.

Aproximadamente tres millóns de persoas fuxiron cara países veciños como Turquía, Líbano, Xordania, Iraq e Líbano, así como outros deberon refuxiarse en Exipto, toda vez outro millón tentou refuxiarse internamente noutras zonas sirias(1) aparentemente distanciadas do conflito. En termos globais, calcúlase en mais de 250.000 as vítimas mortais acaecidas polo conflito sirio desde 2011.

O avance e consolidación do Daesh, particularmente no norte e leste de Siria fronteirizos con Turquía e Iraq, intensificou aínda mais o drama dos refuxiados. Nos derradeiros dous anos, Turquía recibiu aproximadamente 1,6 millóns de refuxiados sirios, sendo a maioría confinados en asentamentos e sufrindo moitas veces unha actitude hostil por parte das autoridades turcas.

Pero non é só o conflito sirio o berce desta crise de refuxiados. Casos precedentes como as guerras en Afganistán e Iraq, o caos na Libia post-Gadafi e a dinámica de pobreza e desigualdade que azoutan África subsahariana, son factores que incrementan as cotas de inmigración e refuxiados cara unha Europa que, cando menos no seu estamento político, observa con desdén e distancia un drama humanitario cada vez mais acentuado na súa contorna mediterránea.

A indiferenza como política

Se a indiferenza occidental e particularmente europea ten sido notoria nese drama, compre igualmente observar que ningunha “petromonarquía” do Golfo Pérsico (Arabia Saudita, Catar, Bahrein, Kuwait e Emiratos Árabes Unidos) aceptou recibir a ningún refuxiado da guerra siria. Critícase igualmente que países como Rusia, Xapón, EUA ou Corea do Sur tampouco ofreceran asilo ou refuxio a estas persoas.

Así, aproximadamente 25.000 persoas fuxiron cara Europa a través de rutas marítimas e terrestres polo Mar Mediterráneo, Turquía e os Balcáns. Con todo, diversas organizacións internacionais, entre as que destacan Amnistía Internacional, están acusando aos líderes europeos de incumprimento das súas responsabilidades e obrigas en materia de asilo e acollida de refuxiados, principalmente a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Carta Fundamental da Unión Europea, a Convención de Xenebra, o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, o Protocolo de Dublín, a Convención da ONU do Dereito do Mar, así como diversos aspectos das respectivas Constitucións dos países membros da UE, en materia de dereitos humanos.

Estas críticas cuestionan a capacidade da Unión Europea como organismo de integración e defensora da solidariedade e dos dereitos humanos. O drama humanitario que se vive en plena ribeira mediterránea, dende Ceuta ata as costas turcas, ofrece o macabro espectáculo de masivas embarcacións repletas de refuxiados cara as costas europeas, posteriormente apiñados e confinados en campos e centros de detención, outros mobilizados vía terrestre cara Europa central e nórdica como presunto destino final.

Pero a hostilidade e a xenofobia dalgunhas autoridades e sectores contrarios a inmigración vai parello de determinadas manifestacións de solidariedade por parte de cidadás europeos sensibles ante esta catástrofe humanitaria. Son casos simbólicos como a indignación provocada pola dramática foto do neno sirio Aylan afogado nas costas turcas, a dureza das autoridades húngaras contra os refuxiados sirios na estación de tren de Keleti en Budapest, os ataques de extremistas contra campos de refuxiados en Alemaña e a morte de 70 refuxiados asfixiados nun autobús que cruzaba a fronteira austríaca con Hungría, aspectos que contrastan coa mobilización de cidadáns islandeses ou austríacos, por tomar algún exemplo, ofrecendo asilo doméstico aos refuxiados sirios e contrariando a cota de aceptación ofrecida polos seus respectivos gobernos.

Precisamente, un país como Austria está no epicentro desta crise de refuxiados, ao recibir 80.000 persoas que buscan asilo político no país centroeuropeo, unha cifra substancialmente superior aos máis de 28.000 que solicitaron asilo en 2014.

Con todo, non é a Unión Europea a mais afectada. Segundo Amnistía Internacional, Turquía é o país que mais soporta o drama dos refuxiados sirios, con peticións de asilo dez veces superior ás solicitudes recibidas nos 28 países membros da Unión Europea. Países como Alemaña, que recibirá 800.000 refuxiados sirios ata finais de 2015, e Suecia tramitan desde 2012 un total de 96.500 peticións de asilo, mentres que o resto da Unión Europea ofrece un magro índice de promesas de asilo, un total de 5.105, que equivale ao 0,13% dos refuxiados sirios dos seus países de acollida(2).

Punto de inflexión para a xenofobia

Pero existen outros casos de medidas extremistas e restritivas. A pechadura de fronteiras a través de valados de púas provocaron críticas contra o goberno húngaro do dereitista Viktor Orban, coñecido polas súas políticas anti-inmigración e de carácter xenófobo contra minorías étnicas.

Outro punto quente que explotou os temores de xenofobia foi a concentración de máis de 3.000 refuxiados no paso de Calais en Francia, coa pretensión de pasar polo Eurotúnel ata a localidade británica de Dover. O primeiro ministro británico David Cameron declarou a posibilidade da pechadura deste paso, toda vez anunciaba punitivas medidas de castigo contra centos de inmigrantes ilegais. Segundo fontes da Oficina Nacional de Estatísticas británica, desde abril de 2014, uns 330.000 refuxiados intentaron ingresar en Gran Bretaña, un 40% máis que o período anterior.

Outras ONGs de dereitos humanos instaron a retirar á Unión Europea o seu premio Nóbel da Paz, precisamente pola súa indolencia e incapacidade de asimilación desta crise. A explosión de determinados sentimentos de xenofobia, en particular en diversas localidades alemás e gregas, con ataques a campamentos e centros de refuxiados por parte de grupos vinculados a organizacións extremistas e neonazis, fan temer un eventual ascendo de partidos populistas extremistas, como a Fronte Nacional francés, no cometido de canalizar esta crise de refuxiados con claras expectativas electorais.

Por tanto, o mapa desta crise de refuxiados deixa entrever non só as complexidades do problema humanitario senón a notable indolencia occidental de non querer observar con atención o que sucede nas súas propias fronteiras e os conflitos próximos á súa contorna xeopolítico, en particular os de Siria e Libia, esencialmente provocados pola súa incapacidade para atopar solucións non militares.

No seu seo, esta crise entraña un perigoso cóctel de mafias lucradas pola inmigración ilegal, persecucións políticas dos conflitos de Afganistán, Siria, Iraq, África subsahariana e Libia, así como de traficantes de persoas. Neste sentido, estímase que hai dúas rutas principais que propician este éxodo: unha marítima, a do Mediterráneo Central, con Libia e Malta á cabeza, considerada a máis perigosa pola odisea de refuxiados que foxen do conflito libio e da África subsahariana; e outra terrestre, a de Grecia e os Balcáns, pasando por Turquía, considerada a de maior concentración de persoas que foxen dos conflitos iraquí, afgán e sirio.

Segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM), no que levamos de 2015, un total de 209.457 chegaron a Grecia, 111.197 a Italia, 2.166 a España e 94 a Malta. Pero o saldo dramático contabilízase con máis de 2.000 afogados en augas mediterráneas entre xaneiro e xullo de 2015. Uns 2.000 inmigrantes cruzan a diario a fronteira entre Grecia e a Antiga República Iugoslava de Macedonia, e posteriormente continúan a súa viaxe en tren ou en autobús cara a Serbia. Nos últimos meses o principal porto de saída de refuxiados foi Libia, desde cuxos portos de Trípoli, Zawiya, Sabratha e Zuwara saíron centos de miles de refuxiados dos cales un 43% son sirio, un 12% afgáns e un 18% africanos, principalmente provenientes de Eritrea, Nixeria, Sudán e Somalia(3).

Segundo a organización Frontex, polo menos 132.240 inmigrantes e refuxiados chegaron a Europa entre ese mesmo período, a través da ruta Mediterráneo Leste, que vai dende os Balcáns e dende Asia, a través de Bulgaria e Turquía ou Grecia e Turquía. O destino é Hungría, membro da Unión Europea do mesmo xeito que Bulgaria e Grecia pero porta de entrada do espazo Schengen que oficialmente permite a libre mobilización en territorio europeo.

Unha errática xeopolítica

A peor crise de refuxiados en Europa desde a II Guerra Mundial denota igualmente os efectos colaterais da errática política europea á hora de atopar solucións non militares aos conflitos como Afganistán, Iraq, Siria e Libia. A consolidación do Estado Islámico entre Siria e Iraq é fonte primordial desta vaga de refuxiados, toda vez a caída do réxime de Gadafi en Libia (2011) acentuou o caos migratorio ás portas mediterráneas europeas.

Do mesmo xeito, a crise de refuxiados intensificou os problemas socioeconómicos en países con forte crise financeira, en particular Grecia, sen menoscabar os seus efectos en Macedonia e Bulgaria, toda vez atizou a división política europea.

Nun recente cumio en Viena a finais de agosto reflectiuse o marco das divisións e a incapacidade europea para acometer esta crise. Mentres Macedonia e Serbia, que non son membros da Unión Europea pero que concentran actualmente o maior número de campos de refuxiados, pedían máis axudas económicas e loxísticas para xestionar a crise, Alemaña e Austria instaban a un “reparto xusto” do número de refuxiados entre todos os socios da UE, unha posición que afonda aínda máis a indignación en diversos sectores da opinión pública europea.

Pode que este nivel de indignación ante o “reparto xusto” dos refuxiados hipoteticamente influíse na decisión furtiva de Berlín de aceptar 800.000 peticións de asilo e de Viena de aceptar outras 80.000. Pero no fondo, nada parece deter a peor crise humanitaria e de refuxiados que vive a Europa actual, motorizada pola súa errática xeopolítica na contorna mediterránea, a súa suxeción aos intereses atlantistas nos conflitos bélicos dende Afganistán ata Libia, con Siria e Iraq no epicentro, e unha marcada indiferenza que cuestiona a súa capacidade de cumprimento de compromisos internacionais en materia de asilo e dereitos humanos.

 



(1) Dados de Syrian Refugees. A Snapshot of the Crisis in the Middle East and Europe. Ver en: http://syrianrefugees.eu/ Este sitio web está actualizado ata decembro de 2014.