Reid salva a Trimble

Unha vez máis Londres modificou as regras de xogo para salvar a Trimble. O Ministro para Irlanda do Norte, John Reid, logrou convencer ao pequeno partido da Alianza para que cambie de adscrición e permita deste xeito a reelección de Trimble como Ministro Principal. Terá tamén que prolongar os prazos para permitir que se celebre unha nova votación. O obxectivo evitar a convocatoria de novas eleccións ou a suspensión da autonomía.

Cando o 23 do pasado outubro o IRA anunciaba que ía poñer fora de uso os seus arsenais, información ratificada pola Comisión Internacional, e admitida como valida por Trimble, Londres e Dublín, todo indicaba que o proceso de paz retornaba ao sendeiro deseñado en Stormont. Os unionistas regresarían á Asemblea do Ulster e Trimble recuperaría o seu posto como Ministro Principal. A sorpresa saltou, o pasado venres, na votación para que o dimitido Trimble recuperase a dirección da Asemblea. Trimble acadou o apoio do 70,6 % dos electos, esto é 72 dos 102 votos posibles, entre os que estaban os deputados do Sinn Fein e do SDLP. Faltaba a letra pequena de Stormont, imposta daquela polos unionistas de Trimble. Para ser elixido é necesario o 50% do bloque ao que pertence o candidato: nacionalista ou unionista. A división interna pasoulle factura a Trimble e so logrou o 49,2% dos votos unionistas, faltoulle un. Dous deputados do seu partido votaron en contra. Trimble non foi elixido.

Outra novo parón ao proceso de paz. Os unionistas, máis recalcitrantes, atemorizados polo desarme do IRA temen agora perder o poder real. Néganse a modificar o sistema de discriminación social e económico que xerou, hai tres décadas, o regreso do IRA. Néganse a admitir que os tempos cambiaron, que o progreso económico reduciu as diferencias sociais e que a maior taxa de natalidade dos católicos converteraos dentro de dez ou vinte anos en maioría no Ulster. Atemorízanse ao ver ao IRA sen armas, ao exercito inglés desmantelar as instalacións militares e a Londres propoñer o cambio de nome da policía RUC (Royal Ulster Constabulary) polo de PSNI (Servicio de Policía de Irlanda do Norte). Téñenlle medo á paz.

O católico escocés, Reid, preferiu que o proceso perda lexitimidade democrática a que se celebren eleccións anticipadas. O resultado podería ser perigoso para o acordo si os votos unionistas se concentran en torno a Ian Paisley, dando xa por descontado o ascenso do Sinn Fein. Unha Asemblea presidida por Paisley e con Adams de segundo podería ser insoportable. Mellor o dúo Trimble"Mallon.

Para artellar unha saída John Reid contou coa axuda da Alianza, quen non se inscribe en ningún dos bloques, non se considera nin católico nin protestante, nin irlandés nin británico. Ten cinco deputados. Durante uns días será unionista para poder votar a Trimble, logo regresará á súa independencia. Ninguén cría ao seu líder David Ford cando afirmaba o papel de relevo que ía desempeñar o seu pequeno partido. Chegoulle o momento. Logo xa se verá.

Se nalgúns sectores unionistas se estende o temor ao futuro, entre os católicos que apoian Stormont medra a desconfianza. Algo amañaran os unionistas para que esto non vaia adiante, pensan moitos católicos. Outros axudan poñendo bombas, na madrugada do domingo en Birmingham, seica foi o IRA-Autentico.