Reivindicar a Gorbachov

Asistimos á fase terminal do primeiro ciclo da etapa postsoviética cun balance desolador. Non soamente se trata da inmensa e caótica desfeita financeira e económica (Rusia produce hoxe menos do 50% do que producía en 1989) senón igualmente da absoluta desvertebración social, da hecatombe dos sistemas públicos, da febleza das institucións, da inexistencia da máis mínima cultura democrática na maior parte da "clase política", en fin, todo un magma que pode entrar en erupción en calquer momento se emerxe ese movemento social de protesta que promete ser tan amplo como diverso e difícil de orientar.

Contemplada desde aquí, a nosa percepción da interminable crise rusa probablemente garde demasiada relación coa caverna de Platón. Son moitas as sombras que operan á lus do día mentres son outros os actores que entre bastidores manipulan de facto as institucións ó seu capricho. Como na Rusia de sempre o poder real permanece concentrado en mans de contadas minorías que libran intrigantes batallas nos cenáculos do Kremlin. O divorcio entre a sociedade e a superestructura política e económico-financeira do país, aseguraba recentemente o escritor e diplomático Vladimir Fedorovski, é abismal.

¿A onde vai Rusia?, preguntámonos dende os anos oitenta sen albiscar aínda hoxe unha resposta clara. No horizonte inmediato ningunha proposta política semella digna de creto. A nostalxia da noutrora superpotencia alimenta na omnipresente neonomenklatura a pantasma dun denominador común nacionalista, ás veces liberal no económico e autoritario no político (Lébed), ou de vocación máis social (Ziúganov) con claros síntomas de certa indefinición democrática.

Pero observada a traxectoria dos últimos sete anos, con todas as ambigüidades e contradicións que se queira, cómpre recoñecer que o proxecto de Gorbachov era o único capaz de conducir a dificil transición rusa con certo sentido da continuidade histórica, política e mesmo legal, o único dotado da mínima intelixencia para non substituir tan burdamente un dogmatismo (a escolástica soviética) por outro (o liberalismo monetarista).

A súa denuncia das falsedades do estalinismo non foron nunca as dun converso ó capitalismo salvaxe. Gorbachov aspiraba a reformar o socialismo, non a destruilo; pretendía eliminar o socialismo ir-real, pero para dar un novo empuxe a outra forma de socialismo que combinara mercado e planificación, democracia e xustiza social, a partir das propias especificidades rusas. Tan exasperante empeño na búsqueda dialogada dunha nova síntese foi cabalmente comprendido polos dirixentes dos grandes países occidentais e o sacrosanto FMI que sempre lle esixiron maior rapidez nas reformas. Importaba sobre todo aproveitar o momento de debilidade e confusión para destruir a URSS, o bloque soviético e as esperanzas de renovación. Gorbachov era un "indeciso" porque non se decantaba pola fin da historia e insistía en realizar un xuizo equilibrado do pasado inmediato. Ieltsin, pola contra, resultaba o home perfecto para entregar o país ás mafias e ós ogros universais, adentrando a Rusia no mundo "civilizado".

Nesta altura, Rusia necesita non soamente un novo goberno, senón unha nova política; non unha reconsideración da terapia de shock senón un cambio de orientación. Compriría insistir na reivindicación do proxecto gorbachoviano para abrir camiño a un socialismo humanista e democrático. Pero é tanta a desilusión e tan vacio se presenta o futuro que será moi difícil volver a empezar.