Hoxe celébranse os funerais oficiais do presidente sirio Hafez el Asad. En pouco máis dun ano produciuse o falecemento de tres dirixentes árabes que conduciron con man de ferro os seus convulsos países nos últimos corenta anos. A bioloxía está a obrigar a xeración da II Guerra Mundial e dos procesos de descolonización a deixar paso aos seus herdeiros. Hussein bin Talal, Hassan II e Hafez el Asad foron os primeiros da vella garda árabe en desaparecer.
A comezos de febreiro de 1999 Hussein, rei de Xordania durante 47 anos, falecía e era substituído polo seu herdeiro Abdalá II. Cinco meses despois, morría Hassan II de Marrocos, despois de 38 anos de reinado, sendo relevado por Mohamed VI. Foi, agora, a hora do presidente sirio durante os últimos trinta anos.
A serie de falecementos fai pensar na situación doutros países árabes. O presidente exipcio Hosni Mubaraq semella con bo estado de saúde mais é un septuaxenario con case vinte anos no poder. O rei Fahd de Arabia Saudita está gravemente enfermo e o seu sucesor Abdalá pasa do setenta anos. Arafat, con dificultades de saúde, cumpre 71 anos proximamente.
Hafez el Asad asumiu o poder no medio dun ambiente dominado polos sentimentos anticolonialistas e antimonárquicos que se estenderon por varios países árabes nos últimos anos da década dos sesenta e nos primeiros setenta e que tamén levaron ao poder a Sadam Husein en Iraq e a Muammar el Gaddafi en Libia. Trinta anos despois de asumir o poder, deixa unha Siria consolidada "foi un dos opositores á unión Siria-Exipto inspirada no panarabismo naserista-, con relativamente boas relacións con occidente "despois do seu posicionamento contra Bagdad na Guerra do Golfo-, encamiñada nas negociación co eterno inimigo israelí e coa sucesión asegurada a través do seu fillo Bachar el Asad.
Os tres novos mandatarios árabes, Abdalá II, Mohamed VI e Bachar el Asad, teñen en común, ademais da idade, a súa formación occidental, os gustos dela derivados e as ansias por recompoñer as relacións de poder nos seus respectivos países. Os tres semellan coincidir na necesidade de reformar as súas administracións dominadas pola corrupción derivada do xeito tradicional de entender as relacións políticas como compromiso entre xefes de familia ou clans; en orientar as súas economías cara a competencia nos mercados internacionais; manter afastadas do poder ás tendencias máis islamitas e procurar camiños cara a resolución definitiva do conflicto árabe-israelí que permita unha maior estabilidade na zona.
Tantas como as coincidencias son as incógnitas que os relevos xa producidos, ou os inminentes, abren sobre as conflictivas áreas de Oriente Próximo e o Magreb.