20070528bagdad ryan crocker e hassan kazemi

Reorientación en Bagdad?

 Ryan Crocker e Hassan Kazemi Qomi, clic para aumentar
Aínda que o delicado asunto iraquí foi o único tema de tratamento bilateral nas catro horas de xuntanza entre os embaixadores Ryan Crocker e Hassan Kazemi Qomi, este precedente bilateral seguramente buscará unha aproximación a curto prazo destinada a medir directamente o pulso polo programa nuclear iraniano. (Foto: Ryan Crocker (esquerda) e Hassan Kazemi Qomi (dereita) o 28 de maio de 2007 en Bagdad).
 

Cualificado de "encontro histórico", a xuntanza en Bagdad entre os embaixadores de EEUU e Irán, primeiro acercamento bilateral entre ambos países desde a ruptura de relacións diplomáticas en 1980, certifica o fracaso da estratexia estadounidense en Oriente Medio de illar e acosar aos réximes considerados integrantes do seu particular "eixe do mal", anunciado por George W. Bush no 2002.

Obrigado pola dramática posguerra iraquí e o fracaso de Washington en estabilizar a rexión, resulta significativo que sexa agora Bush quen autorice un acercamento diplomático cara un país que anteriormente solicitara, pouco despois da caída do réxime de Saddam, ese mesmo acercamento que entón Bush negou e que agora vese na obriga de aceptar.

Pero Irán non é o único caso no que Bush varía indirectamente as súas ideas preconcibidas. En abril pasado, e case en paralelo cunha visita da chanceler alemá Ánxela Merkel, a presidenta do Congreso estadounidense, a demócrata Nancy Pelosi estivo en Siria, outro membro deste polémico eixe, no intento por incluír ao goberno de Bashar al Asad nun marco de cooperación rexional destinado a buscar vías de estabilización en Iraq.

En Damasco, Pelosi tentou trazar as futuras directrices dun cambio de orientación na política exterior estadounidense, para o caso de que o Partido Demócrata gañe as próximas eleccións presidenciais de novembro de 2008 e tomando en conta que a Unión Europea deseña unha política de semi-apertura cara Damasco e Teherán.

Con este referente electoral a mediano prazo en EEUU, ampliado a certa dose de desesperación e á iniciativa europea cara Siria e Irán, o presidente Bush tentou calcular a xuntanza de Bagdad como a clave para deseñar unha urxente estratexia de estabilización en Iraq, que incluíra a un "inimigo" como o réxime dos aiatolás iranianos.

No entanto, esta estratexia de Bush manifesta sentidos contraditorios, tomando en conta os intentos por aumentar o orzamento bélico contra a insurxencia iraquí e incrementando a presenza militar estadounidense no Golfo Pérsico, con claras advertencias a Teherán.

Aínda que o delicado asunto iraquí foi o único tema de tratamento bilateral nas catro horas de xuntanza entre os embaixadores Ryan Crocker e Hassan Kazemi Qomi, este precedente bilateral seguramente buscará unha aproximación a curto prazo destinada a medir directamente o pulso polo programa nuclear iraniano. Por petición de Teherán, este tema non foi discutido na xuntanza de Bagdad, constituíndo un evidente triunfo diplomático para o presidente Mahmud Ahmadíneyad.

Paralelamente, incluír a Irán nestas conversas, que probablemente se amplíen cara Siria non só dentro do contexto iraquí senón das relacións do mundo árabe con Israel, supón un recoñecemento expreso por parte de Washington do ascenso xeopolítico iraniano, da súa decisiva influencia nos asuntos iraquís, do predominante factor político da comunidade xiíta en Iraq e da potencial formación dun eixe rexional capitalizado por Teherán, que podería incluír a Siria e os movementos islamitas do Hizbulah no Líbano e Hamas en Palestina.

Tanto como de parte estadounidense, resta por medir o impacto desta xuntanza en Israel. O goberno de Ehud Olmert transita por unha delicada crise política que pode motivar a súa caída, mentres o partido Laborista afina unha elección interna que busque un novo liderado, no que se asoma de novo a figura do ex primeiro ministro Ehud Barak.

Israel e Irán conforman un pulso rexional que involucra directamente a EEUU e outros actores rexionais, dentro dunha variante de cambio de eixes xeopolíticos en Oriente Medio. Coa posibilidade dunha renovación bélica no Líbano e Palestina, en Washington, Tel Aviv e Teherán observan con atención a ascendente posición de Arabia Saudita, empeñada en conformar un eixe anti-iraniano con Exipto e Xordania. Tamén está por definir a orientación da crise política turca, cunhas implicacións que poden influír nos acontecementos iraquís a través do Kurdistán.

Pode acontecer que este acercamento bilateral supoña un importante referente de diálogo, pero non asegura a concreción de puntos comúns nunha hipotética axenda bilateral nin supón unha reorientación tan profunda que permita calibrar unha apertura definitiva nas relacións entre Washington e Teherán.

En Bagdad deuse un paso importante, pero dentro dun complicado labirinto de intereses e demandas. O embaixador estadounidense advertiu ao seu homólogo iraniano de que Washington non aceptaría a presunta implicación de Teherán no rearme das milicias xiítas iraquís. Con estas perspectivas, aínda son moitas as diferenzas que separan a Teherán e Washington e moitos os seus puntos de fricción.