china nine dragon valley local rice farmer

Réquiem polo campesiño chinés

 Campesiño, clic para aumentar
As autoridades toman como propia a terra para desenvolver proxectos de “interese xeral” que logo inclúen sofisticados sistemas de apropiación cos que se lucran vorazmente. Despois de pagar unha baixa indemnización aos campesiños, o prezo da terra multiplicase por 30 ou máis cando se recalifica para novos usos. Cada operación destas características supón unha calamidade para os agricultores. Algúns incorpóranse ás novas fábricas, pero outros quedan sumidos na mais absoluta pobreza, levando á miseria e á desesperación a milleiros de familias.
 

Jonathan Watts comentaba recentemente en The Guardian o inmenso espolio que se está a producir en China co roubo das terras dos campesiños. En teoría, a terra é propiedade do Estado pero, na práctica, as insuficiencias da regulación actual e as necesidades da economía de mercado están levando a una privatización encuberta das parcelas, ata o punto que xa se fala do rexurdir de auténticos terratenentes. Os prexudicados desa inmensa transformación, tabú aínda do punto de vista formal, son ben coñecidos, pero quen son os beneficiarios? Principalmente as burocracias locais, os secretarios do Partido, a puxante clase empresarial.

A política de confiscación de terras está á orde do día na China. As autoridades locais botan man da forza pública e da violencia para vencer as resistencias dos agricultores. Sen a terra non son ninguén. Os incidentes preocupan ao goberno central, pero as autoridades locais están moi lonxe de Beijing e só pensan en enriquecerse a toda costa e “desenvolver” o seu territorio. Zhang Xinbao, do Ministerio das Terras, recoñecía a comezos de 2006 que nos últimos seis anos documentáronse máis dun millón de casos de uso ilegal da terra. A contrariedade, a impotencia e a indignación corren como a pólvora polo campo chinés, privado tradicionalmente dos beneficios do desenvolvemento urbano e agora vítima dun dos maiores roubos da historia mundial.

Moitas terras agrícolas foron sacrificadas nos últimos anos para satisfacer as necesidades do desenvolvemento. As autoridades toman como propia a terra para desenvolver proxectos de “interese xeral” que logo inclúen sofisticados sistemas de apropiación cos que se lucran vorazmente. Despois de pagar unha baixa indemnización aos campesiños, o prezo da terra multiplicase por 30 ou máis cando se recalifica para novos usos. Cada operación destas características supón unha calamidade para os agricultores. Algúns incorpóranse ás novas fábricas, pero outros quedan sumidos na mais absoluta pobreza, levando á miseria e á desesperación a milleiros de familias. Ata hai poucos anos, despois de liquidadas as comunas, cada agricultor chinés recibía unha determinada porción de mu (unidade que equivale a preto de 670 metros cadrados) que cultivaba para gañarse a vida, simultaneando o cultivo co traballo na cidade entre as temporadas de plantío e colleita. En calquera destas novas cidades, tantas veces cantadas en Occidente, proliferan os campesiños marxinados que revolven no lixo buscando comida, mendigan ou fan dos pasos subterráneos os seus teitos. A anterior e modesta prosperidade do campo foi substituída polo abismo da desigualdade. Cada ano unhas 300 mil hectáreas de terras agrícolas son engulidos por fábricas, estradas e vivendas. Cada ano, unha nova pobreza érguese nas cidades a carón dos novos inmobles.

É a outra nova China. A da brutalidade das autoridades locais que non dubidan en botar man da represión ou do asasinato para colmar as súas expectativas. ¿Solución? O debate está aí: ¿regular a propiedade privada da terra?. Só dando a terra aos campesiños e dereitos políticos suficientes, poderán defenderse desa burocracia usurpadora que, amparándose na titularidade pública, comportase coma novo terratenente. Pero tamén pode ser o golpe de gracia que lexitime os abusos e faga retroceder a China a maiores niveis de desigualdade.