Rescate dos bancos

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Aínda que hoxe xa o saiba todo o mundo, é importante que o diga alguén do prestixio e autoridade mundial de Joseph E. Stiglitz: a UE non está rescatando a Grecia, senón aos bancos alemáns, como con toda claridade responde nun inquérito que recentemente se lle fixo en España (El País. Año 35).

E non só aos alemáns, senón aos franceses, holandeses e franceses, se ben os primeiros son os que máis intereses teñen na situación económica grega, e tamén na dos demais países PIGS. A esas entidades chámanlle “os mercados”. E, como é ben sabido, dinnos que son eles os que esixen, impoñen medidas e dispoñen e mandan.

E así é, sen a menor dúbida. A ese nivel de baixeza chegou a política no noso tempo. Pero se, como suxire Stiglitz, hai outras posibilidades mellores do que o rescate, produce abraio pensar que non se recorra a elas. Por exemplo –di-, crear un fondo de solidariedade europeo para a recuperación de Grecia, creación que non parece sexa moi difícil, agás que non lle pareza ben á señora Merkel, que seguro que lle parecería moi mal xa que a medida equivalería a non  atender en primeiro termo os intereses dos seus bancos.

Porque, como tamén nos ensinaron Vicenç Navarro, Krugman ou Juan Torres, entre outros economistas non asalariados dos bancos, e sostén nese inquérito o mesmo Stiglitz, as medidas de austeridade son un erro e a redución do déficit vai ser decepciónante –e non permitirán tampouco o crecemento da economía. 

E, como tamén é ben sabido, porque así nolo ensinou a economía de todo o planeta, dende Asia a América, todas as políticas neoliberais do FMI, do BCE e demais, non só foron sempre un fracaso, senón que contribuíron á pobreza, á miseria e a un tan baixo crecemento, como di o referido autor, que suporá recadar menos impostos e acumular máis gastos para atender aos desempregados e outras necesidades sociais.

O que, por outra banda, pon de manifesto ata que punto eses “mercados” dominan  e fan a política europea de hoxe. E tamén ata onde os nosos políticos son cómplices da desfeita na que estamos mergullados.