vigo emigrantes esperando embarque

¿Residentes ausentes?

 Emigrantes esperando embarque no porto de Vigo, clic para aumentar
Unha pregunta lóxica ten que ver coa negación do dereito de sufraxio aos centos de milleiros que viven fora de Galicia, pero no propio Estado e con máis vínculos coa súa Terra que moitos dos milleiros que residen noutros Estados, sexa de América ou de Europa. Aquí é onde hai, en verdade, máis residentes ausentes. Os outros non, en realidade son ausentes e non residentes, na inmensa maioría dos supostos. Hai pois unha discriminación evidente e dificilmente xustificable, máis alá dos argumentos legais que teñen plena lexitimidade, pero que deberán encararse dalgún xeito. (Foto: Emigrantes cara América esperando embarque no porto de Vigo).
 

Con independencia do resultado do próximo luns, o debate sobre o voto da diáspora semella inevitable e debe formar parte da axenda política da lexislatura que agora se inicia. Abrir ese debate en termos de que as posicións duns ou doutros sexan máis ou menos democráticas ou máis ou menos nacionalistas quizais sexa precipitarse un pouco e pode contribuír a descualificar argumentos en función das etiquetas, pero non a establecer maior claridade. A cuestión non é nada doada e son moitos os problemas que están sobre a mesa. En calquera caso, o punto de partida debe asumir a condición de cidadáns dos galegos residentes no exterior, e como tais, gozan dos dereitos inherentes a esa condición, incluído o sufraxio. Pero admitindo ese principio, a partir de aí, os matices poden ser moi variados.

Unha pregunta lóxica ten que ver coa negación do dereito de sufraxio aos centos de milleiros que viven fora de Galicia, pero no propio Estado e con máis vínculos coa súa Terra que moitos dos milleiros que residen noutros Estados, sexa de América ou de Europa. Aquí é onde hai, en verdade, máis residentes ausentes. Os outros non, en realidade son ausentes e non residentes, na inmensa maioría dos supostos. Hai pois unha discriminación evidente e dificilmente xustificable, máis alá dos argumentos legais que teñen plena lexitimidade, pero que deberán encararse dalgún xeito.

Outra discriminación afecta ao propio voto da diáspora. Os que aquí votamos podemos elixir aos nosos representantes, pero eles non, a non ser que se inclúan nas listas electorais dalgunha provincia, como aconteceu desta vez nas principais formacións. Que eses votantes poidan sentirse representados deste xeito é unha ficción pois non residen aquí e a súa problemática, que existe e ten as súas especificidades, só pode ser asumida colateralmente, como foi na última lexislatura, a través de misións de deputados e os contactos das administracións ou dos partidos, en clara desigualdade de condicións.

É importante que os vínculos se fortalezan, asumindo a propia diáspora o seu protagonismo en todos os sentidos, no electoral, no político, no socio cultural, no empresarial, etc. Non é que se queiran separar do país, pois máis separados non poden estar, senón que se integren nel con voz propia, con identidade propia, recollendo unha realidade diferente que está sendo discriminada se a tratamos de igual xeito que a nosa. Iso permitirá tamén mellorar a comunicación. Alguén recrimina que voten cando non saben de que vai a cousa en Galicia e pode ser certo se atendemos ao nivel de coñecemento que poida ter a sociedade galega do acontecer de Arxentina, de Uruguai ou outros países, sempre epidérmico, pero artellando a representación melloraríase a comunicación. Non é realista pensar que iso se poida facer desde aquí e cuns partidos que non dispoñen dunha organización forte na diáspora.

A outra cara do problema son as garantías. Séguense a dar anomalías moi serias que cuestionan a validez do proceso. É unha singularidade con respecto ao proceso electoral que se desenvolve aquí e polo tanto esas particularidades deben ser afrontadas para garantir o que interesa a todos os cidadáns, que as vontades poidan expresarse libremente. Hai moitas propostas e non será doado aclarar censos, lugares de votación, fiscalización partidaria, cómputo, etc, e sopesar os custes que todo iso pode implicar, que poden aumentar de forma significativa.

En suma, os galegos da diáspora teñen dereito a participar no debate acerca do futuro de Galicia, pero deben facelo con voz propia, sen intermediarios, incorporando a súa visión específica e iso pode enriquecernos a todos como país. E esa participación debe ser un expoñente máis desa rede de relacións que debe existir entre a Galicia territorial e a da diáspora que no mundo e no tempo actual pode resultar de gran valor se o sabemos facer ben.