A aventura libia

A viaxe do Presidente Fraga por areas libias provoca auténticas perdas de compostura. A primeira vista, o xesto de Don Manuel poidera raiar na excentricidade e mesmo hai quen chegou a insinuar unha certa connivencia co terrorismo internacional. Frivolidade e descalificacións que desacreditan todo esforzo por avanzar na comprensión social da importancia da acción exterior. A asociación de Libia coa lista negra da administración norteamericana pasa por alto, por exemplo, que a sentencia dictada o pasado 27 de febreiro pola Corte Internacional de Xustiza, asume en boa medida as teses de Gaddafi acerca do desastre aéreo de Lockerbie e condena, por ilegais, as sancións adoptadas en contra de Libia. Poida que o Presidente busque simplemente a notoriedade internacional que o retire desta sosa periferia política aínda a custa de compartir ocasionalmente e de facto as teses antiimperialistas do Bloque. Pero en Galicia e no Partido Popular ten licencia para esto e probablemente para moito máis.

O económico semella ser o argumento principal para xustificar este valente atrevemento. En efecto, Libia é o noveno proveedor de Galicia. A balanza comercial é moi desfavorable para a nosa economía. Necesitados como estamos de diversificar o noso comercio exterior, a búsqueda de novos mercados resulta esencial. Libia podería chegar a ser importante nese contexto, pero na actualidade as exportacións galegas ó continente africano non superan o 2% do total. A aposta por Libia, como igualmente por outros mercados semellantes, soamente pode ser estratéxica e con tantas dificultades custará poñela a andar en serio. Saia o que saia desta aventura, non desentonaría que a prioridade de Galicia se centrara nas novas áreas emerxentes, en especial a Europa non comunitaria (Polonia) e a rexión de China-Pacífico. Serán outras viaxes.