Donald Rumsfeld, secretario de Defensa de EEUU, acudiu a Asia Central para afianzar a cooperación militar con Tadxikistán e Kirguisistán por mor da crise orixinada pola discutida presenza estadounidense nas bases militares deste último país. O anuncio do presidente kirguís sobre o próximo desmantelamento da base aérea de Manas, alugada a Estados Unidos como expresión de apoio para derrocar ó réxime talibán de Afganistán no 2001, fíxose público na reunión da Organización de Cooperación de Shangai (OCS) en Almati.
A presenza estadounidense en territorio kirguís, segundo o ministro de defensa deste país, xa non ten razón de ser porque Afganistán ten agora un parlamento e un presidente “democraticamente electos”. Xa non é necesario contar cunha base militar no país contiguo ó país inimigo, porque nestes momentos o país é amigo, dixo.
A OCS está formada por China, Rusia, Kazahstán, Tadxikistán, Uzbekistán e Kirguisistán. A organización tomou a decisión de poñer uns prazos á saída dos efectivos norteamericanos das bases militares en Kirguisistán e Uzbekistán. Non así para os militares rusos, presentes noutra base kirguiz, a uns 25 quilómetros de distancia, en Kant.
Semella tamén que a influenza rusa no país e na Organización de Cooperación de Shangai aínda é quen de producir o resultado desexado: limitar a presenza norteamericana en Asia Central, feudo inexpugnable de Rusia e, en menor medida, de China, que non vían con bos ollos que un actor foráneo se introducise no territorio máis próximo e cultural e tradicionalmente máis afín. As relacións entre estes países de Asia Central e as potencias rusa e chinesa foron incrementándose nos últimos anos, fomentando as relacións económicas entre o máximo de países da rexión, e pulando a formación de unións aduaneiras ou organizacións de cooperación económica.
A viaxe de Rumsfeld a Kirguisistán ten o propósito de premer as autoridades locais para o establecemento indefinido da presenza estadounidense no país. En realidade, o aviso kirguiz pode quedar reducido a unha negociación sobre as compensacións: Washington debería pagar mellor a presenza nunha zona na que historicamente non tivo interese ata hai poucos anos, e, por outra banda, o país que ofrece o seu territorio pode aspirar a paliar as débedas e mellorar o financiamento das políticas públicas. Neste tira e afrouxa que se inicia, os intereses rusos e chinos poden saír mal parados se todo se resume en facturas.
No xogo de rivalidades en Asia Central, as principais potencias dispútanse a influenza nun territorio clave para garantir o éxito das súas ambicións estratéxicas, asegurando o control sobre os recursos enerxéticos, influenza política e presenza militar suficiente para poder controlar máis preto ós seus rivais. Rusia e China estarían interesados en consolidar dinámicas de contención da influenza norteamericana en Asia Central. A posibilidade efectiva de manter o control dos recursos que atravesan os países asiáticos situados entre Rusia e China é un dos eixes máis importantes para soster aspiracións a un papel protagónico nos asuntos mundiais no século XXI.
Despois do encontro celebrado entre Donald Rumsfeld e o ministro de Defensa kirguís, anunciouse a continuidade da presenza norteamericana, a cambio dunha maior axuda financeira a Bishkek, e unha invitación adicional ó goberno deste país que, ademais de formar parte da OCS tamén integra o Tratado de Seguridade Colectiva con Tadyikistán, Kazahstán, Rusia, Bielorrusia e Armenia, para que non esqueza a súa participación na coalición antiterrorista, que EEUU ampara desde os atentados do 11 de setembro.
Washington defende a permanencia das súas tropas por motivos de seguridade, considerándoas agora decisivas para manter o equilibrio na zona e frear o perigoso ascenso da influenza islamista na rexión. Dispor dunha base loxística en Kirguisistán significa contar cun enclave estable para afrontar hipotéticos reveses en Afganistán. O que antes non importaba, agora é imprescindible. Kirguisistán obterá os seus réditos da presenza militar estadounidense, pero pode custarlle mais a saída do seu territorio.