ucraina

Rusia contra Ucraína: Un Día da Vitoria que a deixa lonxe

A derrota da Alemaña de Hitler en 1945 logrouse principalmente á conta dun número sen precedentes de vítimas entre os pobos da Unión Soviética, tanto na fronte como na retagarda e nos territorios ocupados. Ninguén ten dereito a esquecer isto, pero tampouco a especular con ese recordo para crear un culto ao poderío militar e ás vitorias do pasado, ameazando os veciños próximos e afastados con frases do tipo «Se fai falta, repetirémolo». E isto último é o que vén facendo Putin ao impor a súa “vitoriomanía”, cuxa finalidade foi convencer a poboación rusa e a opinión pública internacional da capacidade da Federación Rusa para empregar a forza militar co fin de recuperar os logros da vitoria soviética que, supostamente, un entorno hostil a Moscou lle tería arrebatado.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa Rusia
Palabras chave Guerras Ucraína

A celebración anual dos «desfiles da vitoria» con maquinaria militar pesada instaurouse precisamente en 2008, cando Rusia lanzou unha agresión aberta contra Xeorxia. Este ano, cando a operación militar especial contra Ucraína —que o Kremlin presenta como unha repetición da loita antinazi— dura xa máis que a contenda antihitleriana de hai máis de 80 anos, en Moscou decidiron no sacar maquinaria militar pesada. Segundo o Ministerio de Defensa, o obxectivo é que as Forzas Armadas estean concentradas ao 100% na “derrota final do inimigo”.

Inseguridade no Kremlin e un desfile reducido

Aparte da alegada necesidade de manter a maquinaria bélica no campo de batalla, a reducida celebración revela a inseguridade que sente Putin mentres os proxectís ucraínos alcanzan obxectivos no máis profundo de Rusia. Tivo que pedir ao presidente norteamericano, Trump, que influíse no presidente ucraíno, Zelenskyi, para manter un alto o fogo durante as celebracións. Como resposta, Zelenskyi emitiu un decreto burlón polo que se autorizaba a celebración do desfile na Praza Vermella, excluíndoa do ámbito de aplicación dos medios bélicos ucraínos.

A diferenza do ano pasado, o do 80 aniversario da vitoria, que contou con 30 líderes internacionais, este 9 de maio estiveron na Praza Vermella os presidentes de só tres repúblicas exsoviéticas: Bielarús, Casaquistán i Uzbequistán. A elas sumáronse o presidente de Laos (país antigamente membro da extinta comunidade de estados socialistas prosoviéticos) e o rei de Malaisia. Apenas se pode considerar como representación internacional a presenza dos presidentes de Abkhasia e Osetia do Sur (rexións de Xeorxia baixo ocupación militar de Rusia) e do presidente da República Srpska (República de Serbios), unha das dúas entidades político-administrativas que compoñen Bosnia e Hercegovina.

O aparente illamento de Putin e a realidade da fronte

O Día da Vitoria, que Putin aproveitou insistentemente para atribuirse o prestixio da vitoria soviética ante a comunidade internacional e presumir do seu poderío militar, foi practicamente ignorado este ano por líderes estranxeiros. Se a isto lle sumamos o vergoñoso prolongamento da operación militar especial, que xa dura máis que a guerra da URSS contra a Alemaña nazis, o estancamento da fronte, onde as Forzas Armadas de Ucraína están liberando actualmente máis territorio do que logran ocupar os soldados rusos e o feito de que as tropas rusas sofren cinco veces máis baixas por morte que as ucraínas, a situación resulta moi humillante para Putin, que tivo que recoñecer a súa incapacidade de garantir a seguridade para o desfile en Moscú.

Ao finalizar estes festexos pouco optimistas, Putin expresouse ante un grupo de xornalistas en termos pouco habituais: “Creo que o asunto está chegando ao seu fin”, o que podería entenderse como un mensaxe sobre a súa intención de no librar unha guerra eterna. Porén, sería equivocado ver nisto un desexo de chegar pronto á paz a calquera prezo. O presidente ruso deixou ben claro que aceptaría unha detención das hostilidades só se Ucraína deixa de resistirse e cede os territorios que reclama o agresor. Para o Kremlin, a culpa de que a guerra continúe no recae en quen a iniciou, senón en quen defende a súa soberanía.

A estratexia do Kremlin: O obxectivo firme é conseguir a capitulación de Ucraína, polo menos mediante o recoñecemento das «realidades» actuais, é dicir, a entrega definitiva do Donbás. Pero iso non salvará a Ucraína como Estado nacional.

O obxectivo final: A aniquilación da identidade ucraína

A Rusia actual, no seu papel de sucesora do Imperio ruso e da URSS —cuxa creación tería sido imposible sen a absorción desapiadada do potencial material e espiritual de Ucraína—, non pode existir sen unha nova absorción deste país. Rusia necesita aniquilar a nación ucraína, pero a agresión de Putin reavivou de maneira impresionante o espírito nacional dos ucraínos, quen, tras séculos baixo o dominio de Moscou, parecían perder o interese pola súa identidade, algo co que contaban firmemente os gobernantes do Kremlin.

Así, a pesar das declaracións sobre o «fin da guerra», o presidente ruso non amosa ningunha intención de desescalar a agresión: esta semana, tras o fin da breve tregua imposta por Washington, os bombardeos sobre Kíiv e outras cidades repuntaron e cobraron a vida de decenas de persoas, entre elas, nenos.

O despiste internacional e os riscos de expansión

O feito de que os líderes estranxeiros ignoren o Día da Vitoria de Putin interprétase no Kremlin como indiferenza e perda de interese, mentres a atención internacional se centra noutros focos de crise. En primeiro lugar, isto refírese ao presidente dos Estados Unidos, quen se convenceu de que non era capaz de pacificar Ucraína baixo as condicións que conveñan a un Putin «forte».

Esta “baixada de interese” dos grandes líderes mundiais respecto da guerra en Ucraína viuse na escasa mención que o tema tivo na reunión entre os líderes de EE.UU. e a RP de China. Aclarándo este afastamento, o secretario de Estado, Rubio, ata recoñeceu que as FF.AA. de Ucraína son agora as máis fortes no continente europeo (por tanto, non precisan ser axudadas por EE.UU.). Esta “pouca atención” internacional significa para Putin a oportunidade de enrudecer a súa presión sobre Ucraína sen temer que Occidente interveña na súa defensa. Deste xeito, “dáselle crédito” ás esperanzas occidentais de que a guerra non irá máis aló dos límites ucraínos.

Sen embargo, o perigo de que a guerra se expanda existe realmente. O 13 de maio, case inmediatamente despois das declaracións de Putin sobre un «pronto termo», a Duma Estatal da Federación de Rusia aprobou unha lei sobre a ampliación de competencias do presidente en materia de despregamento de tropas fóra de Rusia. Ninguén votou en contra. Isto significa que se está preparando a base lexislativa para continuar as operacións militares unha vez que, segundo a impresión que se está formando, Rusia estableza un control total sobre os territorios ucraínos que os seus lexisladores xa declararon como propios.