O silencio é a morte e a impotencia[â¦]
Por eso chamo co meu verso
a un exército de xílgaros cantores.
Manuel María.
Un conflicto que é unha guerra. Unha guerra con arritmias. Putin ten en Chechenia o Iraq de Bush. Un filón de ouro que se pode volver virar treboento. Por varias razóns. Por seren unha excusa perfecta para implementar un recorte nas libertades democráticas en aras á seguridade nacional e, porque o resitúa no debate internacional acerca do terrorismo global. O mesmo que aconteceu tras o 11 de setembro en Estados Unidos. Un paralelismo interesante. Sen embargo, Putin teno complicado. Porque a vara de medir non é a mesma, como el recoñecía nos medios de comunicación internacional. Hai tempo que Rusia está no foco dos analistas internacionais e dos defensores dos dereitos humanos. Estará na corda frouxa Putin e o seu modelo?. Que consecuencias van supor as recentes medidas adoptadas por Putin? Que interese xeoestratéxico pode ver Bush na rexión ao criticar a actuación de Putin cando ambas reaccións son comparábeis?
Reformas políticas e ataques preventivos
Agora ben, a alarma saltaba novamente este setembro. Nada sabíamos de Osetia do Norte e aínda menos dunha escola como moitas outras, viva e resistente á súa maneira, ate hai ben pouco. Traxedia, imprudencia, raiba e desconcerto. O coktail perfecto. Un grupo de chechenos armados "do quen descoñecíamos o seu lideragzo ate case dúas semanas despois-, reivindicaba a saída do exército ruso e a independencia de Chechenia. Novamente, a falta de encontro entre partes non foi posible; Foi un desbordamento mediático e visual, como as de Nova Iorque ou os de Madrid. Catro días de tensións. 330 mortos. 196 nenos e nenas. Nais e profesoras. Soldados tamén mulleres: as viuvas negras. Desesperación en ambos lados. Expertos en solución de secuestros, militares, profesionais criticaron as medidas ao considerar que se tiñan vulnerado códigos de conducta.
Había un precedente: o asalto a un teatro de Moscú no 2002 no que morreron boa parte do comando e dos reféns. No seu día a actuación das forzas especiais rusas xa fora moi criticada pola utilización de gases que acabou coa vida de terroristas e dos secuestrados. Neste mesmo ano, no mes de maio, o presidente checheno, Akhmat Kadyrov, – pro ruso-, era asesinado nun ataque terrorista. O obxectivo era deslexitimar o referéndum que adhería Chechenia á Federación. Un proceso complexo e escuro que foi o resultado da renuncia do anterior presidente checheno, nunca recoñecido dende Moscú e nunca convidado para atopar unha vía negociadora e evitar o desmembramento da sociedade civil naquel territorio.
No discurso á nación do día 13 de setembro Putin é claro. A solemnidade impregna todo o fío argumentativo. Reformas políticas como solución ao estado de terror e a fraxilidade do sistema. Unidade do país, fortalecemento das estructuras estatais, e confianza nas autoridades son os obxectivos. A creación dun sistema eficaz de seguridade interna, nun marco estatal máis centralizado e no que se restaure a responsabilidade institucional. Eis, as declaracións de Putin apuntan a unha reforma electoral sustancial, na que se elevaría a fronteira do 5% para ter representación, o que reduciría o número de forzas políticas na Duma. Elimina a elección de sufraxio directo para governadores e presidentes locais, xunto coa supresión da metade dos deputados en circunscripcións uninominais e propón un sistema proporcional para a Duma. Para o Tehrantimes, Putin" acabará coas carreiras individuais que estaban reservadas para a metade dos asentos e garantirá a presencia de grupos pro kremlin". Paradoxicamnete, invita á participación da sociedade civil no novo proxecto e expresamente a ONG.
Asemade, o presidentes ruso anunciaba cunha firmeza táctica a utilización de ataques preventivos contra calquera lugar do mundo e ofrecía un rescate a quen lle entregara aos líderes do comando. Sen embargo, compaxina este alarmismo mediático coa creación dunha axencia federal para loitar a loita contra o terrorismo e un novo Ministerio Responsable de asuntos étnicos e dos temas rexionais. Na Federación Rusa, cunha poboación de 143,2 millóns de habitantes- datos do 2003- o 80 % da poboación é rusa concentrándose os musulmáns na zona do Volga, Bashkirs e no norte do Caucaso. No seu informe Putin asume como causa do aumento dos número de disidentes nas filas terroristas, a difícil situación económica do norte do Caucaso onde o desemprego é varias veces máis elevado que no resto de Rusia.
É preciso lembrar que en marzo do 2004, Putin foi reelexido cun 70% dos votos fronte ao candidato comunista cun 14%. A eliminación do único rival vencellado a problemas de corrupción revalida un ascenso que comenzaba en agosto do 1999 e que semella agora imparable.
Dereitos humanos e democracia
Entrar a analizar a cuestión dos dereitos humanos en Rusia na actualidade implica facer unha breve referencia ao modelo de democratización que se instaurou no país tras o colapso do rexime soviético e o papel desenvolvido polas súas elites. A clave que redirixiu e conformou o sistema actual derivouse do período de privatizacións salvaxes secundada por Elsin, a cal favoreceu a conformación dunha oligarquía. En segundo lugar, a identificación da democracia como a garantía dun mínimo procedimental, que se entende como un conxunto de normas neutrais que non entra nunha análise normativa acerca das condicións de vida dos seus cidadáns contradise con outros paradigmas da democracia que inciden na pertinencia destes últimos. Porén, a Federación Rusa enfrontábase a un reto sen precedentes.
Segundo o informe elaborado por Freedom House, Rusia estaría na posición 21 dos 29 países que mudaron os seus reximes políticos na década dos noventa. A tendencia é á baixa en case todos os indicadores. Se comparamos os datos de 1997 e dos 2004, observamos que onde se rebaixaron máis as libertades son en asuntos relacionados co proceso electoral, e cos medios independientes de comunicación. Así como nos referidos aos dereitos da sociedade. Vóltase a unha ineficacia do control horizontal contra a corrupción. A organización Human Rights Watch facíase eco tamén dos casos do recorte de libertades de expresión e dos medios. Un caso conflictivo: o peche da TVS en xuño de 2003, a única empresa privada informativa. O conflicto en Chechenia cóbrase a vida de xornalistas como acontece noutros lugares en guerra.
Se nos detemos nunha análise do estatus dos principias instrumentos internacionais de dereitos humanos dende unha perspectiva comparativa, a Federación Rusa aventaxa a Estados Unidos, onde a pena de morte CCPR- 0P-DP; segue vixente e porque non ten asinado o protocolo facultativo do pacto internacional de dereitos civís e políticos CCPR-0P, ou a convención sobre a protección dos dereitos de todos os traballadores migratorios e dos seus familiares, MWC.
Unha cuestión fundamental é a seguinte. Podemos falar da existencia de condicións democráticas que garantan o exercicio da cidadanía?. Na Federación Rusa segue a ser clave o papel do estado, o proceso de democratización e a solución da problemática nacional e o dereito dos pobos como o checheno. Seguindo a clasificación de W. Merkel sería hoxendia unha democracia defectiva aínda que no seu modelo multidimensional de democracia, a consecución dos dereitos civís e sociais tardarían máis dunha década en chegar. O problema é que cada vez se está máis lonxe dos obxectivos fixados. O modelo de Linz segue a ser unha pauta que predomina en moitas análises. Podiamos chamala a metáfora da democracia como o pórtico da gloria. No centro, o rexime electoral, franqueando polos dereitos políticos, os civís, de comunicación, a lei, os dereitos sociais; e nunha especie de manto o Estado, cubrindo todo, impregnando o sistema. Esta sería a fórmula máxica. Que é pola que aposta agora Putin.
A mazá de Brancaneves? Conclusións
Diferentes realidades? Diferentes identidades?.Unión Soviética. Confederación de Estados Independientes. Federación Rusa. O carro de marte. Quen sembra recolle. Trece anos despois da desintegración da Unión Soviética, a Federación Rusa vive unha constante dualidade ente unha aproximación salvaxe ao capitalismo e a burocracia. Como vimos, o ascenso das conductas autoritarias, presenta novos interrogantes e reabre debates. Carlos Taibo xa indicaba estes perigos. Confírmase polo tanto cos últimos acontecementos unha tendencia de reducción de libertades na Federación Rusa, pero non esquezamos que seguen a ser lexítimas e proclamadas dentro das regras do xogo democrático.
A guerra de Chechenia posibilita a creación de liderazgos e o refortalecemento dos xa existentes. Putin abriu neste mes de setembro a caixa de Pandora, un abano de posibilidades para a execución de cambios que garanten unha proximidade dos seus aliados en diferentes organismos, unha xustificación para a continuación da carreira militar e nunha busca de protagonismo na dimensión internacional. Todo ligado a un recorte moi sustancial dos dereitos humanos. Que non está moi lonxe do que está acontecer noutros países.
O 11 de setembro removeu os piares do sistema americano e en consecuencia a do mundo enteiro. Isto é hoxe obvio. O centro do sistema está preocupado, Huntington e Fukuyama reflexionan acerca dos recentes cambios. América quere exportar soft power.
As causas que motivan as reaccións extremas lideradas por grupos armados revela un novo síntoma da globalización e da nova orde internacional. A inexistencia dun consenso global para atallar o problema do terrorismo lonxe da dicotomía, multilateralismo vs. unilateralismo escenificada en Nacións Unidas obvia contradiccións estructurais. A globalización está a producires unha serie de consecuencias que afectan directamente aos conflictos internos dos países e afloran dun xeito interconectado. A radicalización vese tinxida de estratexias desesperadas nas que as mulleres comezan a tomar parte; de aí que boa parte das terroristas que entraron na escola de Beslán foran mulleres, as viuvas negras. Esta é un novo dato a considerar.
Rusia exportaba hai décadas un modelo alternativo no social e no económico. Agora é unha mala copia dunha democracia exitosa no mercado libre, no que as mafias operan como novos actores sociais. Se o recorte de libertades e a constante vulneración dos dereitos humanos se consolida, se non se soluciona pola vía da negociación o conflicto en Chechenia, o ascenso de novos proxectos cada vez máis autoritarios terán o espacio perfecto para xermolar. De aí que a comunidade internacional debe ser responsable e actuar, iso sí, esquencendo a dobre moral.