Rusia e os seus asesores

Os desequilibrios da economía rusa van en aumento sen que se albisquen expectativas de recuperación. Sen dúbida, existen numerosas causas de naturaleza interna que explican esta situación. Sen embargo, soamente en contadas ocasións se reflexiona sobre o papel desempeñado polas institucións financeiras internacionais no actual caos. Ante a opinión pública, o FMI e o Banco Mundial aparecen sempre como os eficientes "salvadores" da desfeita económica postsoviética e os garantes da súa precaria estabilidade política.

Pero o papel desempeñado polo asesoramento internacional é unha das principais claves que marcan a diferencia entre os procesos de transición de Rusia e a China. Mentres no caso asiático a vertebración gradual da política de afrouxamento da planificación central foi unha decisión adoptada con plena independencia das recomendacións do Banco Mundial e do FMI, en Rusia, o asesoramento occidental foi medrando en importancia e a súa influencia debe calificarse como decisiva durante todo o período reformista iniciado en 1991. En Rusia, cunha elite travestida e abducida pola seducción/imposición exterior, optouse polo big bang da liberalización. En China, como sinalara o profesor Dwight H. Perkins da Universidade de Harvard, soamente Mao era partidario dos big bangs. Nun e noutro caso os resultados falan por si mesmos.