Rusia entra na era Putin

Foi o trunfo da máquina do poder, ou como dixo Jack Lang "a última peripecia dunha victoria planificada, orquestada como unha operación militar". E celebrouse por todo o alto, como nas grandes ocasións. Na Sala de San Xurxo, o máis imponente e fermoso dos setecentos recintos do Kremlin, entre placas de mármore e letras douradas, con honorables convidados, en presencia de Ieltsin e de Gorbachov, Putin, o resplandece inesperado que todos agardaban, sorría para os seus adentros amosando esa timidez sombría que aínda envolve o seu enigmático proxecto. Un proverbio chinés afirma que "o pensamento non ten ningún segredo que a conducta non revele". A partires dagora serán, pois, os feitos quen determinen o autentico sentido do seu ideario.

En tempos soviéticos afirmábase con orgullo que ata un fillo do máis modesto zapateiro podía chegar a dirixir o país, pero antes debía superar unha traballosa carreira burocrática. Os tempos mudaron. Na Rusia poscomunista, un perfecto descoñecido (case natural habida conta da súa orixe "secreta"), xurdindo da nada, conseguía, en poucos meses, acadar a Presidencia do país, cunha victoria electoral clara, maioría absoluta en primeira volta, e mesmo nun clima de certo optimismo social como revelaron tanto a alta participación (68.8%) como a debilidade do voto "contra todos" (1.9%).

Poderian citarse moitas claves para explicar o ascenso de Putin. A todos dixo o que querían ouvir. O seu populismo convenceu a soldados na reserva e na fronte, a pensionistas ou a traballadores cos salarios en atraso. O discurso a prol do reforzamento do Estado, o chamamento a poñer orde no país e a loitar activamente contra a corrupción, facilmente podían seducir a unha sociedade desorientada e desfeita despois de soportar dez anos de dramáticas reformas sociais. O incremento dos prezos internacionais do petróleo e un rublo máis barato favoreceron a súa balanza comercial, bastante máis que o incremento da presión recaudatoria dos magnates locais. Pero en conxunto cabe recoñecer que os índices económicos do país experimentaron certa mellora.

A guerra de Chechenia foi clave para conseguir o aplauso case unánime do país, mesmo das principais forzas da oposición. Cada día que pasa resulta máis evidente que a ofensiva militar no Cáucaso non foi a resposta ós atentados do outono de 1999; mesmo algunhas fontes aseguran contar con probas de que a invasión wahabí de Daguestán foi inducida tramposamente polo Kremlin para sumar xustificacións. A decisión politica estaba tomada dende marzo, como revelou publicamente Sergei Stepashin, daquela primeiro ministro. Tamén na cidade de Riazán a policía local solprendeu a varios membros do FSB (servicio federal de intelixencia) cando depositaban explosivos nun inmoble, segundo dixeron, "para comprobar o funcionamento dos sistemas de seguridade". Os rebeldes chechenos siguen negando a súa participación nos feitos.

Putin recibiu o 80% dos votos emitidos polos 1,2 millóns de militares e o 98 % dos emitidos polas tropas desprazadas a Chechenia. Agora, pese a ter rematado oficialmente, a guerra continúa. A mediados de xaneiro, os mortos no bando ruso ascendían xa a tres mil, segundo fontes do Comité de Nais dos Soldados. En medios oficiais unicamente se recoñecían seiscentos.

A propaganda mediática é outro factor de primeira magnitude. A derrota da alianza electoral Patria-Toda Rusia (Otetchestvo-Vsia Rossïa) nas eleccións presidenciais do 19 de decembro sentenciou as presidenciais. Os medios próximos ó Kremlin acusaban a Iuri Luxkov, o alcalde de Moscova, de estar detrás do asasinato de Paul Tatum, expropietario do hotel Radisson-Slavianskaïa, da capital rusa; e Primakov, o ex-primeiro ministro e serio rival para Putin, foi acusado de instigar un presunto asasinato de Eduard Shevardnadze, o presidente xeorxiano, e compañeiro de armas en tempos da perestroika. Nezavissimaïa Gazeta, diario propiedade do magnate Berezovski, fartouse de airear os "escándalos" e de acusalos de estar vendidos ós ianquis para impedir o trunfo de Putin.

Un goberno sen programa

A falta dun Partido (Vreme-Unidade, aínda é unha entelequia) ou dun programa, todas as especulacións céntranse nas expectativas que suscita o desembarco de Putin na presidencia rusa. Para uns sería unha especie de novo Roosevelt, outro impulsor dun "new deal" á rusa, mentres que para outros, pode chegar a ser unha especie de Hitler. Son moitos os observadores que se inclinan por aventurar unha versión nacionalista e autoritaria do capitalismo liberal e salvaxe da época ielsinista. Segundo Anatoli S. Ivanov, deputado na Duma e presidente do sindicato da fábrica de automóbiles "Togliatti", Putin non comparte o ideario liberal dos xoves reformadores. Ivanov, que apoiou a Putin nas presidenciais, comparte as opinións expresadas por xentes tan dispares coma o desaparecido Sobchack, o comunista Selezniov, ou o propio Gorbachov: Putin pode ser o home que conduza o país a unha mínima normalidade.

Outros son menos optimistas. Sergei Kovalev, presidente do Instituto de Dereitos Humanos de Moscova, asegura que Putin representa o intento de reconstruir o Estado ruso sobre bases autoritarias e policiacas. Medidas como o control de Internet, o restablecemento do ensino militar nas escolas, a recuperación dos comisarios políticos nos cuarteis, etc, reforzan a mesma opinión en Elena Bonner, a viúva de Andrei Sajarov. A súa procedencia do KGB marca moito as expectativas dos sectores menos optimistas. Dmitri Fourman asegura en Obchaia Gazeta que "todo medio profesional enxendra a súa propia subcultura, o seu sistema de valores e a súa ideoloxía". Putin é un axente secreto acostumado a lidar con prácticas oscuras e disposto quizáis a case todo en nome dos intereses da Patria. ¿Que non faria xa?, pregunta. Ivanov, o sindicalista da Togliatti, opina, sen embargo, que a procedencia do KGB é positiva porque o poder ten necesidade de apoiarse sobre estructuras policiais e militares a fin de instaurar a orde contra o caos. Non falta quen lembre a admiración que Putin sente por Andropov, o promotor de Gorbachov. Apenas chegar ó poder foi depositar flores na súa tumba.

Tanta defensa da orde pode volverse en contra dos medios sindicais. Algúns opinan que as simpatías socioeconómicas de Putin orientanse ó continuismo. Confía en Anatoli Chubais, director da campaña electoral da Unión de Forzas de Dereita que obtivo nas presidenciais un 8.5%, superando a Grigori Iablinski, o liberal demócrata por excelencia segundo as coordenadas difícilmente extrapolables da política rusa. Fontes habitualmente ben informadas aseguran que Chubais foi quen máis influiu en Ieltsin para favorecer o nomeamento de Putin como sucesor, fronte a Berezovski, que propuña ó xeneral Lebed.

Proseguir co continuismo non resultará nada doado para o novo Presidente; esixirá moita man dura para aplacar o descontento social. Pero os signos son equívocos. Mentres no combinado de celulosa de Vyborg, por exemplo, reprimiuse con armamento e fogo real ós traballadores que ocupaban a empresa, German Gref, un avogado de San Petersburgo de orixe alemana que dirixe o Consello de Política e Estratexia e estreito colaborador de Putin, afirma que o seu modelo é a economía social de mercado, similar ó posto en marcha por Ludwig Erhard na Alemaña da posguerra. Putin representaría o ponto e final daqueles "Chicago boys" que prometían levar a Rusia ó paradiso da abundancia mentres máis dun tercio da poboación espachurrabase na pobreza máis absoluta.

Unha posición confortable

A posición de Putin no ámbito da política interna é moi confortable. Goza dun ampla marxe de confianza e de respecto. A composición parlamentaria élle favorable, os comunistas de Ziuganov están dispostos a xogar un papel institucional máis próximo ó sistema chinés de participación no poder que ó occidental de oposición política; a único movemento opositor factible (Primakov-Luxkov) está praticamente desfeito, etc. Con todo, os principais problemas poden xurdir se intenta tomar distancias cos seus poderosos mentores. Mesmo algunhas fontes chegaron a insinuar que a redada policial contra o grupo mediático de Vladimir Gusinski, crítico cos medios presidenciais, foi unha operación instigada dende a sombra para lembrarlle que controla menos do que pensa, mesmo onde, teoricamente, debería controlar máis.

O nomeamento de Mijail Kasiánov como primeiro ministro está ben visto por Occidente. Kasiánov é un liberal que conta con importantes apoios no FMI. En clave interna, foi promovido cando destituiu ó anterior número dous, Nikolai Aksionenko, home próximo a Berezovski. Está por ver cal vai ser a actitude de Putin a respecto do novo goberno. Ieltsin mudou cinco veces de primeiro ministro e a todos, coa excepción de Primakov, impusolles os seus viceprimeiros ministros e os ministerios de maior relevancia. Algúns opinan que Putin é mais partidario de exercer unha Presidencia afrancesada e que por iso mesmo concede xa tanta importancia á política exterior.

Putin aspira a recuperar o peso internacional de Rusia configurando unha relación constructiva con Occidente que teña en conta en maior medida os intereses do seu país. Un bo punto de partida sería addmitir, por exemplo, que Rusia non recibe axuda exterior: debe pagar miles de millóns de dólares en concepto de servicio da débeda, mentres cada ano ata vinte mil millóns de dólares fuxen de Rusia para ser depositados en bancos estranxeiros para mellor vida da economía occidental. En Europa confía, sobre todo no Reino Unido, para diseñar esa nova relación e dar ese xiro que non foi posible con Alemaña nin Francia en tempos de Ieltsin.

No ámbito da seguridade, Putin vai conceder gran importancia ó papel de Rusia. Dunha banda, no estranxeiro próximo, potenciando os acordos con Ucraína e Belarús, e activando a súa influencia no Cáucaso. Doutra, poñendo a punto unha relación coa OTAN, moi envelenada dende a acción contra Iugoslavia. Finalmente, perseverando no entendemento co xigante oriental, China.

Pero Putin non desexa o enfrontamento con Washington. Algúns sectores rusos fomentan un nacionalismo belixerante que sen embargo agocha mesquiñas ruindades, en esencia, o resentimento daqueles magnates que non se sinten aceptados por uns medios económicos e financeiros internacionais que consideran chegado o momento de dar por rematada a etapa dos negocios excesivamente turbios. Con lanzamento de míseis intercontinentais, con nova doctrina militar, etc, Putin mira máis cara adentro que cara fóra. E Estados Unidos e Europa ben saben que asi vai ser por moito tempo.