Unha opinión de Teresa Barro

Sacódense as bases da Unión Europea

En moi pouco tempo caeron varios piares da Unión Europea.  O que sucedeu na Grecia sacudiu os alicerces da Unión.  Demostrou que unha economía que non funcionaba antes de que o país entrase na Unión Europea, funcionou peor aínda despois de que entrou nela, porque os demais países se aproveitaron para enchelo de dívidas ofrecéndolle crédito cando non debían.  E demostrou que se aceitaba o que nin sequera estaba previsto que sucedese e para o que non había tratados, que era que un país quixera ou tivera que saír da Unión.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

As inundacións de emigrados  botaron abaixo o Tratado de Schengen e o sistema de Dublín, e ninguén saberá o que facer por moitas reunións de alto nivel que se convoquen.   Os emigrados decidiron buscar unha vida fóra dos países desfeitos polas guerras ¨humanitarias¨ e ¨libertadoras¨, sen pedir permiso e pasase o que pasase, e a xente dos países aos que acudiron púxose, para sorpresa dos políticos, que non entenden que mudou a corrente, do lado deles.  Non foi que Merkel decidise acollelos con xenerosidade, senón que entendeu que o sentir da xente ía nese sentido e que facer outra cousa traeríalle graves problemas.  Os políticos da Hungría, en cambio, que seguiron con exactitude o que ditaban os tratados da Unión Europea,  quedaron mal e foron acusados de brutalidade e crueldade.

Tampouco é que a xente non se decate do problema que supón a invasión de emigrados. Aínda que se estea tentando espallar a idea de que a Alemaña, por exemplo, convenlle acoller emigrados porque precisa deles por razón demográficas, podería facelo dun xeito mais ordenado e sen o trastorno que supón esa acollida en termos de vivenda, subsistencia, escolas e idioma entre outras cousas.  Ningún alemán pode encontrar doado ter que calcular moito mais tempo para chegar a calquera sitio en auto ou en camión porque polas estradas camiñan ringleiras de emigrados,  nin atopar o xardín da casa cheo deles cando abre a porta pola mañá.  Porén, en xeral os alemáns reaccionaron con comprensión e humanidade, e con esa imaxinación para o sufrimento alleo que forma parte da visión intelixente do mundo e que os políticos pechados nas súas capeliñas e torres de marfil nin sequera entenden.

E agora non son só os alicerces e piares da Unión Europea os que se sacoden, senón que se abriu a posibilidade de que  o motor e modelo económico da Unión, Alemaña, deixe de selo polo escándalo da Volkswagen.  Mesmo porque a economía da Alemaña se basea, até un ponto case insostíbel, na exportación, e esa exportación apóiase na reputación de fiabilidade e seriedade que conseguiu, o de que unha firma como a Volkswagen fose capaz de trapacear como o fixo pode ter repercusións inconmesurábeis .