Sáhara occidental: A paz non admite demoras

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Cun novo plan de paz baixo o brazo, a viaxe do Secretario Xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, ós países do Magreb implicados na crise do Sahara Occidental, pretende desbloquear un conflicto que persiste dende hai xa máis de dúas décadas. Dende que en 1975 España asinou o Acordo Tripartito, a administración da colonia quedou en mans de Marrocos e Mauritania abrindo as portas a unha loita que aínda hoxe continúa e que enfronta, dende 1978, a Marrocos e á Fronte Polisario (Fronte Popular de Liberación de Saguia el Hamra e Río de Oro), representante lexítimo dun Estado, a República Árabe Saharaui Democrática (RASD), proclamado o 27 de febreiro de 1976, e que goza dun recoñecemento internacional parcial.

O longo de todo este tempo, o pobo saharaui mantivo unha dura e estoica pugna por recuperar o seu territorio e acadar a independencia. Un obxectivo para o que non sempre contou co apoio da Comunidade Internacional, máis preocupada por equilibrar os diferentes intereses xeoestratéxicos e máis partidaria do Reino de Hassán II. O punto de inflexión veu marcado polo fin da Guerra Fría e a proclamación dunha “nova orde mundial”. O cambio no contexto internacional concretouse na posta en marcha dun Plan de Paz deseñado por Javier Pérez de Cuéllar, co obxectivo fundamental de celebrar un referendo de autodeterminación no que o pobo do Sáhara Occidental puidera elixir entre a independencia ou a integración en Marrocos. Pero este Plan de Paz (retomado despois por Butros Ghali), atoparía numerosas dificultades que, sucesivamente, traducirianse en demoras. A última, segundo Kofi Annan, vainos levar ata finais de 1999. Unha data que ralentiza as previsións dos Acordos de Houston do verán de 1997,e na que, entre confiados e escépticos, haberá que depositar de novo todas as esperanzas.

Os interminables obstáculos para a aplicación deste referendo remiten a diferencias de fondo na aceptación do concepto de saharauidade e, conseguintemente,dos criterios que determinan o dereito ó voto. En última instancia, os impedimentos para resolver esta crise, derivan dunha complexidade que presenta como punto central o exercicio do dereito de autodeterminación. O núcleo da cuestión lévanos pois, ó concepto de saharauidade, a discernir qué tribos estaban realmente implantadas no territorio e polo mesmo poden participar con dereito a sufraxio na determinación do futuro do seu propio país. A discordia ten nomes e apelidos: unhas 65 mil persoas pertencentes a tres tribos que a Fronte Polisario rexeita e Rabat desexa incluir no proceso de identificación.

A viaxe de Kofi Annan pretende acadar un principio de acordo entre a monarquía alauí e o representante da colectividade saharaui, postergando novamente o referendo e prorrogando o mandato da MINURSO( Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sahara Occidental). Annan evidencia deste xeito o seu compromiso persoal e da ONU na zona para acadar unha solución, tan demorada e esperada, a este complexo conflicto que, por riba, envelena as relacións intermagrebíes e mantén nunha situación de inestabilidade permanente unha rexión vital para a seguridade Europea. Máis ca nunca, quen espera, desespera.