Saír de Iraq

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Tras oficializarse o comezo do retiro militar estadounidense de Iraq, exposto polo presidente Barack Obama a través do seu discurso á nación o pasado 31 de agosto, o país árabe afronta unha etapa repleta de incertezas sobre o seu futuro.

En principio, Iraq aduce da falta de solidez no seu tecido institucional, deslexitimado tras unha ilegal ocupación militar estranxeira que durou sete anos. Para mais inri, Bagdad carece actualmente dun goberno de unidade nacional, tomando en conta que as eleccións lexislativas de febreiro pasado deron a vitoria pola mínima ao candidato opositor e ex primeiro ministro Iyad Alawi, fracasando no seus frecuentes intentos por formar un novo goberno.

Con este panorama, Obama anunciou o retiro militar estadounidense nun país atomizado tras seis meses de desacordos políticos entre o actual primeiro ministro Nourri al Maliki e o vencedor electoral Alawi. A pesar do comezo da retirada militar, este escenario de indefinición política en Bagdad afirmará a pretensión de Washington de seguir tutelando o futuro político iraquí a curto e mediano prazo, prometendo a permanencia de 50.000 efectivos militares ata finais de 2011 para consolidar as escasamente efectivas forzas de seguridade plenamente iraquís.

Paralelamente, a riada de atentados terroristas con decenas de mortos nos días previos ao oficial “traspaso de poderes” en Bagdad é un aspecto que evidencia a fragmentación iraquí e o fracaso estadounidense en asegurar a súa precaria estabilidade. Baixo este prisma, os grupos radicais detrás dos atentados advirten ao mundo que o Iraq post-retirada estadounidense mergullarase nunha volátil etapa de convulsión.

Este escenario traducirase nun agudo pulso xeopolítico claro entre EEUU e Irán, a través das súas respectivas redes de influencia dentro das comunidades sunnita, xiíta e curda. Paralelamente, a posibilidade de fragmentación territorial iraquí determinaría maiores influencias exteriores dende Siria, Turquía e Israel, se perder de vista a posibilidade de que un Curdistán independente ao norte iraquí provocaría unha dramática alteración xeopolítica en Oriente Próximo.

No lado estadounidense, as secuelas da posguerra iraquí poden ser socialmente dramáticas. Tras violar o Dereito Internacional e á capacidade de actuación de organismos globais como a ONU, EEUU diluíuse na súa guerra máis larga, incluso temporalmente superior á de Vietnam. Falta por ver se a posguerra iraquí reproducirá nesta xeración estadounidense maiores secuelas psicolóxicas e morais, toda vez que Washington reproduce en Afganistán os mesmos parámetros de actuación que en Iraq.

En todo caso, a retirada de 2010 confirma as falacias dos argumentos de Bush previos á invasión militar de marzo de 2003. Nin armas de destrución masiva nin estabilidade baixo un manto precario de democracia tutelada. A única realidade tanxible para Washington foi a caída dun réxime tiránico como o de Saddam Hussein, motivado polo control dos recursos enerxéticos iraquís. Pero queda un país fracturado, con amplas desigualdades socioeconómicas e duras secuelas psicolóxicas. Practicamente, nada hai que celebrar hoxe en Bagdad.