Asociado para sempre co colapso do sistema financeiro piramidal e as peores prácticas do capitalismo salvaxe, Sali Berisha, principal artífice da recente ruína do país, é consciente de que a súa volta ó poder depende inexcusablemente da capacidade para recrear situacións de caos, de enfrontamento civil, das que poida emerxer como única solución de compromiso. Dende que foi desprazado do goberno, Berisha, cabal representante da cultura "enverista", vense alimentando de todos os factores de desestabilización da vida política albanesa para continuar en primeira liña. Á expectativa da mínima ocasión, pouco importa instrumentalizar o execrable asasinato dun colaborador se con iso consegue arrasar as febles institucións albanesas. É un cardiólogo sen corazón que prefire a política das armas ás armas da política.