Sarkozy baixa nas sondaxes

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Como estaba previsto, as eleccións dos días 14 e 21 de marzo foron un soberano pau para a política de Sarkozy. E foino con carácter xeral: a inmensa maioría das rexións  votou esquerda e so a dereita se mantivo ocasionalmente nunha demarcación, entre as vinte e dous que existen.

Claro que as eleccións municipais non son as xerais e, nestas, téñense en conta feitos e circunstancias que nas primeiras nin se acostuman sinalar. E a unidade da esquerda, que dalgunha maneira se logrou nas municipais, non está garantida nas próximas xerais. Sen dúbida que se trata de resultados que non se poden extrapolar.

É certo que a popularidade de Sarkozy mingua cada día e de febreiro a marzo baixou dous puntos. O 65 por 100 dos franceses desaproba a política deste, caendo a súa popularidade por debaixo do 50 por 100. E o mesmo lle está sucedendo, pode que por vez primeira, a François Fillon.

Coa fachenda que adoita, como se nada tivese pasado, ao coñecer resultado tan adverso dixo que se ía poñer coas súas reformas e, por riba de todo, coas pensións. Ou sexa, disponse unha vez máis, e sen complexos, a meterse na boca do lobo. Non hai quen o pare. Pero por agora de pouco lle ten valido tanta hiperactividade.

O grupo”No Sarkozy Day” parece ir collendo forza, en canto denuncia a desorde do Goberno Sarkozy e o seu “fracaso económico, a destrución social, as prácticas autocráticas do poder e a interferencia xudicial”. Se chega a callar na sociedade francesa, o que non parece moi difícil, pode que vexamos novidades en Francia. Oxalá.