20080506 les angles nicolas sarkozy

Sarkozy da pouco de si

 Nicolás Sarkozy; clic para aumentar
O verdadeiro problema é que a oportunidade perdida con Nicolás Sarkozy (na foto), salvo que dea un forte cambio na súa acción política nos vindeiros meses "aínda ten por diante catro anos de presidencia", deixa valeiras as alternativas para unha pronta recuperación de Francia, con niveles baixos de crecemento e de ánimo cidadán e altos de déficit público.
 

Un ano despois da súa clara victoria electoral, o presidente de Francia amósase como un político efectista, con poucas solucións para os desafíos de fondo do seu país e de Europa. Nestes doce meses investiu demasiado tempo nos seus problemas de parella, en entrar en todo tipo de cuestións menores propias da acción do Goberno, en enfrontarse con outros dirixentes, como Ángela Merkel, e en copar as primeiras planas dos xornais e mesmo das revistas de corazón. Dá a impresión de que toda a súa vida estivera marcada por un irrefreábel desexo de ser presidente de Francia e que, unha vez logrado o obxectivo, non soubese que facer pero tampouco puidera deixar de rebulir.

Cando era só un candidato con experiencia en cargos de goberno e moita enerxía, parecía que podía ser unha solución para abordar o feixe de cuestións pendentes que ten o noso gran país veciño, sobre todo o anquilosamento xeral do Estado, agravado pola estática presidencia de Jaques Chirac. Un ano despois, pouco fica en limpo baixo o ruído e o espectáculo. Si segue así vai ser quen de facer aínda menos que o seu predecesor, pero sen deixar de intervir e opinar.

Polo menos, Chirac daba unha imaxe presidencial moi ao gusto dos franceses, que ollan desesperados para a perda da tradición institucional da Presidencia da República, sempre distante das cousas miúdas, sempre por riba da vulgaridade, sen ren a cambio. Esta é unha das causas da súa forte caída de popularidade. A outra é a desilusión por ver frustrada a esperanza de que se abordaran problemas de base longo tempo adiados.

En momentos de crise económica internacional con tres frontes difíciles (crédito, enerxía e alimentos) Francia e Europa, que non pode funcionar ben sen ela, non contan con un líder fiábel. Sarkó conseguiu o único avance salientábel, na súa tarefa de reformar o Estado, ao rematar con algunhas das situacións de privilexio de determinadas castes de servidores das administracións e das empresas públicas. O enfrontamento cos sindicatos foi breve porque estes sabían que actuaban en contra da opinión pública defendendo situacións inxustificábeis.

Amosa un excesivo nacionalismo, que xa era previsíbel pola súa traxectoria anterior, pero que casa mal coas solucións que demanda un continente e un planeta cada vez máis integrados. Aínda por riba, agasalla ao atlantismo, metendo a Francia outra vez na estrutura militar da OTAN, nunha acción que se pode interpretar como un respaldo ao presidente George W. Bush, un dos políticos máis nefastos da historia dos Estados Unidos que está totalmente amortizado.

O verdadeiro problema é que a oportunidade perdida con Nicolás Sarkozy, salvo que dea un forte cambio na súa acción política nos vindeiros meses "aínda ten por diante catro anos de presidencia", deixa valeiras as alternativas para unha pronta recuperación de Francia, con niveles baixos de crecemento e de ánimo cidadán e altos de déficit público. A oposición, o Partido Socialista, que podería aproveitar esta oportunidade, segue bloqueada en loitas internas, sen tampouco dar mostras de ser quen de marcar un camiño que ilusione aos franceses.