![]() | |
Os franceses creron no reformismo dun home (Nicolas Sarkozy, na foto) que tivo moitas responsabilidades no goberno de Chirac, e en distintas carteiras, sen que brillase en ningunha delas. | |
Que Francia se moveu cara a dereita é un feito moi evidente. Pero non cara a unha dereita calquera, senón para unha dereita moi perigosa, que se di emparentada con Bush, Berlusconi e Aznar, sen esquecer manifestas debilidades por Margaret Thatcher. A peor dereita que un pode imaxinar. Ségoléne Royal, é certo, non era ningunha panacea, pero debemos recoñecer que era máis presentable "incluso esteticamente.
Os franceses creron no reformismo dun home que tivo moitas responsabilidades no goberno de Chirac, e en distintas carteiras, sen que brillase en ningunha delas. O seu modelo social estará baseado en impor "o sentido do traballo, a autoridade, a nación, o respecto e a meritocracia". Dito doutra maneira: que reformará as leis laborais "alixeirándoas", recortará o estado de benestar, baixará os impostos "suponse que aos ricos" e controlará as pensións.
Un proxecto neoliberal ben coñecido. O problema vai ser cando os franceses descubran que o antigo ministro do Interior e de Economía pode que non resolva ningún dos problemas que xa tivo cando foi ministro do Interior "autoridade, respecto, orde, dos que tanto fala" e que, nos económicos, a sociedade non poida aturar as medidas que adopte, e non adoptou cando puido facelo "recortes do estado de benestar, control das pensións, baixada de impostos "aos máis ricos por suposto", entre outras.
Un misterio para nós é a súa política exterior. Sospeitamos que a súa devoción por Bush o levará a refugar o eixo Alemaña-Francia-Rusia, que tanto lle amola ao Emperador. Aquí si que pode ser nefasta para Europa a súa política. Como os seus mestres, non dubidará en seguila, nin en recortar liberdades se o caso o esixe. Ao tempo.
Sarkozy tivo ao seu favor a confusión da sociedade, de todas as sociedades, que pensa que represión é equivalente a xustiza. E prefiren a primeira porque é rápida e expeditiva, non a segunda que é sempre lenta. Pero a represión case nunca é xustiza. Calquera día descobren os franceses, e o seu Presidente, que os dous conceptos non son a mesma cousa. E botarán de menos a xustiza. Pero, para alá, o país terá padecido moito tempo a Sarkozy, como outros padeceron antes aos seus ínclitos mestres. Tanto terá recuado Francia?
Agardemos ás eleccións de xuño. Queda aínda moito por ver.