Bernard Kouchner, chanceler de Francia, dixo con moita claridade, referíndose a Irán, que o mundo debía estar disposto para o peor, isto é, para unha guerra. O que nos dá unha idea do que se pensa no goberno francés.
Sarkozy, despois duns días, o xoves pasado, corrixiu moi suavemente ao seu ministro dicindo que el non empregaría a palabra guerra, pero que era inaceptable que ese país tivese a bomba nuclear, que cumpría esgotar todas as posibilidades de entendemento, moi difícil con Irán, asegurou, e gabou a política internacional de Kouchner.
Pero gardouse moi ben de corrixir a este en canto manifestou que Francia está disposta, seguindo "aos nosos bos amigos, os alemáns", a apoiar sancións fóra da ONU. Non excluíu as de tipo militar, nunca autorizadas no caso de Irán. Tampouco dixo nada por ter asegurado que Francia estaba influíndo para que as empresas privadas non negociaran cos iranios.
Ou sexa, que todo parece indicar "non só polo movemento de tropas que se vén observando na zona" que, se moito non cambian as cousas, o temido ataque a Irán vai ter lugar.
E Sarkozy, como bo atlantista, euroescéptico, nacionalista francés e amigo de Bush, vai asemellándose a Margaret Tacher e a Tony Blair, sen se decatar de que tanto tacherismo como terceira vía perderon xa todo creto no mundo. Son parte dun pasado non moi brillante. Pero que, morto na Gran Bretaña, renace agora, e con forza, en Francia. Como se este país, hoxe, xa non fose ese país de sempre.