Schröder arrefría a “terceira vía

Hoxe comeza en Berlín o congreso do partido socialdemócrata alemán SPD), en pleno cambio de rumbo encabezado polo chanceler Schröder coa intención de corrixir a negativa tendencia electoral agravada nos últimos meses. Dende a espantada de Oskar Lafontaine e o controvertido apoio ao bombardeo de Iugoslavia a ascendente estrela do chanceler comezou a declinar. O manifesto asinado o 8 de xuño no que se formulaban as coincidencias entre o modelo do "novo centro" de Schröder e a "terceira vía" de Blair marcou o inicio dunha caída electoral que agora se tenta corrixir. Ao leve retroceso das europeas do 13 de xuño seguíronlle perdas substanciais en diversas eleccións parciais ás cámaras municipais e estatais, especialmente relevantes nalgúns länder orientais, onde foi superado polo PDS, e na flamante capital berlinesa na que esta última forza acadou un significativo ascenso situándose a catro puntos do partido gobernamental.

O chanceler e presidente do SPD optou por arquivar o manifesto asinado co seu colega británico, corrixir a súa imaxe pública e evitar o frívolo tratamento dos valores tradicionais da socialdemocracia alemana. Estes últimos semellan máis fortes do que a dirección do SPD consideraba e sen dúbida impulsaron a moitos dos tradicionais votantes a quedarse na casa ante as confusas mesturas entre liberalismo económico e socialdemocracia.

Dende que o 12 de abril o Congreso Extraordinario do SPD o elixira sucesor de Lafontaine co apoio do 75% dos congresistas, a influencia de Schröder no partido viña caendo ao mesmo ritmo que os resultados electorais. A rebelión dos deputados da ala esquerda estaba máis preto e mesmo se pensaba nunha posible destitución como presidente na próxima primavera se os resultados electorais non mudaban. O chanceler adiantouse, recuperou a algúns dos seus vellos colaboradores e pactou coa oposición interna á "terceira vía", de feito o documento que estes deputados redactaron no pasado agosto en resposta ao texto Schröder-Blair é agora un dos relatorios oficiais do congreso, no que se insiste no labor moderador da política ante a globalización económica, no papel do Estado en relación coas forzas do mercado e no predominio dos representantes políticos elixidos democraticamente fronte á influencia do empresariado economicamente poderoso. Os relatorios empregan expresións máis próximas á terminoloxía tradicional da socialdemocracia que ás impactantes e competitivas expresións neoliberais. A esquerda do SPD pretende arrancar neste congreso compromisos concretos sobre o apoio aos máis desfavorecidos así como sobre a contribución ao Estado dos máis ricos.

En política os xestos acostuman ser máis claros que os escritos e mesmo os discursos. No Congreso, Lionel Jospin figura como convidado de honor. Pola contra, Anthony Blair non estará presente.