O fracaso da reunión de Seattle non foi debido esencialmente ó enfrontamento entre o bloque de países ricos e países pobres, ou entre a Unión Europea e os Estados Unidos, senón á manifesta visualización do inevitable choque entre dúas concepcións: a de quen considera que o mercado e a competitividade autoregulamentanse automaticamente e a de quen lembra que a economía non é un mundo aparte e que non pode estar por riba ou á marxe dos dereitos humanos, medioambientais e políticos dos pobos. A fin de contas, a definición dunhas reglas de xogo feitas a medida dos países ricos non é un problema exclusivamente económico senón tamén moral.
Os países menos desenvolvidos denunciaron a marxinación de que foron obxecto dende o inicio desta Ronda do Milenio. Munir Zahran, ministro exipcio de Comercio, chegou a afirmar que foron tratados "como animais, mantiveronnos na máis absoluta ignorancia, sen dicirnos nada, sen consultarnos nada". A OUA, pola súa banda, destacaba a falla de transparencia nas negociacións e a marxinación dos países africanos "excluidos das discusións de temas de vital importancia".
A OMC é necesaria para marcar as reglas de xogo do comercio mundial e atopar saídas ós conflictos comerciais provocados pola globalización, pero debe afondar na democracia. Son demasiadas as plataformas intermedias existentes, excesivas as sesións a porta pechada, incomensurable o desdén respecto dos países menos favorecidos.
O profesor Riccardo Petrella, da Universidade de Lovaina, denunciaba recentemente a inexistencia dunha relación causa-efecto evidente entre comercio e desenvolvemento económico; a única evidencia palpable -asegura- é que despois de vinte anos marcados por unha forte expansión do comercio mundial, as desigualdades entre os países aumentaron de forma considerable. As exportacións dos países menos desenvolvidos non chegan nin ó 0,25% do total do comercio mundial. As importacións procedentes destes países representan o 1,2% do total das importacións da Unión Europea. Son problemas gravísimos que a axenda da OMC, moi volcada no impulso da liberalización, desatende abertamente.
Seattle pode simbolizar a fin dese optimismo exultante que pouco menos ca reduce a felicidade da humanidade a dispoñer de Internet cando soamente un 2,4% da poboación mundial está conectada á rede (en Estados Unidos, 1 de cada catro cidadáns; pero en África, un de cada mil). Pero o fiasco de Seattle non debe significar o fracaso dunha OMC que pola contra debería ser democraticamente reforzada.