segolene royal

Ségolène Royal

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ségolène Royal, clic para aumentar
O sentido da oportunidade de Ségolène Royal queda ben reflectido na viaxe que realizou a Chile para apoiar á candidata socialista na vitoria da segunda volta das eleccións presidenciais, Michelle Bachelet. Nesta viaxe, Royal intentou conter o seu déficit nunha das areas nas que recibe maiores críticas de cara ó asalto á presidencia da república, é dicir, a política exterior.
 

Ségolène Royal veu animar a vida interna do tan controvertido partido socialista francés. Á morea de candidatos que xa concorrían dentro do PS, sumouse unha muller de 52 anos que apunta alto, e barállanse todo tipo de explicacións para esta súbita aparición. Para uns, encarna a ilusión perdida da esquerda francesa, para outros evidencia a ruptura cos clichés da dominación masculina e anuncia a apertura da sensibilidade feminina cara o poder, ou simplemente a ruptura coa maraña do aparello do partido socialista que tan singularmente aporta controversia e problemas, ou, quizais non se trate máis que dunha campaña de marketing sen outro misterio.

O resultado é que os foros ou os chats do país galo ferven apostando polo abano de candidatos dun partido ou de outro, que desexan suceder a Jacques Chirac na presidencia do goberno francés. Ségolène Royal, a nova candidata, entrada nas listas a finais do ano 2005, conta cun atractivo especial que seduce a votantes da esquerda e da dereita. Dunha banda, parece protexer os valores sociais e familiares que atraen ós votantes máis tradicionais, situados á dereita do espectro político. Amosa sen pudor a súa compostura conservadora nalgúns dos asuntos sociais máis candentes, como a desaprobación á hora de consentir a adopción por parte das parellas homosexuais, aínda que si acepta o matrimonio gay. Tamén desexa aplicar restriccións á comercialización da pornografía. Con todo, convence ós electores da esquerda con argumentos como a loita contra a precariedade e a inestabilidade laboral, e a súa perversa influencia na educación, sempre gardando un lugar para o discurso anovador que ela mesma encarna. En moitos asuntos dedúcese unha liña intervencionista, por exemplo na economía, onde o estado debería cubrir áreas como a seguridade social sen quedar a expensas do mercado.

Máis alá do discurso, Ségolène conta tamén coa avantaxe de que é a esposa de François Hollande, o patrón do partido socialista. Isto supón un trampolín á hora de enfrontarse a candidatos de máis renome e traxectoria dentro do partido, como Laurent Fabius, Dominique Straus-Kahn, o seu mesmo marido, ou Lionel Jospin, entre outros. A mediados de setembro deste ano, François Hollande abrirá o proceso de selección do candidato socialista, e en novembro debería estar decidido o nome do aspirante para a convocatoria do 2007. Tal vez sexa un pouco tarde. Estas eleccións presidenciais son a primeira consulta despois do referendo da Constitución Europea no que gañou o "non", e calibrarán a reacción dos franceses ante as divisións internas do PS. A primeira rolda da elección presidencial terá lugar no mes de abril de 2007, e se é necesario habería unha segunda cita coas urnas en maio, sendo prioritario chegar á cita cun aspirante á presidencia consolidado e sen disidencias dentro do partido.

No entanto, a tensión e rivalidade dentro do partido socialista francés semella deixar atrás un campo cheo de minas e lévanos a facer reconto dos candidatos que se presentan dende as orientacións desta opción política: Laurent Fabius, Jack Lang, Dominique Strauss-Kahn, Bertrand Delanoë, Lionel Jospin, François Hollande, Martine Aubry, e Ségolène Royal conforman un atractivo elenco de posibilidades, que promove a imaxe dunha esquerda fragmentada, sen contar coas outras alternativas da esquerda como o representante do partido comunista francés, Marie-George Buffet, ou os que son considerados candidatos da extrema esquerda, José Bové, Olivier Besancenot, Arlette Laguiller, ou Dieudonné M’bala M’bala.

Royal soubo manterse á marxe das polémicas creadas entre os dirixentes do partido que nos últimos anos tanto contribuíron a desgastar a credibilidade da esquerda en xeral. Os principais protagonistas foron o seu marido, e primeiro secretario da formación, François Hollande, o ex-primeiro ministro Laurent Fabius, e o ex-ministro Dominique Strauss-Kahn.

Ségolène Royal, anunciou en setembro do 2005, na revista, París Match, que estaba considerando participar como candidata nas presidenciais de 2007, e nas enquisas de finais de ano aparecía por diante do seu propio marido e do resto de candidatos. Os restantes aspirantes teñen tras de si o peso de aparentar candidatos oficiais do partido. Na derradeira enquisa do "Journal du Dimanche", Royal liderou a sondaxe cun 36% de apoio, seguida do ex-primeiro ministro Lionel Jospin -quen parece rexeitar a candidatura presidencial- cun 26%, mentres que o seu marido seguíaa a distancia cun 12%. Royal tería unha difícil papeleta á hora de imporse contra o actual favorito nos comicios o ministro do Interior, Nicolas Sarkozy. O 49% dos franceses escollerían a este candidato da dereita, fronte ó 39% que se inclinaría por Royal, que consegue menos unanimidade na esquerda (75%), que o seu rival na dereita (75%). Non obstante, noutra sondaxe, esta vez do xornal Le Figaro, as estimacións danlle avantaxe sobre Sarkozy, e canto máis se fale de Royal, máis posibilidades existen de que se acrecente a súa aceptación.

O sentido da oportunidade de Ségolène queda ben reflectido na viaxe que realizou a Chile para apoiar á candidata socialista na vitoria da segunda volta das eleccións presidenciais, Michelle Bachelet. Nesta viaxe, Royal intentou conter o seu déficit nunha das areas nas que recibe maiores críticas de cara ó asalto á presidencia da república, é dicir, a política exterior. Este paso reflectiu ademais unha actitude proactiva a prol da propia candidatura e un compromiso de veracidade fronte a aqueles que temían unha trama estratéxica por parte da parella Hollande-Royal. De momento, Sarkozy xa se atreveu a loala cualificándoa como "a máis interesante candidata", a sabendas de que así mete os dedos nas feridas do PS. Pero Ségolène vai ó seu, e xa creou o seu propio grupo de presión: Désirs d’avenir (Desexos de futuro).