Seguranza e integración na pugna polo liderado en Asia-Pacífico

Se ata hai pouco a rexión de Asia-Pacífico viña sendo obxecto de comentarios por regra xeral eloxiosos en razón do incremento substancial das súas potencialidades económicas ata o punto de converterse no novo motor e epicentro da economía mundial e mesmo polos avances rexistrados na redución da pobreza (en 20 anos pasou do 58% ao 16%), xorden agora múltiples preocupacións respecto da capacidade dos principais países da rexión para dar avío a esquemas de seguranza que poñan coto ao incremento das tensións na zona. En paralelo, o anuncio do regreso de EUA á rexión esperta vellas pantasmas que ameazan cunha guerra fría de novo signo marcada pola xeración de propostas de integración excluíntes e o auxe da carreira de armamentos.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Se ata hai pouco a rexión de Asia-Pacífico viña sendo obxecto de comentarios por regra xeral eloxiosos en razón do incremento substancial das súas potencialidades económicas ata o punto de converterse no novo motor e epicentro da economía mundial e mesmo polos avances rexistrados na redución da pobreza (en 20 anos pasou do 58% ao 16%), xorden agora múltiples preocupacións respecto da capacidade dos principais países da rexión para dar avío a esquemas de seguranza que poñan coto ao incremento das tensións na zona. En paralelo, o anuncio do regreso de EUA á rexión esperta vellas pantasmas que ameazan cunha guerra fría de novo signo marcada pola xeración de propostas de integración excluíntes e o auxe da carreira de armamentos.

Xapón e China no epicentro das tensións

As diferenzas entre China e Xapón a propósito das illas Diaoyu/Senkaku no Mar de China oriental e entre Corea do Sur e Xapón pola soberanía sobre o arquipélago de Tokdo/Takeshima, no mar de Xapón (ou Mar do Leste para Seúl), ofrécennos unha primeira mostra das hipotecas existentes en materia de seguranza en Asia oriental. Nos últimos meses, asistimos a un agravamento do clima bilateral sino-xaponés con manifestacións populares a unha e outra banda e repercusións sensibles tanto no eido económico como no político. En paralelo, outra tendencia, a da integración económica, de signo máis construtivo, seguiu o seu ritmo normal, dando comezo ás negociacións trilaterais para a sinatura dun tratado de libre comercio (TLC), dando mostra cabal do enorme pragmatismo dos líderes asiáticos que tanto tiran o zapato como se poñen a lustralo.

O certo é que a crise vivida no semestre pasado é das maiores dos últimos anos. Os novos liderados nos tres países (Shinzo Abe, Xi Jinping e Park Geun-hye) deberán esforzarse nos próximos meses para acalmar as tensións, pero estas non desaparecerán de todo. Tanto razóns internas como a pugna polo exercicio do liderado na rexión, especialmente entre Xapón e China, abre un escenario de competencia que será prolongado e pode dar lugar a un  novo sistema de relacións na área.

O dilema norcoreano

O pasado 18 de febreiro, o réxime norcoreano realizou unha nova proba nuclear, a terceira (as outras leváronse a cabo en 2006 e 2009) se ben cun potencial de destrución significativamente en aumento e, segundo sospeitas de algúns, coa utilización, por primeira vez,  de uranio en vez de plutonio. 

Este novo episodio viña a completar o retrato da inestabilidade na zona e disipaba as esperanzas alimentadas por algúns observadores que agardaban do liderado de Kim Jong Un, quen herdou o poder en decembro de 2011, unha priorización dos obxectivos de reforma e apertura económica en detrimento das ambicións nucleares e balísticas. Esas expectativas eran resultado da intensificación dos contactos ao máximo nivel con China que daban a entender incluso unha inminente retomada do diálogo hexagonal (no que participan as dúas Coreas, Rusia, EUA, Xapón e China), en suspenso desde abril de 2009.

A secuencia de tiros balísticos (en abril e decembro de 2012) e esta proba nuclear, pola contra, remítennos ao ciclo catastrófico de accións desafiantes de Corea do Norte, condenas e represalias da comunidade internacional e a paralización dos esforzos para retomar as negociacións sobre a desnuclearización da península coreana.

As razóns últimas da conduta norcoreana son tan misteriosas como o réxime de Pyongyang, mais poderían deixar entrever certas dúbidas sobre a capacidade efectiva de Kim Jong Un para controlar o exército e a burocracia e mesmo a revelación dun hipotético illamento no cumio fronte aos poderes fácticos que tutelan o seu mandato. Non obstante, alén dos factores internos, tampouco serían alleos a este impulso o derrocamento de Gadafi en Libia e os actuais intentos de cambiar o réxime sirio que espertan na península as sensacións xa vividas en 2003 cando Bush derrocou a Sadam Hussein e incluíu a Corea do Norte no “eixo do mal”. Fronte a tan temido destino, o programa nuclear sería a salvación, un poderoso instrumento disuasorio e unha baza negociadora indiscutible. Mais concreto e próximo aínda, o acordo asinado en outubro de 2012 entre EUA e Corea do Sur que permite a Seúl desenvolver mísiles con un alcance de ata 800 km desatou a natural inquedanza no Norte. Daquela, Moscova xa alertara de que esta medida podería dar lugar a unha nova escalada de tensión na península de Corea.

En Seúl, o test nuclear norcoreano foi interpretado como un claro aviso á nova presidenta do país, Park Geun-hye, de filiación conservadora, quen ofrecera medidas de confianza a Pyongyang. O test nuclear, paradoxalmentye, revalidou argumentos para dar un novo empuxe a aquela intención de desenvolver un mísil balístico de longo alcance con capacidade para destruír calquera obxectivo situado ao norte do paralelo 38. Cabe sinalar que neste febreiro Corea do Sur é quen preside o Consello de Seguridade da ONU, que unha vez mais condenou unanimemente a acción norcoreana.

Outro tanto poderiamos dicir de Xapón. O novo primeiro ministro, Shinzo Abe, ten fabulado sobre a necesidade de dotarse da capacidade para dar un primeiro golpe balístico espertando inevitablemente as reticencias dos veciños, especialmente de China, sempre temerosa, ao igual que Seúl, do rexurdir do vello militarismo xaponés.

Resulta evidente que a acción norcoreana vai acelerar os proxectos en curso de defensa antimísiles e afondará a cooperación militar entre Seúl-Tokio e Washington, baixo o liderado do Pentágono, quen mantén nestes tres países máis de 50 mil soldados. Tamén por iso, Pyongyang centra a súa esixencia de seguridade na firma dun tratado de paz con EUA e na demanda de retirada dos 28 mil soldados que están no Sur, se ben estas tropas realmente non protexen o Sur do Norte senón de China, aínda que isto non se diga explicitamente. Abe quere incluír de novo a Corea do Norte na listaxe de países patrocinadores do terrorismo, na que estivo incluída desde 1987 ata 2008, pero non será por este camiño que se alivien as tensións na zona.

Pola súa banda, China e EUA cruzan importantes intereses na península coreana. O que mais teme Pequín é que o réxime dos Kim se desfonde dando paso a unha Corea unida baixo control de EUA. Washington preme en China para que deixe de apoiar a Corea do Norte (a quen prové de ata o 90% do petróleo, 80% dos bens de consumo e o 45% dos alimentos) ofrecendo a cambio algunhas garantías, pero as promesas de manter a parte norte desmilitarizada e sen presenza dos seus infantes non convencen a ninguén. Lémbrese o destino da garantía dada a Gorbachov de manter a Alemaña do Leste fóra da OTAN… Os intereses estratéxicos de China e a “responsabilidade” pola evitación dun hipotético caos impóñense, pese ás incomodidades que suscita o réxime norcoreano, fronte a calquera outra consideración. Mais aínda cando agora parece medrar a competencia estratéxica entre ambos países con frontes abertas en varias direccións.

Corea do Norte sabe que China non pode ir mais aló das criticas superficiais e que os imperativos xeopolíticos impídenlle abandonar ao seu aliado. Pequín seguirá apostando por acoutar a crispación nas relacións políticas e por influír a través das súas relacións económicas, con relativo eco. Coa excepción de China, as sancións doutros países apenas lle importan a Corea do Norte. A súa marxe de manobra é moi ampla. Élle totalmente indiferente que prohiban a entrada dos seus dirixentes na maioría dos países do mundo pois apenas viaxan ao exterior ou que conxelen contas no estranxeiro que non teñen ….
Pivot to Asia

Para completar o escenario rexional, cabe facer mención do paralelo agravamento das tensións no Mar de China meridional, especialmente por parte de Filipinas e Vietnam, países cos que Pequín mantén importantes diferendos territoriais nos que se mesturan argumentos históricos, enerxéticos, xurídicos e políticos. As relacións de China co conxunto dos países da ASEAN teñen mellorado de forma significativa nos últimos anos, aguilloadas polo empurrón das relacións económicas e financeiras e especialmente a partir de 1997.

A ASEAN (integrada por Brunei, Birmania, Camboxa, Filipinas, Indonesia, Laos, Malaisia, Singapur, Tailandia e Vietnam) aspira a converterse nunha Comunidade Económica en 2015. Pola súa banda, a Asociación de Asia Meridional para a Cooperación Económica (SAARC, siglas en inglés), que integra a Afganistán, Bangladesh, Bután, India, Maldivas, Nepal, Paquistán e Sri Lanka, suscítase a construción dunha unión económica para 2020.

En xaneiro de 2010 entrou parcialmente en vigor a zona de libre comercio China- ASEAN, que se completará en 2015. EUA impulsa o Acordo de Asociación Transpacífico (TPP, siglas en inglés), excluíndo a China pero incluíndo a toda a súa periferia e unha rede de socios con varios países do Pacífico e das dúas Américas. A manobra interprétase como unha resposta ás ambiciosas estratexias comerciais chinesas. Está por ver non obstante que EUA sexa capaz de aglutinar tras de si unha comunidade de países cultural, política e economicamente tan dispares. Convén ter presente que en toda a rexión China conta coa presenza tradicional das redes de chineses de ultramar, con gran influencia a todos os niveis, ademais dunha proximidade cultural nada menosprezable que se suma á ampla heteroxeneidade que caracteriza a rexión e que dificulta as posibilidades de asentar unha cohesión aceptable e duradeira.

Nos próximos anos, ata o 60% da flota de EUA e non menos de seis portaavións estadounidenses do Pentágono situaranse en Asia-Pacífico. O novo dispositivo anunciado evoca inevitablemente unha estratexia de "cerco" co obxectivo de contrarrestar o ascenso da influencia de China na contorna da ASEAN, contrariando a súa estratexia de configuración do chamado "colar de perlas" para asegurar as liñas de navegación máis importantes en relación ao fornezo de enerxéticos. Tal desenvolvemento dos acontecementos revela unha actitude que sen dúbida contribuirá a alimentar a confrontación estratéxica entre China e EUA no sueste de Asia, involucrando nela a todos e cada un dos países afectados polas tensións marítimo-territoriais co xigante asiático.

Con todo, convén ter presente que a forza naval estadounidense evoluciona á baixa. Se nos anos cincuenta do século pasado dispoñía dun milleiro de barcos de primeira liña, en 2012 non superaban os trescentos. Vistas as restricións dos seus gastos en defensa e as dificultades da economía estadounidense para remontar a crise, é difícil que poida manter a súa capacidade de influencia a nivel global, a non ser que logre establecer un marco de colaboración activa cos seus aliados. Esta circunstancia abre unha oportunidade para que Xapón poida liberarse do lastre das condicións impostas pola derrota na II Guerra Mundial, restablecendo certo equilibrio nos contidos e capacidades da súa Armada e impulsando unha estratexia de defensa moito máis ambiciosa e normalizada, unha circunstancia que tamén preocupa en Pequín.

En suma, é aquí onde EEUU e China dirimirán preeminencias e modelos de relacións co risco de secuestrar os intereses dos pequenos países convertidos en moedas de cambio. Fronte a esa dinámica, unha asiatización que comprometa a definición e asunción autónoma de medidas de confianza e diluínte das contradicións semella a única opción sensata para non alentar carreiras de armamentos. China debe tomar boa nota das desconfianzas que suscita o seu rexurdimento e refacer a política para a rexión manifestando compromisos cribles e non retóricos. Superar o hipotético cerco estratéxico que EUA poida querer construír esixirá respostas que comprometan a Washington coa seguridade da rexión. So así poderá ser recoñecida como unha potencia estabilizadora.

Asia-Pacífico converteuse na zona de maior vitalidade económica do mundo. Segundo o Banco de Desenvolvemento de Asia, a mediados do presente século, a rexión representará a metade da economía global. O PIB total do continente aumentará dos $16 billóns en 2010 aos $148 billóns en 2050. A importancia dos vínculos que China e EUA poidan establecer en Asia-Pacífico é tal que condicionará o ton xeral da súa relación. Segundo prime un equilibrio baseado no compromiso co desenvolvemento da rexión ou o antagonismo militar, así crecerán as posibilidades ou non dun conflito aberto entre China e EUA. Xapón e os demais países da zona debesen terzar para impedilo.