O único que se pode facer contra Tony Blair é un “arresto cidadán” (citizen’s arrest, en inglés), tendo en conta que non hai tribunal que vaia emitir unha orde de detención, escribía un famoso columnista do xornal The Guardian, George Monbiot, poucos días despois da comparecencia de Tony Blair diante da Comisión Chilcot que investiga a participación británica na invasión de Iraq. O propio George Monbiot xa tentara en maio de 2008, levar a cabo o arresto cidadán de John Bolton, que fora embaixador do Goberno de Bush nas Nacións Unidas cando a invasión, e que ia participar no “Festival Hay” en Gales. O intento fracasou pola intervención do servicio de seguridade de Bolton, quen, por certo, sigue tendo ideas belicosas, como a de bombardear Irán
Monbiot interpreta o sentir da maioría de observadores e cidadáns británicos que seguiron as decraracións de Blair na Comisión. A opinión xeral é a de que os membros da Comisión Chilcot non teñen forza dabondo para poñer en apretos ás testemuñas. Blair, que chegara nervoso, axiña recuperou a serenidade cando a Comisión aceptou o argumento fundamental do ex Primeiro Ministro británico: que o atentado do 11 de setembro de 2001 en Nova York transformou o panorama mundial e incrementou o perigo que Sadam Husein representaba para o mundo. Ninguén lle sinalou que Sadam non tiña relación co atentado nen cos plans terroristas de al-Qaida. A partir dese momento, Blair tivo o camiño libre para tratar de xustificar a invasión de Iraq e mesmo para acusar a Irán das mortes de cidadán iraquianos (e de deixar cair a idea da conveniencia dunha posibel acción militar contra o réxime de Ahmadinejad). Convencido, como parece estar, de que tiña unha misión pouco menos que mesiánica na sua participación na aventura de Bush, mantívose impertérrito cando membros do público, familiares de militares mortos en Iraq, lle chamaron asasino despois de non querer disculparse pola perda de vidas humanas na campaña. Non faltan observadores – como lle ouvín dicir a un importante diplomático latinoamericano – que consideren que non lle cadra a Blair o alcume de “cadelo de Bush” porque foi él o verdadeiro motor da aventura.
A preguntas da Comisión, Blair asegurou que o tema de Iraq se tiña tratado moitas veces no Gabinete ministerial e que a decisión de participar na invasion foi adoptada colexiadamente polo Gabinete. Poucos días máis tarde da sua comparecencia, Clare Short, que renunciou como ministra de Desenvolvemento Internacional cando xa comezara a guerra en Iraq, asegurou que Blair trataba o tema de Irak só cun pequeno grupo de ministros, que nunca se tratou nas reunións do Gabinete e que a ela non lle permitiu plantexar ningunha obxeción á campaña. Tony Blair e Lord Goldsmith (o Fiscal Xeral que mudou súpetamente de opinión sobre a ilegalidade da invasión) – afirmou Clare Short – enganaron ao Parlamento e ao Gabinete antes de que a Gran Bretaña “para a sua eterna vergoña” se sumara á invasión de Irak dirixida por Estados Unidos. Clare Short foi aplaudida polo público asistente.
Ún dos argumentos que manexou Blair na Comisión foi o de que non fora posibel por culpa do Presidente francés Jacques Chirac levar adiante unha segunda resolución das Nacións Unidas máis clara do que a 1441 para atacar a Irak con legalidade. “Mentira deliberada”, dí Clare Short, acordada entre Blair e George Brown, o actual Primeiro Ministro (que vai ter unha difícil comparecencia diante da Comisión si pretende aparecer como alleo á invasión). Os dous decidiron botarlle a culpa aos franceses, argallar de algún xeito unha xustificación legal e “botar para diante”.
Clare Short dimitiu por se considerar enganada cando xa comezara a guerra. Mais houbo outro membro do goberno, Robin Cook, que fora ministro de exteriores e logo Presidente da Cámara dos Comúns e membro do Gabinete ministerial, que non se deixou enganar e que renunciou aos seus cargos antes da invasión. No seu discurso de dimisión, dixo que non acreditaba na existencia de armas de destrucción masiva en Irak. Desafortunadamente para a Comisión Chilcot, Robin Cook faleceu en 2005, circunstancia pola que resulta cando menos sorprendente que Jack Straw, que sucedeu a Cook como Secretario do Foreign Office, dixera na sua comparecencia na Comisión investigadora que “Chilcot [o presidente] debería consultar a Cook” na materia que se estaba tratando. Cook non está presente, mais quen fora asesor especial seu, David Clark, tén todolos datos necesarios para demostrar que Robin Cook non quixo ser parte dunha aventura bélica que non tiña xustificación no Dereito Internacional.
“A loita contra o terrorismo, o Irak e ‘o eixo do mal’ non pasan de seren pretextos”, escrebía xa Emmanuel Todd no 20021. O que non vai sair da Comisión Chilcot son as razóns subxacentes de orde estratéxico ou económico daqueles e outros pretextos, como o de levar a democracia a países con reximes dictatoriais.