Os moi virtuosos autores de best-sellers que auguraron a fin do Estado, non contestados dabondo, enfróntanse agora ó reto dun novo exercicio de estilo trala revisión unilateral (multilateral por acatamento se se prefire) que está transformando a sacrosanta legalidade internacional. Os alicerces da tiranía, encubertos pola civilización institucional que atura o Dereito, non admiten xa esas restriccións. Se a esencia do Estado consiste en que "non pode tolerar ningún poder superior a el", soberanía e Dereito Internacional exclúense. Os filósofos xermanos do XVII e XIX volven así ó candeeiro a través do uso desvergoñado da hexemonía que está facendo Estados Unidos, mesmo sobre a OTAN, a través tamén das teses do patriotismo constitucional, pequenísima parte do patriotismo universalista norteamericano que todo ben nado ha defender.
Nese senso, un embriagado Hermann Tertsch fala en El País, 24/1/2002, do "sectarismo yeyé de certos círculos europeos" que reprochan o secuestro (non lle atopo outro nome porque non existen cargos que llelo dean) dos homes malos de Guantánamo; "almas sensibles" que se alarman "polo irreversible drama do afeitado das barbas dos talibán". O certo é que os "homes malos" están retidos sen cargos; que nen Rumsfield, (secretario de Defensa de EE.UU que lles deu ese nome), nen Cheney, (vicepresidente do mesmo país), son quen de asumir tamén o cargo de xuíz e tribunal dun aínda indefinido xuizo contra os retidos; que a legalidade internacional (e estabamos en que existe unha coalición internacional sen precedentes que acompaña a EE.UU) di que o captor debe permitirlle a un "tribunal competente", imparcial, e independente, que decida o status dos prisioneiros; e que hai serias dúbidas sobre que o presidente Bush teña autoridade legal para establecer tribunais militares (cousa que fixo o 15 de novembro, só para estranxeiros), atributo que pertence ós "poderes de guerra" do Estado de Guerra, que o Congreso de EE.UU non declarou dende 1942 (as outras "non eran").
Deixemos por un momento ós homes malos de Guantánamo á súa sorte, ou a que poidan obter as reclamacións do Reino Unido, Francia ou Arabia Saudí (que ten máis dun cento de retidos), que piden a repatriación para seren interrogados e xulgados no seu país. Australia, que está moi lonxe de todo, mesmo ten folgos para falar dun Tribunal Internacional. Bush di que o estudiará "caso por caso", pero "caso por caso" aínda non existe, o goberno non facilita os nomes dos retidos e a maioría di que son europeos para recibir un mellor trato, moi difícil salvo para o único talibán americano capturado, que está sendo xulgado por un Tribunal Federal regular.
Tralo 11-S, o Congreso EE.UU aprobou a chamada "Lei Patriótica Estadounidense", que recurta gravemente os dereitos dos estranxeiros e permite a súa retención indefinida unha vez que o fiscal xeral (ministro de xustiza) "certifica" que ten "bases razoables para crer" que un estranxiro participa en actividades terroristas ou que poñen en perigo a seguridade nacional. Hai unha lista de miles de individuos, de orixe árabe a maioría, retidos dende hai meses á espera de interrogatorio.
Por outra banda, gardándose as costas, o Senado EE.UU vén de aprobar a lei ASPA (American Servicemembers´ Protection Act), que lle permite ós EE.UU tomar medidas, invasión incluída, para rescatar calquera cidadán do seu país que se pretenda levar perante o futuro Tribunal Penal Internacional, porque ¿que pasa cos combatentes americanos (matanza de 6 membros de al-Qaeda no hospital Mis Wais de Kandahar do 28 de xaneiro, 20 mortos civís no bombardeo da provincia de Oruzgan, etc) se son capturados?
Guantánamo é o máis célebre campo de retención, pero non o único. No mesmo Afganistán ou a bordo de portaavións americanos no Índico permañecen milleiros de retidos en condicións non publicitadas, sen visitas da Cruz Vermella. Sábese ó respecto que un equipo de médicos foi enviado por unha organización de Dereitos Humanos de Boston a unha base americana ó oeste de Mazar-el-Sharif. Segundo fontes da BBC, os médicos serían recibidos por un comandante norteamericano que lles informaría de que "moitos, moitos, moitos" dos prisioneiros morreran xa. Os andazos da desentería e icteria afectan entre 3.000 e 3.500 prisioneiros afganos e paquistanís. O equipo comprobou ademais que había ata 110 prisioneiros pechados en celas deseñadas para só 15 persoas, e que a única fonte de auga, instalada nun muro do patio, era compartida por máis de 1.000 homes.
En Guantánamo a tortura sae da clandestinidade, grávase, fotográfase e difúndese, porque te-lo cetro mundial non é xa suficiente, cómpre mostralo ensanguentado. Tras ser enviados a EE.UU coma gando, son agora mostrados con orgullo nas súas gaiolas de cemento de 1,8 por 2,4m., que en principio acollen a cada un dos 158 presos, pero que poderían acoller 320 ou máis se se colocan dous por cela, contan fontes militares estadounidenses. De xeonllos, esposados, encadeados e cos ollos e orellas cubertos.
Neste estado de cousas é aventurado dicir que tipo de xuízo terán os detidos; o Pentágono segue sen defini-la súa situación legal e tampouco lles imputa cargos. O único certo é que están en Guantánamo para ser "interrogados nun medio seguro", é dicir, en terra de ninguén, sen o abeiro da Constitución norteamericana e sen status legal. Poden ser interrogados sen restriccións, sen prohibicións de trato cruel ou degradante, sen atrancos á tortura, e sen protección ante o arresto arbitrario e prisión (habeas corpus, unha lei do século XVII…).
EE.UU paga a Cuba por ter Guantánamo ó seu dispor un cheque anual de 4.000 dólares; din que Fidel rexeita cobralos. De tódolos xeitos, neste momento, como complemento ás infraestructuras turísticas da illa, están en construcción un restaurante e un bar nun outeiro, Sierra Madre, con vistas á base norteamericana, polo que quedan aseguradas as consumicións de clientes máis e menos podentes. Perante as protestas de organizacións humanitarias e xurídicas, dos parlamentarios británicos e do Comisionado das NU para os Dereitos Humanos, a afluencia de fotógrafos e turistas, o Pentágono pode pensar que non é boa idea capturar tantos prisioneiros.
Nun interesante foro aberto pola BBC en Internet sobre o tratamento dos prisioneiros e as posibilidades de que teñen un xuizo xusto, Jee, da India, dicía: "non tiña idea de que a ONU tivese unha base en Guantánamo"; Franklin, de EE.UU, respostáballe: "Non tiña idea de que a ONU fose a víctima das atrocidades do 11 de Setembro". EE.UU buscou, coa súa resposta, que todos fosemos víctimas do 11-S, coa súa ameaza "con nós ou contra nós" acadaba as adhesións babecas dos demais. Bush declarou, coa aquiescencia dos seus aliados, a guerra ó terrorismo, contra Al-Qaeda en principio, logo contra o rexime talibán. Os talibán eran a forza militar do goberno de facto de Afganistán, aínda que non estivese recoñecido por máis de tres países, e Al-Qaeda era unha milicia interestatal.
Aínda que EE.UU non lle dera o recoñecemento diplomático ó rexime chinés, si lle deu o status de prisioneiro de guerra ós capturados durante a guerra de Corea, e máis tarde tamén llelo deu, eventualmente, ós guerrilleiros do Vietcong capturados no decurso da guerra de Vietnam. Prisioneiro de guerra é "cada combatente que cae no poder da parte adversaria". As regras non cambian e son agora máis necesarias ca nunca, di Mary Robinson, alta comisionada das NU para os Dereitos Humanos; a posición xurídica dos prisioneiros debe quedar clara canto antes. E se todos vimos durante días a barbarie das Torres e vemos a barbarie de Guantánamo, se existe unha coalición internacional, debemos ver tamén un xuízo consonte á legalidade internacional, non baixo o segredo e a falla de garantías dunha comisión militar ilexítima. A civilización que din protexer non pode seguir caendo máis fondo.