20060108jerusalem ehud olmert silla ariel sharon

Sharon e Israel

 Ehud Olmert, clic para aumentar
Os cálculos políticos consideran ao partido Likud e o seu líder Binyamín Netanyahu como os principais beneficiarios dunha eventual desaparición de Sharon, a pesar de que o Kadima segue a estar na vangarda das enquisas. Os eventuais sucesores de Sharon, o actual encargado do goberno, Ehud Olmert, o ex ministro de Defensa, Saúl Mofaz e a ultranacionalista, Tzipi Livni, non semellan posuír o carisma e a capacidade política dun Sharon que decidiu crear un partido a súa imaxe e semellanza, nunha situación de "emerxencia nacional". (Foto: O primeiro ministro en funcións, Ehud Olmert, xunto á cadeira baleira de Ariel Sharon, durante a reunión semanal do gabinete na oficina do primeiro ministro en Xerusalén).
 

"Crítico pero estable". Así cualifican os recentes partes médicos o estado de saúde do primeiro ministro israelí Ariel Sharon. Este contradictorio diagnóstico tamén é un revelador sintomático do panorama político israelí, acosado ultimamente por decisións traumáticas, cambios abruptos e unha gradual incapacidade de renovación da súa clase política.

Neste momento, todas as análises se concentran en outear o escenario político israelí sen Ariel Sharon. Aos seus 77 anos, hospitalizado dunha hemorraxia cerebral, practicamente agonizante, o seu futuro físico semella ir estreitamente ligado á incerteza política en Israel de cara ás eleccións xerais do próximo 28 de marzo. Non só dende a perspectiva electoral, senón tamén do futuro da paz en Oriente Medio, xa se fala sen ambigüidade do fin da "era Sharon".

Resulta moi peculiar o actual momento político en Israel e o que significa para este país a definitiva ausencia de Sharon. Coma Shimon Peres, de 82 anos e o seu compañeiro de fórmula electoral no recen creado partido Kadima, Ariel Sharon personifica a clase política supervivente da xeración que creou o Estado de Israel. Pero o mundo do 2006 é moi diferente ao mundo de 1948 ou de 1967, ano da "guerra dos Seis Días", onde o "Sharon militar" construíu a súa particular lenda heroica para miles de israelís.

Pero tamén comezou a súa persoal "lenda negra", a do Sharon acusado de crimes contra a Humanidade nos campos de refuxiados palestinos en Sabra e Shatila en 1982; a do político que provocou intencionadamente a "segunda Intifada" no 2000 e que, xa coma primeiro ministro, ordenou a represión e os "asasinatos selectivos" contra líderes palestinos. O Tribunal da Haia o condenou no 2001, tamén, pola ilegal construcción do Muro de Seguridade nos territorios palestinos.

Pero Sharon é un home de violencia que, repentinamente, se esforzou en expandir unha imaxe transformadora de "home de paz". O "Sharon político", de liña dura, inflexible e convencido da súa necesidade histórica para a nación israelí, non foi menos traumático: no 2005, iniciou unha aposta política repleta de riscos para a sociedade israelí: a retirada militar e dos colonos xudeus en Gaza. E, hai seis semanas, rexeitou ao seu partido de sempre, o Likud, para crear outro vinculado ao seu ideario político, agora revestido e catalogado de "centrista".

Tanto como Palestina, Israel é unha sociedade contradictoria e configurada a modo dun mosaico multiforme. As presións políticas entre os partidos laicos, os ultrarrelixiosos, os nacionalistas ou os pacifistas, revelan enormes fisuras internas e a figura do propio Sharon non indica consenso. Para a sociedade israelí resulta inevitable a creación dalgún tipo de Estado palestino, pero tutelado e confeccionado desde Israel. Isto aumenta a frustración e a separación con respecto aos palestinos.

Os cálculos políticos consideran ao partido Likud e o seu líder Binyamín Netanyahu como os principais beneficiarios dunha eventual desaparición de Sharon, a pesar de que o Kadima segue a estar na vangarda das enquisas. Os eventuais sucesores de Sharon, o actual encargado do goberno, Ehud Olmert, o ex ministro de Defensa, Saúl Mofaz e a ultranacionalista, Tzipi Livni, non semellan posuír o carisma e a capacidade política dun Sharon que decidiu crear un partido a súa imaxe e semellanza, nunha situación de "emerxencia nacional".

¿Qué futuro espera á paz en Oriente Medio sen Sharon? A Autoridade Nacional Palestina se prepara para unhas eleccións lexislativas onde o partido islamita Hamas, abertamente antiisraelí, semella ser o probable vencedor. Os grupos armados palestinos anunciaron o fin da tregua con Israel, polo que se augura unha renovación da violencia. No sector israelí, xa ameazan romper os escasos vínculos de diálogo cos palestinos, no caso da victoria electoral de Hamas.

Co caos iraquí, as tensións entre Siria e o Líbano e o avance do programa nuclear iraniano, a delicada saúde de Sharon e as incertezas israelís son tamén síntomas indirectos da situación en Oriente Medio. En novembro de 2004 faleceu o seu principal inimigo e rival, o líder palestino Yasir Arafat. Hoxe, o presunto final biolóxico de Sharon, como o de Arafat, semella dar a sensación política dunha "fin de época" na rexión, con menos paz e mais violencia e traumatismo.