20050922domenico siniscalco

Siniscalco e o circo italiano

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Doménico Siniscalco, clic para aumentar
En realidade, a dimisión de Siniscalco, non ven só provocada pola aversión a Fazio. A presión previa ás eleccións lexislativas do ano que ven é inmensa. Imponse a necesidade de resultados económicos favorables a corto prazo, e de facer valer un orzamento electoralista a comezos do ano que ven.
 

Antonio Fazio é gobernador do Banco de Italia, o Banco central italiano. A Fazio fóiselle a man nunha operación que liquidou a súa carreira profesional, e agora vese implicado nunha investigación, acusado de abuso de poder. Unha escoita telefónica serviu para denunciar a trama consistente en favorecer a Banca Popolare Italiana, contra a OPA do grupo holandés ABN Ambro, sobre Banca Antoveneta.

Como o seu cargo de gobernador do Banco central italiano, en principio, é vitalicio, resulta que agora non hai forma de eliminar un problema que desangra a coalición de centrodereita, actualmente no poder. Así as cousas, as dores de cabeza multiplícanse na Casa das Liberdades, que dende a estrepitosa derrota nas eleccións rexionais de abril deste ano non é quen de ofrecer a máis mínima sensación de rigor gobernamental. Ás disidencias entre os partidos da coalición, todos na busca dun novo liderado, únese agora a dimisión do ministro de economía, Doménico Siniscalco, un independente que cualifica de "escándalo" a incapacidade para destituír a Fazio do seu cargo, danándose a imaxe e a credibilidade das institucións italianas.

A debilidade de Berlusconi é, aparentemente, a razón principal, pero non a única, que levou ó ministro de economía a desaparecer do mapa. Berlusconi tentou atallar o asunto desviando o problema ó parlamento e á banca central europea, lembrando que Banco Central goza de autonomía e non depende do goberno. O caso é que ninguén, pese ás sombras existentes respecto da súa honorabilidade, pode cesar ó gobernador da Banca de Italia.

¿Solución? En menos de 24 horas atopouse un novo ministro, Giulio Tremonti. Un vello coñecido, que fora ministro de economía de 2001 ata 2004, sistematicamente acusado pola coalición de esquerda de ser o causante da mala situación económica italiana. Ademais é un inimigo acérrimo do gobernador da Banca de Italia, o que garante a persistencia do problema e promete unha nova volta de rosca sobre Fazio, quen podería ter os días contados.

En realidade, a dimisión de Siniscalco, non ven só provocada pola aversión a Fazio. A presión previa ás eleccións lexislativas do ano que ven é inmensa. Imponse a necesidade de resultados económicos favorables a corto prazo, e haberá que facer valer un orzamento electoralista para o ano que ven. Ademais, Italia afronta unha serie de plans de reforma que, na maioría dos casos, terán difícil aplicación por mor das divisións internas na coalición, e a oposición da esquerda. A reforma constitucional, da lei electoral ou da lei de finanzas, son algúns exemplos.

Silvio Berlusconi, en troques, persiste no seu optimismo e persevera na intención de manterse como líder da coalición da dereita, por máis que o cuestionen dende as bancadas demócratacristianas da UDC. Aguilloado polo relativo éxito de Schröder en Alemaña, podería estar barallando o adianto das eleccións, tal como demanda a oposición. Pero ¿son comparables ambos líderes? Siniscalco foi listo. Deixa que o patrón se afunda co barco e evita formar parte deste circo.