Siria

O asedio militar á poboación siria de Hama, que deixou ata agora máis dunha centena de mortos, incrementa en máis dun millar a cifra de vítimas mortais en Siria tras seis meses de protestas, un aspecto que da conta da reaccionaria posición do presidente sirio Bashar al Assad de solucionar, pola vía da forza e da represión, coa contestación popular máis numerosa e prolongada contra o réxime político dese país árabe.

Dentro do hermetismo sobre o que actualmente ocorre en Siria, a rebelión popular contra o réxime da Bashar al Assad e do gobernante partido socialista e nacionalista árabe Ba´ath pode identificarse como un capítulo máis dentro da riada de revoltas que sacoden desde fai meses ao mondo árabe. Mentres unha poboación indignada por décadas de réxime totalitario expresan os seus desexos de reforma política e apertura democrática, o presidente sirio Bashar xustifica a lexitimación da represión e da violencia como mecanismo para defenderse dunha “conspiración internacional”.

Independentemente dos factores que poden mobilizar a crise en Siria, o aspecto máis notorio ten que ver coa ambigüidade de EEUU e Europa á hora de afrontar unha posición firme dentro do Consello de Seguridade da ONU para iniciar sancións contra o réxime de Bashar, en clara contrariedade co sucedido en marzo pasado co respecto a Libia, e que levou á inédita e inmediata intervención da OTAN. Impasibles ante os milleiros de mortos, a tardía reacción de Washington e Bruxelas dificilmente logrará reverter o panorama, probablemente persuadidos porque Rusia e China boicotearían calquera intervención exterior contra Damasco.

Tanto como a ambigüidade occidental, resalta tamén o silencio dos gobernos árabes veciños de Siria, en especial Líbano, Iraq ou Xordania, así como a cautelosa e expectante posición de Israel, inimigo tradicional sirio. Este escenario certifica cómo a inestabilidade en Siria repercutiría decisivamente na política rexional, en especial polo complexo e delicado entramado étnico, relixioso e xeopolítico. Só Turquía levantou a voz de protesta contra o réxime de Bashar, en gran medida afectada pola riada de sirios que traspasan diariamente a fronteira turca, fuxindo da represión no seu país.

Se a indignación e as demandas de apertura democrática mobilizan a rebelión popular contra o réxime de Bashar, as rivalidades sectarias, en especial étnicas, tribais e relixiosas, así como outros factores de carácter socioeconómico, poden explicar tamén a exacerbación da violencia. Bashar, elite política do partido Ba´ath, a maior parte da burocracia administrativa e de negocios así como das Forzas Armadas, están conformados pola etnia alauíta, que conforma un 15% da poboación total siria. Unha gran parte da represión política oficial está concentrándose contra a maioritaria comunidade relixiosa sunnita, tradicional rival alauíta, así como contra outras comunidades tribais, étnicas e relixiosas.

Paralelamente, as reformas económicas instauradas por Bashar a partir de 2000, trala morte do seu pai e ex presidente Hafez al Assad, concentrou a riqueza en mans desta elite alauíta de carácter urbano, principalmente na capital Damasco e outras cidades de importancia como Aleppo, aparentemente alleas á rebelión popular. Polo contrario, os sectores rurais e do interior sirio, principalmente dominados pola comunidade sunnita, veuse repentinamente afastado destas reformas económicas e da repartición da riqueza.
Alén das rivalidades internas, o fracaso das promesas de reformas políticas e apertura democrática anunciadas por Bashar a partir do 2000, así como a continuidade dun clima de illamento internacional cara Siria, levemente amortecido pola apertura de países como Irán, Venezuela ou temporalmente Turquía, explican en gran medida a actual crise no país árabe e o seu aparentemente imparable caudal de violencia.

Unha crise non exenta da posible implicación de actores externos interesados na desestabilización e caída do actual réxime sirio, un aspecto que baixo ningún concepto lexitima a brutal represión levada a cabo por Bashar. En todo caso, e a semellanza da intervención occidental en Libia, o que actualmente acontece en Siria altera abruptamente o incerto curso da rebelión no mundo árabe.