Se o contexto mundial para 2017 estará determinado pola imprevisión, a guerra que vive Siria desde 2011 podería ironicamente alcanzar un punto de inflexión decisivo, en gran medida posibilitado pola determinación do eixe conformado por Rusia, Turquía e Irán de exercer a súa influencia á hora de prover algún tipo de solución de feito do conflito. Con todo, a inevitable fragmentación territorial de Siria encarna un dos mais graves dramas humanitarios da “posguerra fría”, cunha xeración de sirios atomizados pola guerra e o éxodo refuxiado ante a impasible inacción da comunidade internacional.
Se o contexto mundial para 2017 estará determinado pola imprevisión, a guerra que vive Siria desde 2011 podería ironicamente alcanzar un punto de inflexión decisivo, en gran medida posibilitado pola determinación do eixe conformado por Rusia, Turquía e Irán de exercer a súa influencia á hora de prover algún tipo de solución de feito do conflito. Con todo, a inevitable fragmentación territorial de Siria encarna un dos mais graves dramas humanitarios da “posguerra fría”, cunha xeración de sirios atomizados pola guerra e o éxodo refuxiado ante a impasible inacción da comunidade internacional.
Dous acontecementos dominaron a actualidade do conflito sirio no final de 2016. A toma da estratéxica Aleppo (23 de decembro) por parte das forzas leais ao réxime de Bashar al Asad, deu paso a unha nova tregua (29 de decembro) propiciada por Rusia e Turquía, na que se prevé poñer en marcha un proceso diplomático de solución política ao interminable conflito sirio, neste caso entre o goberno e a plataforma opositora, seriamente dividida e marxinalizada.
Ambos sucesos poden observarse como eventuais puntos de inflexión político e militar dentro do conflito sirio. En perspectiva, está por ver cómo este escenario progresivamente permita abrir un compás de definición para os actores involucrados neste conflito, así como dos seus complexos intereses establecidos. Igualmente, se a tregua finalmente ten éxito político, os resultados da mesma serán sintomáticos dun inevitable proceso de “balcanización” para Siria.
O cruento cerco de Aleppo que durante meses realizou o exército sirio co apoio dos seus aliados (destacando neste apartado a forza área rusa, as milicias xiíes apoiadas dende Teherán e polo grupo islamita libanés Hizbulá) contra posicións do Estado Islámico (EI) e dos grupos opositores, desenvolveuse cun enorme custe de vidas civís, aspecto que confirma a brutalidade dun conflito cada vez mais deslocalizado, monopolizado pola participación de actores externos con diversos intereses.
Non obstante, este escenario aborda situacións de enorme complexidade. A toma de Aleppo coincide co asasinato do embaixador ruso Andrei Karlov en Turquía (19 de decembro), aspecto que confirman os perigos que para Moscova significa a súa intervención militar en Siria fraguada desde setembro de 2015, así como o efecto colateral que a mesma implica para os seus principais aliados, en particular Turquía.
A reivindicación de Aleppo por parte do asasino de Karlov confirma tanto a focalización de Rusia e Turquía como obxectivos “terroristas” como o estratéxico que supón este punto territorial para a definición do conflito sirio.
“Balcanización” en marcha
Con todo, a mediano prazo intensifícase a perspectiva dunha fragmentación de feito do Estado sirio en áreas de influencia controlados polos respectivos actores involucrados, aspecto que pode confirmarse durante 2017.
A certificación dun eixe exterior de apoio ao réxime de al Asad conformado por Rusia e Irán, ampliado a outras forzas (Hizbulá libanés) e o tácito apoio de Beijing, contrasta cunha plataforma opositora que, tacitamente apoiada por EUA, Europa e as “petromonarquías de Arabia Saudita e Qatar, vese fragmentada, volátil e cada vez mais controlada por elementos radicalizados.
No epicentro desta complexa trama de intereses está a ambigua e arriscada posición de Turquía. Ankara erixiuse como un dos principais inimigos do réxime sirio cando estalou o conflito (2011), apoiando a sectores opositores e amosando unha ambigua posición cara o Estado Islámico.
Pero o contexto 2015-2016, principalmente coa intervención rusa no conflito (setembro 2015) e a non menos contraditoria e polarizadora política do goberno de Erdoĝan cara EUA, Europa e Rusia (crise bilateral con Moscova polo abatamento dos cazas rusos en novembro 2015; acordo contra os refuxiados coa Unión Europea de abril 2016; apoio aos bombardeos da OTAN contra posicións do EI; ruptura de feito con Washington e Bruxelas tralo fracasado golpe militar de xullo 2016), finalmente achegaron a Ankara aos intereses de Rusia e Irán.
Toda vez Turquía agora traballa con Rusia e Irán para manter en pe ao réxime de al Asad como “mal menor”, a radiografía actual recrea claramente as expectativas que se cernen sobre a “balcanización” do conflito sirio.
Con todo, en 2017 pode ingresar directamente un novo actor dentro do labiríntico puzzle sirio: Israel. Persuadido polas ganancias xeopolíticas que Irán, o seu principal rival, está alcanzando en Siria, ampliadas coa presenza doutro “inimigo xurado” israelí como é o caso do Hizbulá, e que vense exemplificadas coa toma de Aleppo por forzas leais ao réxime de al Asad, Tel Aviv pode verse determinado a unha intervención directa mais decidida, incluso apoiando a sectores sunnitas dentro da plataforma opositora.
O recente rexeite da ONU para ampliar os asentamentos en Cisxordania que o goberno israelí de Benjamín Netanyahu quere adiantar para 2017 persuadirá aínda mais a Tel Aviv a eventualmente tomar cartas no conflito sirio. Sen Obama, un presidente incómodo para Israel, a presidencia de Donald Trump anúnciase como próxima aos intereses israelís, o cal dará a Netanyahu maior amplitude para eventualmente actuar en Siria.
Este escenario achegaría a Israel cos intereses de Arabia Saudita e Qatar, igualmente inquietos e incómodos ante o emerxente peso iraniano. Ironicamente, o conflito sirio pode terminar repercutindo nunha tramitación de inesperadas alianzas indirectas para Israel dentro do mundo árabe, neste caso a través dun sinuoso “eixe sunnita” radicalmente oposto ao “eixe xiíta” que encarnarían Irán e Hizbulá xunto a milicias xiítas sirias.
Repensar o Estado Islámico
Outra perspectiva obsérvase na neutralización e confinamento do Estado Islámico (EI) dentro dun enclave sirio-iraquí con epicentro en Raqqa, cercado tralo seu desaloxo durante 2016 da estratéxica localidade iraquí de Mosul. Este contexto obrigaría ao neste momento principal grupo xihadista a repensar a súa loita, amparado na posibilidade de desprazamento do seu eixe gravitacional orixinario.
Este confinamento expresa a sincronización de todos os actores rivais e contrapostos dentro do conflito sirio: a necesidade de illar e procrear un muro de contención contra o EI a través de ofensivas a varias bandas. A diferenza do mantemento no poder do réxime de al Asad, neste punto, o de desactivar ao EI, parecen ironicamente converxer os intereses dos principais actores involucrados: Rusia, EUA, Europa, Turquía, Irán, Arabia Saudita, Qatar, milicias kurdas e opositores sirios.
Isto explica a tramitación simultánea de ofensivas contra posicións do EI tanto en Siria como en Iraq e nas súas redes en Libia, que permitan igualmente procrear a eventual contención de elemento xihadistas cara as repúblicas rusas do Cáucaso Norte e incluso de Asia Central, un dos elementos estratéxicos clave da implicación rusa no conflito sirio.
A neutralización e progresiva fuxida de elementos xihadistas trala caída de Aleppo e o illamento territorial en torno a Raqqa persuadirá á cúpula do EI a replantear a súa estratexia. Imponse aquí a estratexia de combate do “inimigo distante”, reforzar as redes xihadistas dende EUA e Europa ata Asia Central, para focalizar en maiores atentados que impliquen posible desestabilización, principalmente dentro do espazo euroasiático con epicentro en Turquía.
Similar perspectiva obsérvase co respecto ás forzas kurdas no corredor do noroeste en torno a Rojava e o Kurdistán iraquí. A represión do presidente turco Erdoĝan contra os kurdos en Turquía e a activación dun plan militar (“Escudo do Éufrates”) de eventual intervención militar en Siria, supoñen elementos disuasivos por parte de Ankara cara as pretensións soberanistas dos kurdos sirios.
As ofensivas contra o EI e a toma de Aleppo poden persuadir aos peshmergas kurdos a activar ofensivas militares mais decididas no Kurdistán iraquí, que recreen unha neutralización e fragmentación de dous Estados outrora relevantes líderes do mundo árabe, sendo estes os casos de Siria e Iraq. Este obxectivo principalmente israelí e occidental comezouse a fraguar coa ilegal e unilateral invasión de Iraq de 2003 e está alcanzando o seu principal punto de concreción coa actual guerra en Siria.
Qué facer con Bashar al Asad
Con Trump na Casa Branca e a súa previsible política de distanciamento cara o conflito sirio, o mesmo verase cada vez mais determinado polos intereses establecidos polo eixe Rusia, Turquía e Irán, preventivamente convencido da necesidade de non remover do poder a Bashar al Asad. Todo isto a pesar dalgunhas reticencias turcas, tomando en conta o seu apoio a diversas faccións opositoras sirias.
A xuntanza en Moscova (20 de decembro de 2016) dos ministros de Exteriores e de Defensa de Rusia, Turquía e Irán certifica esa pretensión por marcar as pautas de futuro do post-conflito sirio sen a participación de Washington, neutralizando ó mesmo tempo a implicación doutros actores (Arabia Saudita, Qatar, Israel) frustrados pola supervivencia do réxime de al Asad e contrariados polas ganancias xeopolíticas obtidas por Irán, o seu principal rival rexional.
Neste sentido, o control de Aleppo abre un compás estratéxico orientado a debuxar o post-conflito sirio. Moscova, Ankara e Teherán trazan liñas de actuación tendentes a fragmentar á oposición siria (particularmente a favor de elementos moderados) susceptibles de negociar un cese de hostilidades con al Asad. Esta fragmentación busca illar aos elementos radicais e os xihadistas (EI, Fronte al Nusra) cada vez mais cercados pero aínda con notable capacidade de actuación.
Con todo, a implicación militar en Siria aborda riscos para a seguridade nacional de Rusia e Turquía, particularmente por parte do terrorismo xihadista. Este contexto xa tivo a súa incidencia na espiral terrorista que durante 2016 sacudiu a Turquía a través de importantes atentados (Istambul, Cizre), ampliada cara obxectivos rusos (asasinato do embaixador Karlov en Ankara), e que poden intensificarse durante 2017.
Unha xeración perdida
Seis anos de guerra en Siria deixan un país devastado e a piques da desintegración territorial, debilitado institucionalmente, dependente dos intereses exteriores e cunha xeración de desprazados, refuxiados e exiliados que dificilmente poderá retornar para eventualmente contribuír nunha reconstrución incerta.
A inacción internacional acentuarase nun 2017 excesivamente enfocado no que fará Trump dende a Casa Branca. E para o controvertido novo presidente estadounidense, Siria non é unha prioridade, algo que si o é para o seu presumible aliado, o presidente ruso Vladimir Putin, quen observa agora a posibilidade histórica de reivindicar o soño imperial ruso no seu “estranxeiro contiguo”, neste caso Oriente Próximo.
En 1917, en plena I Guerra Mundial, a ofensiva aliada nas provincias de Siria e Palestina contribuíu ao colapso do dominio otomán e á configuración do moderno Oriente Medio do século XX. A toma de Aleppo un século despois pode curiosamente anunciar outro Oriente Medio para o século XXI, aínda que os seus trazos sexan politicamente mais difíciles de predicir que o anterior.