No imaxinario colectivo desta xeración de iraquís quedarán gravadas as imaxes de Abu Graib, así como Guantánamo e Bagram dentro do contexto da "guerra internacional contra do terrorismo", como os principais expoñentes desta posguerra en Iraq. Esta denigrante imaxe ven remata de completarse coa ausencia de credibilidade por parte de Washington e Londres. (Foto: Soldado estadounidense encirrando o can a un preso iraquí, unha das máis coñecidas imaxes do cárcere de Abu Graib revelada polo Washington Post o 21 de maio de 2004). | |
Iraq, tres anos tras da invasión anglo-estadounidense. Cal é o balance? En termos glabais… unha posguerra desastrosa, a pesar da rápida e eficaz vitoria militar contra Sadam Husein. En termos específicos… un escenario contraditorio que escorrega perigosamente por unha pendente de violencia, caos e frustración. O Iraq post-Sadam nin é estable, nin seguro, nin completamente democrático.
Unha primeira análise apunta cara aos principais patrocinadores dunha invasión militar ilegal e ilexítima, porque non contou co apoio do Consello de Seguridade. Son os casos de George W. Bush e Tony Blair, e reflicte unha vergoñenta situación de impunidade, ilegalidade e mentiras descaradas. No maxín colectivo desta xeración de iraquís ficarán gravadas as imaxes de Abu Graib, de Guantánamo ou Bagram dentro do contexto da "guerra internacional contra o terrorismo", como os principais expoñentes desta posguerra en Iraq. Esta denigrante e obscena imaxe remata de completarse coa ausencia de credibilidade pola banda de Washington e Londres.
As dúas principais razóns esgrimidas para a invasión: as armas de destrución masiva de Sadam e os seus vencellos con Al Qaeda ou co terrorismo global, non eran certas, tal como se demostrou, cando xa o país xa estaba militarmente invadido e entrando nunha incerta fase de posguerra. No que atinxe á mensaxe, máis do mesmo: séguese a presentar o mesmo discurso heroico e vitorioso previo da invasión, a mitificación militar e a idea dunha guerra pola civilización e a democracia en Oriente Medio. Todo iso a pesares dos 100.000 civís mortos, dos 2.300 soldados norteamericanos falecidos desde o fin da guerra e dos constantes ataques dunha insurxencia multiforme, diversa e aparentemente invencible.
A pesares das crecentes críticas, do inesperado cambio no mapa xeopolítico rexional e da alarmante perda de popularidade, nin Bush nin Blair tiveron a coraxe de mudar o seu enfoque, consistente en seguir apoiando a súa unilateral tese da "guerra preventiva" e o acoso aos réximes máis incómodos, chámense Irán, Siria, Cuba, Belarus, Zimbabwe ou China. A derradeira estratexia para a Seguridade Nacional presentada por Bush a semana pasada reforza esta idea unilateral. No se detecta nin un mea culpa, nin un cambio de enfoque. Os obxectivos orixinais permanecen invariables.
Unha segunda análise dirixe a súa ollada á inestable democracia iraquí e rexional, cousa que propicia consecuencias aínda máis estrañas e contraditorias. No 2005 se realizaron tres eleccións distintas, con maioritaria participación electoral, cousa que semellaba presaxiar un saudable entusiasmo democrático. Pero os iraquís votaron por uns "representantes" que non coñecen, incapaces de formar goberno e atomizados nunha marea de intereses particulares internos e externos. E, o máis grave é que existe unha crecente sensación de guerra civil e desintegración territorial que ameaza poderosamente con facer desaparecer a Iraq en diversas faccións, incomunicadas, étnicas e relixiosas.
No contexto rexional o plan para o Grande Oriente Medio concibido por Bush tras da invasión resultou ser tamén un fracaso para Washington. Porque, na verdade, Oriente Medio si mudou, en varios aspectos, cara procesos máis participativos e democráticos, pero os axentes impulsores destes cambios non semellan ser os máis desexados para Bush e Blair. Hamas en Palestina, Hezbollah no Líbano, Irmáns Musulmáns en Exipto, Ahmadíneyad en Irán. Nin Washington nin os gobernos rexionais terminan de dixerir a dimensión deste cambio que está transformando aceleradamente o panorama de Oriente Medio.
Unha terceira análise revela un escenario curioso e definido: a posguerra iraquí evidencia unha poxa entre EEUU e Irán polo control xeopolítico de Oriente Medio. Washington sabe que o factor iraniano é sumamente importante para a estabilización iraquí, a tenor da súa influencia na maioritaria comunidade xiíta, velaí os seus contactos indirectos, a traveso dos líderes xiítas de Iraq, con Teherán.
Pero Irán forma parte do particular "eixe do mal" de Bush. O seu programa nuclear será discutido no Consello de Seguridade da ONU. Mentres a retórica violenta se activa e posíbeis tambores de guerra volven a soar en Oriente Medio, en EEUU, Europa, a ONU, Rusia e China, semella existir un consenso para analizar o caso iraniano dun xeito diferente ao que aconteceu co "dossier iraquí". Porque, neste sentido, a crise de Irán no 2006 semella achegar posturas transatlánticas, danadas pola crise de Iraq no 2003.
En definitiva, un aniversario cun escenario caótico e imprevisible. Non é o que esperaban nin Bush, nin Blair, nin o mundo enteiro. Unha paisaxe que semella reflectir á célebre obra do centenario escritor arxentino Ernesto Sábato, chamada "Sobre Heroes y Tumbas".