Os acontecementos que sacudiron a comezos de ano Tunisia e Exipto, cun percorrido que non está de todo rematado e que pode afectar aínda a máis países do Magreb e Oriente Próximo, pasaron, trala saída de Hosni Mubarak, da sorpresa á reflexión en función das expectativas e incertezas que se abren coa nova situación instaurada nunha zona de gran importancia xeopolítica.
Os acontecementos que sacudiron a comezos de ano Tunisia e Exipto, cun percorrido que non está de todo rematado e que pode afectar aínda a máis países do Magreb e Oriente Próximo, pasaron, trala saída de Hosni Mubarak, da sorpresa á reflexión en función das expectativas e incertezas que se abren coa nova situación instaurada nunha zona de gran importancia xeopolítica.
Os acontecementos que sacudiron a comezos de ano Tunisia e Exipto, cun percorrido que non está de todo rematado e que pode afectar aínda a máis países do Magreb e Oriente Próximo, pasaron, trala saída de Hosni Mubarak, da sorpresa á reflexión en función das expectativas e incertezas que se abren coa nova situación instaurada nunha zona de gran importancia xeopolítica. Superado o desconcerto inicial, que non debería ser tanto a xulgar polos indicadores que xa revelaban fontes como o Failed States Index Magreb de Foreign Policy, que situaban a Exipto e Tunisia como dous dos estados máis deslexitimados da zona, é o momento de sopesar as causas e posibles consecuencias deste repentino cambio.
Un crecemento mal distribuído
Desde 2001, os países do Magreb amosaron un crecemento constante e regular do PIB, pero a volatilidade seguiu sendo a súa principal característica. Sen contar os recursos do gas e o petróleo, os países desta rexión seguen sendo pouco atractivos para os investidores estranxeiros. Soamente Alxeria e Libia, por mor da enerxía, presentan saldos positivos, mentres nos demais casos a balanza comercial exhibe déficits crónicos.
As dificultades de inserción na mundialización en marcha como suxeito activo e as deficiencias en materia de desenvolvemento humano xunto ás hipotecas políticas acabaron por pasar factura. A excepción de Libia, onde os índices de pobreza son relativamente baixos, a erradicación da miseria, rural e urbana, segue sendo unha prioridade nacional, ao igual que a moderación dos índices de desemprego, especialmente entre a mocidade, frustrada e vítima da desesperación. Os hidrocarburos alivian a presión (tamén no financeiro) en Alxeria e Libia, pero todos os gobernos da zona dispoñen de escasa marxe de manobra social, como ben sinala Bichara Khader, profesor na Universidade Católica de Lovaina. Esta situación contrasta, por exemplo, co enriquecemento persoal sen límite dalgúns líderes da rexión norteafricana. Segundo o británico The Guardian, a fortuna do clan Mubarak equivalería á metade da débeda exterior de Exipto, estimada en 80 mil millóns de dólares.
Para acertar no diagnóstico da situación actual toda prudencia é pouca. En Tunisia, trala fuga do ditador Ben Ali, asistimos a un proceso de progresivo desmantelamento da ditadura. No caso de Exipto, o cambio de bando por parte do Exército, como en Tunisia, pero tamén dos seus aliados exteriores máis sobresaíntes (Israel e EEUU), facilitaron as saídas pacíficas. En menos de dous meses, dous movementos pilotados en boa medida polas xeracións máis novas, acabaron cos réximes de dous países arabo-africanos que aparentaban unha solidez incontestable. Velaí os dous principais protagonistas da rebelión: mocidade e exército.
O inesperado da revolta norteafricana deixou ao descuberto a proximidade cómplice existente entre os dirixentes das grandes democracias euro-americanas e os últimos ditadores (ou case ditadores) do planeta. As viaxes polo Nadal do primeiro ministro e da ministra de asuntos exteriores de Francia son simplemente a punta dun iceberg que inclúe a outros líderes europeos e a outros países arabo-africanos que son obxecto de idéntico cuestionamento (Libia, sen ir máis lonxe, pero tamén Marrocos ou Alxeria, con graves fendas en materia de dereitos humanos).
Este apoio cínico dos dirixentes das grandes democracias occidentais aos ditadores, en particular aos árabes, ten motivacións moi precisas. É o prezo a pagar por unha adhesión xeral, segura e estable aos obxectivos da política exterior de Occidente no plano global; pola paz entre os países árabes e Israel; por unha participación, publica e secreta, dos países que gobernan e dos seus servizos de seguridade na loita contra o islamismo radical, incluíndo a Irán; e por un acceso estable e seguro aos seus recursos enerxéticos.
Agora ben, os sucesos das últimas semanas revolucionaron o nervio central que modula as relacións do mundo arabo-africano con Occidente. A cuestión que agora se suscita, e que Israel formulou en voz alta, é se a transformación dos países árabes en democracias, de darse finalmente, será positivo ou non para os países occidentais. En non poucas chancelerías respirase ata unha inconfesable pero certa sensación de nostalxia da era rematada pois con estes líderes a verdade é que podían facer e desfacer ao seu antollo. Qué facer para que as democracias occidentais deixen de ter morriña dos ditadores e en lugar de inquietarse polo acceso dos árabes á democracia, se tranquilicen e impulsen e favorezan a súa consolidación definitiva?, preguntábase Béchir Ben Yahmed, a pasada semana en Jeune Afrique. Se o gran temor dos países occidentes é a consolidación dos desafiantes movementos integristas, polo xeral islámicos, unha democracia laica sería a mellor vacina.
Os efectos sobre a economía
A revolución afectou á economía exipcia e tunesina de forma considerable. Ata o punto de obrigar aos especialistas a revisar á baixa as súas estimacións de crecemento para 2011. Para Tunisia, a banca xaponesa Nomura considera que o crecemento do país roldará este ano entre un 2% ou 3%, cando as previsións iniciais ascendían ao 5,4%. Segundo o goberno, as perdas directas poderían elevarse a 2,6 mil millóns de euros. En Exipto, as empresas van comunicando os seus primeiros diagnósticos en canto ao impacto da revolta. Segundo o Crédit Agricole, a crise tería un custo aproximado de 227 millóns de euros diarios. A banca estima que o crecemento do PIB en 2011 non superará o 3,7%, contra o 5,3% inicial.
O turismo é quen paga a factura mais considerable: en Tunisia, a actividade caeu un 47% como consecuencia da acumulación das cancelacións dos touroperadores. Pese a todo, non se trata de retrocesos insalvables para as dúas economías, xa que o turismo non representa mais alá do 6% ou 7% do PIB. Preocupa máis o futuro dos sectores de produción locais orientados aos mercados europeos xa que o funcionamento das fábricas está lonxe da normalidade e os sindicatos, referentes do cambio, reivindican alzas salariais que sobrepasan mesmo o 30%. Polo que se refire a Exipto, as actividades relacionadas coa exportación reducíronse en xaneiro un 6%, destacando o peche de empresas como BMW ou Nissan. O tráfico comercial no canal de Suez (con rendas que en 2009 ascenderon a 3,3 mil millóns de euros), eixe vital do comercio mundial, non se viu afectado.
Implicacións para España e Galicia
O Magreb é un mercado cautivo da UE, que absorbe arredor do 60% das súas exportacións e segue a ser o seu principal destino e principal fonte das súas importacións (62% en 2007). Non obstante, a penas representa o 1,2% dos intercambios globais comunitarios. Sen o petróleo e o gas, os intercambios do Magreb coa UE serían moi deficitarios, dato que se complementa coa escasa integración horizontal magrebí (os intercambios intermagrebís supoñen o 4% do total).
No norte de África, os socios comerciais mais relevantes de España son Alxeria, Libia e Marrocos, por esta orde. Exipto e Tunisia ocupan as seguintes posicións, seguidos de Mauritania. Trátase dunha zona que presenta signos de certa homoxeneidade, con países situados na franxa media do Índice de Desenvolvemento Humano.
No seu conxunto, representan unha porcentaxe moi pequena do comercio exterior, aínda que si é relevante no contexto da relación co continente africano na medida en que representa máis da metade do total, pero nun marco de moderada significación. Non obstante, cabe destacar que somos grandes importadores (recursos enerxéticos) de Alxeria e Libia e vendedores a Marrocos. Exipto compra e véndenos produtos en cantidades importantes. Unha variación do comportamento económico na rexión pode afectar claramente ao noso benestar, se ben os aspectos complementarios na orde da seguridade ou estratéxico gozan de maior relevancia.
Isto non quer dicir que Madrid, mesmo no económico, poida pasar de largo do acontecido nestes dous países ou situar en segundo plano os intereses comerciais. Alemaña presentaba o pasado 11 de febreiro un plan de acción para apoiar as súas empresas presentes no norte de África. Entre as medidas propostas cabe sinalar a instauración de lazos permanentes entre as empresas e o propio ministerio de Economía ou a celebración de consultas con marroquís e alxerinos para avaliar os riscos de contaxio das revoltas, así como para protexer aos turistas nacionais.
O norte de África representa para Galicia máis dun 10% das súas importacións e menos dun 5% das exportacións. Marrocos, Alxeria, Libia, son socios comerciais relevantes. Tamén Tunisia, especialmente no eido exportador (0,56% en 2010 fronte ao 0,20% de Exipto, por exemplo). Só Marrocos figura entre os dez principais destinos das exportacións galegas (sétima posición), mentres que Libia ascende á sexta posición como principal provedor (Marrocos en novena posición).
Evolución de xaneiro a novembro de 2010 | |||
País | Importación | Exportación | Saldo |
Exipto | 28,73 | 27,10 | -1,63 |
Tunisia | 26,81 | 75,52 | 48,71 |
Fonte: ICEX, Delegación Territorial para Galicia.
Posibilidades de extensión
O índice de vulnerabilidade dado a coñecer por The Economist o pasado 12 de febreiro, resultado da ponderación dunha serie de variables (PNB per cápita, porcentaxe de poboación de menos de 25 anos, corrupción, liberdades, idade e tempo no cargo do xefe do estado, indicadores sociais, etc.), sinala a Libia en segunda posición, tras Iemen, Mauritania en cuarta, Alxeria en novena e Marrocos na duodécima, xustamente tras Tunisia.
Sexa como for, o desafío maior para as sociedades e os gobernos da rexión consiste en facer evolucionar estruturas anquilosadas e atravesadas por importantes liñas de fractura (entre xeracións, entre sexos, entre correntes de pensamento), abeirando o caos e modernizando un mundo no que a liberdade adquirida debe situar no seu xusto termo a función da relixión. A rebelión que vivimos non procedeu do cumio nin das elites, senón da propia base social. Tan divina sorpresa abre interrogantes pero tamén esperanzas de pór fin á resignación e á petrificación abrindo oportunidades para un desenvolvemento mais equilibrado, un modelo que tamén acabaría beneficiando aos seus principais socios económicos, nós incluídos.