jose socrates

Sócrates e a dura tarefa de gobernar

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 José Sócrates, clic para aumentar
Asediado, Sócrates, de volta ao curso político, deberá tomar decisións e explicalas adecuadamente á cidadanía para que non se traduzan nunha onda de descontento que vire o electorado para as filas do PSD nas eleccións autárquicas a celebrar neste outono.
 

Investir ou non investir? esa é a cuestion. No veciño Portugal, a presión dunha economía que non acaba de demarrar, o afogamento provocado polo endebedamento público, e mesmo os lumes estivais, fan agromar certa tensión, que navega de goberno en goberno, sen importar a súa cor política.

O novo goberno que lidera José Sócrates (PS), que naceu nas lexislativas de febreiro do 2005 coa primeira maioría absoluta socialista da historia democrática portuguesa, comeza a render contas de forma atropelada, dunha xestión máis que breve, ante unha cidadanía impaciente e escéptica, temerosa de verse novamente defraudada.

O primeiro ministro Sócrates, e o ex- ministro de finanzas, Campos de Cunha, experimentaron a comezos do verán as primeiras consecuencias dunha situación tan delicada e con tan pouca marxe de manobra. O daquela ministro de finanzas, que comparecera nun coñecido xornal luso para explicar as súas intencións de recortar o gasto e subir os impostos, acabou por presentar a súa dimisión.

Dende a oposición, non se desaproveitou o momento para lanzar duras críticas, sostendo que a intención do ministro era mandarlle unha mensaxe ó seu xefe. A crise agudizouse cando o ministro de finanzas enrocouse de novo na defensa da vaga relación entre crecemento económico e investimento público. Campos de Cunha, criticou, por exemplo, o escaso valor engadido aportado polas obras da Euro 2004, proxecto onde se viu directamente implicado o primeiro ministro José Sócrates cando era ministro adxunto de Xuventude e Deporte do anterior goberno de Antonio Guterres, unha observación mal recibida nas filas socialistas.

O ex-primeiro ministro Cavaco Silva, quizais para lembrarlles ós portugueses que será un dos principais candidatos á presidencia da República nas eleccións presidenciais de 2006, furgou tamén na mesma ferida, criticando as inversións do goberno (un novo aeroporto, o tren de alta velocidade). Tampouco é partidario dunha suba dos impostos para aliviar as arcas do Estado, pois, segundo di, só serviría para afectar a competitividade da empresas portuguesas no mercado internacional, e para aumentar o risco de recesión económica que se prognostica dende a dereita.

Só as inversións estrictamente indispensables lograban pasar o filtro de Cavaco, mentras o Partido Social Demócra (PSD), quecía motores practicando unha política de alarmismo que se veu eclipsada e interrompida pola desgraza nacional dos lumes e as imperdoables vacacións da maioría da clase política. Ainda que nominalmente o que se estaba debatendo relacionábase coa política gobernamental de investimentos e o endebedamento a longo prazo, o que realmente preocupa é o problema do desemprego, unha lacra que xera unha fonda incerteza e malestar social en Portugal.

A política alarmista da dereita, centrada no vaticinio dunha recesión provocada pola impericia do goberno, é conducida por Luís Marques Mendes, o líder do PSD, que aspira a medrar e consolidarse como referente no seu propio partido. Mendes é un avogado da mesma idade que Sócrates "corenta e oito anos", que basea todo o seu discurso na falla de cumprimento das promesas electorais dos socialistas, e critica severamente a ausencia de disciplina orzamentaria, seguindo a pauta do ex-ministro Campos da Cunha, que renovara o entendemento entre a dereita e a esquerda para reducir o gasto un 40% do PIB, nun prazo de seis a oito anos. Cando leva transcorrido tan pouco tempo dende a asunción de poderes por parte de Sócrates e o seu gabinete semella prematuro esixir resultados tan apresuradamente, pero Marques comezou o verán con este discurso e prometer iniciar o outono da mesma maneira.

O goberno socialista, máis tarde ou máis cedo, afrontará o problema da redución do gasto público, como xa se viña facendo cando se intentaban satisfacer os criterios do pacto de estabilidade europeo. As vías posibles son coñecidas: reformas na seguridade social dos funcionarios públicos, aumento de impostos como o IVE, ou as gasolinas, etc. Sen embargo, estas medidas son moi impopulares e os seus efectos na actividade das empresas, no crecemento, no consumo, e na inflación, están por ver que sexan todo o positivas que se anuncian.

Marques Mendes estreita o cerco sobre Sócrates, dirixindo as súas críticas ao pésimo manexo das contas públicas, con gastos correntes no mes de xullo que medraron en torno ó 5%, e o incremento do desemprego, que segundo o Instituto Nacional de Estatística, tamén medrou en cincuenta e dúas mil persoas no segundo trimestre deste ano, en comparanza coas cifras de 2004.

A outra fronte de batalla entre o goberno e a oposición de dereitas ten que ver coa rivalidade hispano-portuguesa. O grupo Prisa pretende mercar a canle privada portuguesa TVI, ó que se opoñen frontalmente dende a dereita sostendo que a televisión é un ben público e non un negocio calquera. Segundo palabras de Marques, é "unha machada na identidade nacional".

Asediado, Sócrates, de volta ao curso político, deberá tomar decisións e explicalas adecuadamente á cidadanía para que non se traduzan nunha onda de descontento que vire o electorado para as filas do PSD nas eleccións autárquicas a celebrar neste outono. Non pasará por alto que Guterres debeu presentar a súa dimisión cando en 2001 entregou ao PSD as principais alcaldías do país.