Mentres a ONU pre-Milenio, a través de Bernard Kouchner, admite públicamente que non pode impedir a celebración en Kosovo das eleccións presidenciais e lexislativas previstas en Iugoslavia para o próximo 24 de setembro, algúns sondeos de opinión aventuran unha victoria folgada de Vojislav Kostunica, rival de Slobodan Milosevic. Pero tanto en Kosovo como en Serbia outras inquedanzas distorsionan o debate político e electoral.
En efecto, en Prístina preocupan máis as eleccións municipais de outubro que as lexislativas e presidenciais de setembro. Hai máis de vinte partidos e coalicións inscritas, cunha excepción notable: a poboación serbia. Segundo o padrón electoral recentemente elaborado, non pasan dun milleiro de cidadáns censados. A colectividade serbia boicotou dende o primeiro momento a elaboración deste listado por considerar imprescindible o previo retorno dos desprazados e refuxiados e por rexeitar a capacidade da MINUK (Misión de Nacións Unidas para o Kosovo) para organizar o proceso. A minoría turca expresou igualmente numerosas reticencias e esixe o recoñecemento da oficialidade do seu idioma.
O boicot de serbios e turcos vai dificultar seriamente o logro dunha mínima normalidade política de Kosovo. A única porta que permanece aberta para garantir a presencia institucional serbia é a designación directa de representantes para as corporacións locais, facultade que pode exercer o administrador de Nacións Unidas, Kouchner. Pero a súa aceptación tampouco está garantida en lugares como Mitrovica e outros enclaves serbios problemáticos en por si.
A convocatoria electoral fai tamén emerxer as loitas internas no seo da comunidade albanesa. As diferencias de criterio resólvense a tiro limpo. A Liga Democrática de Kosovo de Ibrahim Rugova, escenificando un victimismo esaxerado segundo algúns, lanzou nestes días unha campaña de defensa política fronte aos ataques recibidos pola súa militancia. A violencia forma parte da vida cotidiana e a presión orientase a garantir a evitar a perda das posicións adquiridas durante a guerra e que agora poderían experimentar importantes quebrantos por vía democrática. A xustiza non actúa, a impunidade é total. Segundo o xeneral Ortuño, comandante da KFOR, agárdase un aumento da criminalidade nas próximas semanas. As tropas internacionais amósanse totalmente incapaces de mellorar a seguridade.
A situación non é mellor en Belgrado. Hai uns días confirmouse a desaparición de Ivan Stambolic, antigo presidente de Serbia, "o home que mellor coñece a Milosevic e a súa maneira de pensar", en palabras da xornalista Sonja Drobac. A medida que pasa o tempo sen ter noticias, medra o desasosego nun entorno que está convencido do móbil político desta enigmática ausencia. Unha casualidade traizoneira puido facer coincidir as eleccións do próximo domingo 24 co trece aniversario da súa defenestración política en favor de Milosevice, dando inicio formalmente ó discurso que conduciría ao estoupido da Federación segundo o modelo deseñado por Tito.