200501iraq manifestacion pro ali sistani

Sorpresa exemplar en Iraq

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A fórmula xiíta enmarcada na Alianza Unida Iraquí do ayatollah Alí Sistani, ten todas as cartas para asegurarse a maior cantidade de votos, especialmente nas zonas habitadas maiormente polos xiítas, no sur do país, dende Kerbala e Nayaf ata Basora. Esta fórmula terá a responsabilidade de iniciar unha transición cara o referendo constitucional e as novas eleccións presidenciais de final de ano e, especialmente, convencer e disuadir á comunidade sunnita da necesidade de formar parte do novo sistema político. (Foto: Manifestantes a favor de Alí Sistani).
 

Uns oito millóns de iraquís, o que corresponde ao 60% do electorado, votaron nas pasadas eleccións do domingo 31. A priori, a cifra, sen dúbida, non é nada desperdiciábel, tomando en conta as constantes ameazas da insurxencia e os grupos radicais, os atentados nos centros de votación que deixaron 45 mortos, e a ausencia dunha parte do espectro socio-político nacional, especialmente nas convulsionadas rexións habitadas pola comunidade sunnita, o chamado "triángulo Bagdad-Faluya-Tikrit". De feito, a Asociación de Ulemas Musulmáns, máxima autoridade relixiosa sunnita, declarou ilexítimo o proceso electoral, cuestionando incluso a alta participación electoral.

Unha primeira lectura do proceso electoral amosa un histórico e inesperado triunfo para a sociedade iraquí no seu empeño por atopar unha vía democrática para o futuro do país. Do mesmo xeito, o presidente estadounidense George W. Bush e o primeiro ministro británico Tony Blair, recibiron un súbito espaldarazo á súa política, reivindicados a pesar do carácter ilegal e ilexítimo da invasión e a caótica posguerra. A sociedade iraquí, fragmentada por unha delicada estructura étnica, relixiosa e tribal, demostrou a súa vontade de iniciar un proceso de transición cara un sistema máis democrático trala longa tiranía do réxime de Saddam, as guerras rexionais, as invasións estranxeiras e o prolongado embargo internacional.

Nembargantes, o Iraq dos próximos meses non deixa un panorama tan clarificado, aínda que agora a nova autoridade veña revestida pola lexitimidade electoral. A fórmula xiíta enmarcada na Alianza Unida Iraquí do ayatollah Alí Sistani, ten todas as cartas para asegurarse a maior cantidade de votos, especialmente nas zonas habitadas maiormente polos xiítas, no sur do país, dende Kerbala e Nayaf ata Basora. Esta fórmula terá a responsabilidade de iniciar unha transición cara o referendo constitucional e as novas eleccións presidenciais de final de ano e, especialmente, convencer e disuadir á comunidade sunnita da necesidade de formar parte do novo sistema político.

A redacción dunha nova Constitución semella o asunto primordial para os próximos meses, coa finalidade de revestir dunha maior lexitimidade a todo o proceso. A nova Asemblea Nacional de 275 membros que asumirá dentro dunhas semanas terá a responsabilidade de decidir a natureza xurídica da primeira Constitución democrática iraquí, coa balanza movéndose no péndulo do laicismo e a relixión.

Pola súa banda, no norte do país, onde se atopan os decisivos campos petrolíferos de Kirkuk e Mosul, non houbo sorpresas, e os partidos democráticos kurdos tomaron a iniciativa electoral e aseguraron a súa hexemonía. Isto non deixa de crear tensións nos estados veciños, especialmente Turquía, Siria e Irán, ante a posibilidade dunha maior autonomía kurda que transite cara a posíbel independencia do Kurdistán iraquí. A alta participación xiíta e kurda ten un claro diagnóstico: ambas comunidades foron as que máis padeceron a represión do réxime de Saddam e afrontaron con altas expectativas históricas esta oportunidade electoral.

A este complexo panorama socio-político se agrega a cruda realidade administrativa do Estado iraquí da posguerra e a nova estratexia dos grupos radicais, as milicias armadas e os grupos terroristas, especialmente aqueles vencellados a Abu Musab al Zarqawi. A fragmentación da ríxida estructura de poder baazista de Saddam Hussein, baseada principalmente nas afiliacións tribais e personais, manifestou a ausencia dunha verdadeira estructura organizativa propia dun sólido Estado nacional. O Exército nacional iraquí a penas conta con 4.500 efectivos para acometer as ducias de milleiros de milicianos pertencentes aos grupos radicais, aínda que as forzas policiais superan os 60.000 efectivos. E a ausencia, ou desviación, de fondos públicos valorados en 6,9 millóns de euros, por parte da anterior Administración Provisional de Paul Bremmer, deixa en claro o caos, a corrupción e a ineficiencia administrativa.

O entramado dos grupos armados é variado. Os kurdos posúen as experimentadas forzas dos peshmergas mentres os xiítas contan con varios milicianos armados que crearan problemas no pasado ás tropas anglo-norteamericanas. Nas rexións sunnitas, un amplo conglomerado de grupos pululan entre as forzas políticas máis democráticas e laicas, pero atizadas pola constante ameaza do grupo de Zarqawi.

En canto a Bush e Blair, o éxito electoral iraquí chega nun momento propicio para ambos. Un novo goberno lexítimo en Iraq permite ao presidente estadounidense afastar levemente as críticas sobre unha posguerra que deixou 20.000 mortos e unha inestabilidade crónica. Bush poderá agora exhibir este logro na tradicional mensaxe do Estado da Unión esta semana e na súa xira europea en marzo, onde intentará persuadir a Francia e Alemaña de colaborar co novo Iraq. Poucas horas despois dos comicios, Bush falou co presidente galo Jacques Chirac, nun xesto de achegamento entre Washington e París.

Do mesmo xeito, o suceso electoral no país árabe repotenciaría o polémico plan de Bush do Grande Oriente Medio, complementado cunha Palestina post-Arafat e a presión constante cara Irán, aparentemente o seu novo obxectivo xeopolítico. Aínda que a política unilateralista e antiterrorista de Bush, que segue a conservar as diverxencias, acaba de recibir un duro golpe: a xustiza estadounidense declarou inconstitucionais os xuízos militares en Guantánamo por consideralos violatorios da Constitución estadounidense.

Pola súa banda, Blair acude en maio á reelección aleccionado pola súa política en Iraq. O panorama político británico se amosa enrarecido, dividido en canto ás actuacións internacionais do seu xefe de goberno, pero sen unha referencia política opositora convincente. Deste xeito, Blair parece dispor de grandes opcións de triunfar electoralmente por terceira vez e o éxito electoral iraquí será utilizado como mensaxe política. En canto á retirada militar, Bush e Blair deixaron entrever unha retirada a medio prazo, pero non parece ser este tema unha prioridade.

As primeiras eleccións en máis de medio século en Iraq poden abrir o camiño dunha etapa propicia para a democratización. O primeiro paso foi firme e positivamente sorprendente, pero os pasos a partir de agora serán máis decisivos e importantes que os pre-electorais. E Washington e Londres deben saber que democracia con ocupación militar non sempre van da mán.