Sublevación en Côte d’Ivoire

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Independente dende 1960 e tranquilo ata o golpe de Estado de 1999,o país que durante anos fora exemplo de estabilidade política e desenvolvemento económico no continente africano, converteuse no último mes nun cruento campo de batalla.

O pasado 19 de setembro ó redor de 750 soldados marfileses protagonizaron unha sublevación na que se fixeron co control das cidades de Abiyán (capital financeira ó sur do país), Bouaké e Korhogo (no norte). O detonante dos disturbios foron os plans do Goberno de Côte d’Ivoire de desmobilizar a milleiros de militares, uniformados descontentos co incumprimento das promesas feitas despois do golpe de Estado de 1999. A súa reivindicación é a readmisión dos case 800 militares expulsados do Exército.

Segundo a escasa información disponible, ó cabo de dous días xa se falaba de máis de 270 mortos, entre os que habería que contar ó Ministro de Interior, Emile Boga, e o ex líder militar, Robert Guei, a quen se atribúe a organización da revolta, e máis 300 feridos. Datos que pola duración da situación son a todas luces inferiores ós reais. Isto sen contar a queima sistemática, por parte do exército e a policía militar, de chabolas, sobre todo de inmigrantes de Burkina Faso, país acusado de apoiar ós rebeldes.

Ó anterior habería que sumar a denuncia feita por diversos organismos non gobernamentais da grave situación sanitaria, alimentaria e hixénica que está a sufrir a poboación civil.

Co paso do tempo os rebeldes se fixeron co control doutras cidades como a de Ouangolodougou (a 55 quilómetros coa fronteira de Burkina Faso), ou Daloa coa que os rebeldes teñen o camiño libre para controlar ós cacaotais. Non hai que esquecer que Costa de Marfil produce o 40% do cacao mundial, o que lle supón o 30% dos seus ingresos. Este producto está a acadar nos mercados financeiros os seus valores máis altos dende facía case dúas décadas.

Tropas francesas e estadounidenses, entre outras, trasladáronse á zona para protexer ós seus cidadáns e asistir ós leais ó goberno.

A Comunidade Económica dos Estados de Africa Occidental (ECOWAS), despois de nomear a Gnassingbe Eyadema, Presidente de Togo, para liderar as negociacións de paz entre o goberno de Côte d’Ivoire e os rebeldes, pensa enviar efectivos, ó redor duns 2.400, que permitan asentar o proceso negociador, coa fin de rematar cunha sublevación militar que xa está na quinta semana de duración. Unha vez que as tropas rexionais se instalen no lugar, as tropas francesas que están a controlar o alto o fogo terán que retirarse da zona.