Hai un par días as axencias de información africanas daban a coñecer a nova de que a Unión Africana tería decidido retardar o envío de tropas de pacificación para á rexión sudanesa de Darfur, onde sen dúbida pásase hoxe pola peor catástrofe humanitaria da última década. O que no explicaron os responsábeis da UA é porqué seguen agardando. Hai xa meses a magnitude do drama chegaba a un fatal punto de non retorno. A catástrofe humanitaria é irreversíbel pero nas oficinas e despachos presidenciais aínda se perde o tempo en deseñar o cómo e o cándo dunha intervención que non acaba de facerse efectiva.
Sudán é un país esgazado case por completo despois dun continuum bélico que se perpetuou desde que se independizou da tutela de Gran Bretaña no ano 1956. Das extremas desigualdades rexionais que existen entre o norte e o sur do país emerxe con arrepiante violencia un conflito interétnico brutal. Ademais de malnutrición e da escaseza en todas as súas manifestacións, un dos primeiros problemas que se cinguen sobre os civís sudaneses é, –curiosamente no país polo que flúe a maior parte do caudal do Nilo–, a falta de auga potable. Máis alá da pobreza pandémica, Sudán viuse en repetidas ocasións devastado por andazos virulentos como o que se desatou no ano 1999, cando un contaxio de meninxite fixo estragos entre a poboación. O sistema nacional de saúde está completamente colapsado. O goberno non inviste máis dun 1’7 medio do PIB en sanidade pública. Ademais, o analfabetismo roza cotas dificilmente imaxinables que afectan ó 80% dos homes e ó 90% das mulleres do sur do país.
Na súa orixe, esta guerra, sobredimensionada polo enfrontamento étnico entre a poboación musulmán do norte e a raza negra do sur, é unha amálgama de intereses discordantes pola apropiación dos recursos minerais e hidrolóxicos. Ó norte do país, a poboación musulmán ocúpase en boa parte do comercio e da explotación agrícola mentres que o sur, verxel de riquezas naturais das terras de Renk, como do petróleo de Bentiu ou dos depósitos de níquel e uranio, é o feudo tradicional dos movementos guerrilleiros que loitan principalmente contra a Sharia imposta desde Jartum en prol do establecemento dun Estado socialista disociado de todo culto relixioso que recoñeza dunha boa vez a autonomía sureña.
Todo foi a peor desde o último mes de febreiro, cando abertamente comezaba a sistemática campaña en prol da depuración étnica alentada polos responsábeis do goberno de Jartum. Nos últimos meses, Kofi Annan e Collin Powell ademais dun senfín de observadores internacionais enviados desde Nacións Unidas paseáronse por Darfur, pola capital, Jartum, e outras rexións do país, ademais do veciño Chad. Visto que as cousas seguen empeorando por momentos a pregunta é, para qué?
Iso si; hai dúas semanas a ONU tiraba sobre Jartum un ultimato de 30 días para controlar a situación de Darfur. Nembargantes, a día de hoxe ningunha das expectativas foi cumprida e a situación vai de mal en peor. Por omisión dos seus compromisos coa comunidade internacional e especulando coa vida dos seus, Omar el Béshir segue sen respostar ao drama que viven os millóns de sudaneses escapados para Chad ou refuxiados nos campos de Darfur. Os cadáveres continúan amoreándose xa non tanto polos sistemáticos ataques dos milicianos, que por suposto non cesan, senón pola virulencia da catástrofe humanitaria e da crise alimentaria que sofren os desprazados.
A axuda alimentaria segue sendo insuficiente e eso a pesares de que o mércores pasado autorizábase o acceso a Darfur dalgúns convois de emerxencia procedentes de Libia. A última hora do venres, o presidente sudanés decidía á fin, máis por presión internacional que de boa vontade, proceder á confiscación das armas dos seus protexidos Janjaweed. Os xefes tribais da rexión de Darfur serían os encarregados por delegación de proceder ao desarme dos “homes a cabalo” milicianos que, desde hai meses e baixo a máis absoluta impunidade, non fixeron senón pasar pola espada a milleiros de cidadáns de cor despois de saquear e incendiar as súas aldeas, violar ás súas mulleres e fillas e levar, en definitiva o xenocidio sudanés ao seu máximo apoxeo.