¿Son os grandes consorcios internacionais embaixadores do desenvolvemento e a democracia, ou son, pola contra, os modernos soldados das nacións, artífices dun novo comercio militarizado? Un caso aberto na Corte de Xustiza de Nova York contra Talisman Energy, de Canadá, e a República de Sudán por crimes contra a Humanidade apunta directamente ó segundo.
Sudán é un dos países máis pobres do mundo; sofre unha guerra civil dende hai dezasete anos que xa provocou a morte de 2 millóns de persoas (o 90% civís) e o desprazamento doutros catro millóns e medio. O seu réxime dictatorial é sistematicamente condenado por gobernos e organizacións internacionais polo xenocidio, a fame forzada e a escravitude do seu pobo. Malia iso, hai un factor que permite a flexibilización nas súas relacións coa comunidade internacional: Sudán -situado baixo Exipto e ribeireño con Arabia Saudí- ten petróleo.
Por iso, despois dunha década de interrupción das actividades da industria petrolífera, o relaxamento das sancións fixo posible que a mediados de 1998 a explotación dos recursos petrolíferos sudaneses fose asumida por un consorcio integrado pola canadense Talisman Energy, a Corporación Nacional Petroleira chinesa, a Petronas malaia e maila Sudapet, a compañía estatal sudanesa. A esta asociación vén de adherirse este ano Petróleo e Gas Natural da India, pero á marxe delas, operan en Sudán preto dunha ducia de compañías enerxéticas estranxeiras. O proxecto: a construcción dun oleoducto de 1.610 Km de lonxitude dende o norte de Bentiu ata Port Sudan, no Mar Vermello, atravesará o principal escenario da guerra, o Sudán meridional.
A actual guerra civil segue a estar marcada por unhas fronteiras da descolonización que pasaron por riba da realidade humana. Sudán é un país árabe (35% da poboación) e africano (65%). O grupo dominante, no goberno, é o musulmán, que atinxe aproximadamente ó 70% da poboación e asenta no norte.
O xa pactado -tamén constitucionalmente- dereito á autodeterminación para o Sudán meridional, e mailo conflicto que supón un réxime de estricta lei islámica en todo o país, teñen a súa vertente armada na guerra principal entre a Fronte Nacional Islámica do goberno central e o Exército Popular de Liberación do sur. A esta guerra étnica engádeselle, dende hai uns anos, a loita polo control das reservas de petróleo.
O crú extráese no sur do país, pero é refinado e exportado a través do norte. A autodeterminación do sur apela tamén á potestade sobre os seus recursos naturais, pero o control pertence ó norte. Naturalmente, as instalacións petroleiras do sur son así un obxectivo lexítimo para os que loitan no sur.
Nese estado de cousas, as compañías que traballan na zona dependen da protección do exército gobernamental e das súas milicias paralelas, que protexen as instalacións por medio dunha política de masivos desprazamentos de poboación, despexando deste xeito as zonas de producción e as rotas do transporte.
Que o prezado investimento -500 millóns de dólares ó ano en exportacións- reverte en máis armas, en máis mortos e, en definitiva, no sanguento prolongamento da guerra é, para as compañías, un delicto moral, non punible. Que tamén se utilicen para a outra banda (o goberno arma inimigos presentes, futuros aliados, no sur), tampouco. Talisman, por exemplo, alega no xuízo, investiu dous millóns de dólares en programas de desenvolvemento…“a cousa sería peor de non estarmos alí”, di.
Pero o que se está a xulgar en Nova York, trala denuncia da Igrexa Presbiteriana de Sudán e maila organización que reúne a maioría dos refuxiados sudaneses nos EE.UU, é a implicación directa desta compañía en crimes de guerra. Alégase, (apoiándose en documentos secretos do seu cuartel xeral de seguridade en Jartum principalmente, pero tamén nos informes de Amnistía Internacional, a ONU e o mesmo Goberno de Canadá), que Talisman amañou unha limpeza étnica en Sudán.
Como antes Chevron -que contratou unha empresa de seguridade para os seus campos formada por veteranos da guerra de Vietnam-, Talisman envolve un equipo de firmas de seguridade e conselleiros militares que adestran ás tropas do goberno e ás súas milicias do sur. Este equipo é, digámolo así, o seu brazo armado.
Isto é algo habitual, como tamén o é o feito de que os militares sudaneses usen as estradas construídas por Talisman como asentamentos para abrir campos de guerra, e que utilicen as súas pistas de aterraxe para bombardea-la poboación civil.
A causa aberta en Nova York vai máis lonxe. Afirma que, en 1999, Talisman pediulle ó rexime de Jartum (sete de maio) a mudanza dos campesiños das proximidades dos seus pozos no sur sudanés, dende a vila de Hegling ata Pariang. Satisfacendo o requirimento, o exército lanzou unha primeira ofensiva, e outra maior dous días máis tarde, que destruíu as vilas e “limpou” o territorio en cen quilómetros ó redor. Estímase que a poboación foi reducida nun 50%.
Grupos cristiáns, sindicatos, a bancada de lexisladores negros do Congreso norteamericano, e moitos activistas dos dereitos humanos agardan agora que o Senado estadounidense dea o visto e prace á Lei de Paz en Sudán, xa aprobada na Cámara de Representantes, que prohibiría cotizar na Bolsa estadounidense ás compañías estranxeiras que explotan o petróleo sudanés (falla dicir que na actualidade non hai ningunha compañía norteamericana neste país). Naturalmente hai outras opcións, como “buscar” a Ben Laden en Sudán. O bombardeamento sobre o bombardeamento sempre despexa o camiño.