Super Martinelli

Rafael Correa acadou este domingo a súa quinta vitoria electoral en pouco máis de dous anos, asumindo o reto de afondar nunha “revolución cívica” que aspira a construír o chamado “socialismo do século XXI” en comandita con outros lideres de esquerda da rexión, en especial os presidentes de Venezuela e Bolivia cos que impulsa un cambio de época en Sudamérica. A vitoria de Correa sepulta, segundo el mesmo dixo, a “longa e triste noite neoliberal”, acurralando aos partidos tradicionais integrantes da coñecida como “partidocracia” e representantes dunha década de inestabilidade política na que o país chegou a ter ata sete presidentes.

 

O triunfo de Correa despexa formalmente o camiño para emprender as reformas previstas na Constitución aprobada o pasado 28 de setembro, se ben a súa aplicación debe superar as reservas dunha variada oposición na que militan non só forzas de dereita senón tamén grupos indíxenas e ambientalistas, disconformes cun modelo de desenvolvemento que presta gran atención a unhas políticas extractivas que poden afectar ao ambiente e beneficiar en exclusiva ás grandes transnacionais. Así mesmo, a baixada dos prezos nos mercados internacionais e a redución das remesas da diáspora dificultarán a materialización das súas promesas electorais.

 

A vitoria en primeira volta de Correa, quen tamén se declara bolivariano, fortalece a súa política de oposición ao Tratado de Libre Comercio con EEUU, á presenza de militares estadounidenses na base de Manta, e ao libre mercado, consolidando a tendencia de esquerda na rexión a favor da integración latinoamericana, e da ampliación e diversificación das relacións socio-económicas coas nacións do Sur como unha saída para acabar coa dependencia económica dos organismos multilaterais de crédito e de Estados Unidos. Durante os 27 meses de goberno, o mandatario ecuatoriano expulsou a dous diplomáticos estadounidenses, premeu nas petroleiras para renegociar contratos e deixou de pagar parte da débeda externa. O reto agora é poñer a andar outro Ecuador desde dentro e con resultados palpables nos asuntos clave.