A “tradición” golpista é unha das máis asentadas en Tailandia. A anterior asonada remóntase a febreiro de 1991, pero de 1930 a hoxe podemos contar máis de vinte, se incluímos as tentativas. O da pasada semana era agardado por moitos.
O motivo inicial que propiciou a grave crise tailandesa foi a venda do conglomerado empresarial Shin Corporation a unha compañía de Singapur mediante unha operación comercial declarada libre de impostos. A oposición, agrupada principalmente arredor da Alianza Democrática Popular (ADP), acusou a Thaksin Shinawatra, primeiro ministro, de valerse da súa posición política para actuar de forma fraudulenta. Durante o mes de marzo se levaron a cabo importantes mobilizacións para reclamar a súa dimisión. E Thaksin, o home máis rico de Tailandia, mobilizou os seus apoios, en especial aos campesiños do sudeste e do norte do país, fragmentando o antigo reino de Siam en dous bandos irreconciliables.
A ADP e os outros tres partidos opositores esixían unha investigación a fondo da venda das accións deste grupo, pero Thaksin pechouse en banda. O 24 de febreiro decretou a disolución da cámara baixa e convocou eleccións xerais para o día 2 de abril. Toda a oposición optou polo boicot. O partido Thai Rak Thai, formación gobernante e liderada por Thaksin, quedou abertamente enfrontado a toda a oposición. As eleccións chegaron a se celebrar, pero o Tribunal Constitucional declarou posteriormente que se desenvolveran infrinxindo a lei e que, polo tanto, habería que repetilas.
Ante o bloqueo da situación, o presidente do consello privado do rei e ex premier, Prem Tinasulanonda, e os altos mandos militares, exhortaron ás dúas partes a tomar en consideración os intereses do Estado, buscando unha saída no marco da legalidade democrática. En xullo, a proposta do goberno, aprobouse a celebración de novos comicios lexislativos para o 15 de outubro deste ano pero, nas últimas semanas, se especulaba coa posibilidade dun retraso desa convocatoria, en principio, ata novembro. A convicción de que os próximos comicios, de se celebraren, non solventarían a crise, alentou esta “corrección” por parte do exército en contra de Thaksin, con claro apoio do rei Bhumibol Adulyadej. Un golpe de seda, din algúns, pero real e por partida dobre. O dubidoso é que con golpes, brandos ou duros, se poida fortalecer a democracia.